- CA esixirá máis axudas para os colectivos máis golpeados “para chegar onde non vai chegar a Xunta, porque as administracións públicas teñen que cubrir o 100% das facturas das empresas que foron obrigadas a cesar na súa actividade”
A portavoz municipal de Compostela Aberta urxiu hoxe ao Goberno local a “mudar o foco e as súas prioridades para atender o contexto excepcional que estamos a vivir, porque no medio desta crise social e económica é irresponsable e case obsceno que o concello de Santiago pense máis no cemento que na xente”. Marta Lois lamentou que “Bugallo siga gobernando como se estiveramos en 2010, pensando que o Xacobeo se encargará de solucionar a situación dramática da veciñanza e en que o seu único papel como alcalde é preparar a cidade para o Ano Santo e para os visitantes”. A concelleira advertiu que “o grupo municipal de CA non apoiará ningunha proposta que non poña ás persoas por diante, e que garanta axudas directas para os sectores que máis o precisan e que cheguen alí a onde non vai chegar a Xunta”.
A portavoz municipal de Compostela Aberta sinalou o Goberno local tén 9 millóns de euros de remamentes dispoñibles, e traballa nunha proposta que destina máis fondos a obras que non son urxentes que a axudas para a hostalería, o pequeno comercio ou o sector da cultura. Para Marta Lois, “na situación actual o que máis lle debe preocupar ao Goberno local é que a pandemia e as restriccións que se derivan dela non deixen a ninguén atrás, e non executar algunhas actuacións que non urxen e que se poden acometer no próximo ano”. Pola contra, salientou, “os pequenos negocios e as familias que dependen deles non poden agardar un ano para pagar as súas facturas, están sendo obrigados a pechar as súas portas, e non porque non foran responsables durante este tempo senón para coidarnos, e o Concello debe garantir que eses peches non sexan definitivos”. “A prioridade deben ser as axudas, e o sobrante ir destinado a obras, e non ao revés como está a formular o Goberno”
Ademais, para a voceira de Compostela Aberta, “non tén sentido que Bugallo priorice agora as obras no reparto dos remanentes, cando tén sen executar nin licitar moitos dos proxectos herdados, e debera ter practicamente pechado o proxecto dos orzamentos de 2021, no que pode incluír novos investimentos”.
Goberno sen palabra
Marta Lois tamén foi moi crítica con Bugallo que “unha vez máis demostra que non é un alcalde de palabra, porque non está a respectar o acordo que o grupo socialista asinou con Compostela Aberta no pasado mes de febreiro para viabilizar os orzamentos de 2020”. A voceira de CA sinalou que “non pretendemos que se cumpra estritamente o firmado, porque somos conscientes de que a situación mudou radicalmente, pero o que está a facer o alcalde é ignorar completamente os proxectos consensuados para atender outras actuacións”. Ademais, incidiu Lois, “os proxectos que desbota Bugallo son, precisamente, os que serían máis acaídos para o contexto de pandemia, como as zonas cubertas, acondicionamento de espazos deportivos ao aire libre, ou o acondicionamento da senda peonil e ciclable desde Cornes a Conxo.
A voceira de CA instou a Bugallo a “poñerse na pel das persoas que peor o están pasando nesta crise, a deixar de fantasear coa recuperación grazas ao Xacobeo e a asumir dunha vez que está gobernando en minoría e, polo tanto, debe chegar a acordos”. “Non é bo camiño”, salientou Lois, “deixar en papel mollado o acordo que asinou con Compostela Aberta o voceiro do grupo socialista, Sindo Guinarte, e polo que parece que o alcalde non se sente interpelado”.