A portavoz municipal de Compostela Aberta reclamoulle ao alcalde que “tome nota da mobilización de onte nas Fontiñas contra a construción do Imelga no barrio, e que rectifique, porque aínda está a tempo de facelo”. Marta Lois, que participou na manifestación convocada pola plataforma veciñal, sinalou que “CA non deixará de apoiar esta xusta reivindicación cidadá, volveremos reclamar no Pleno que o Imelga se constrúa nunha zona non residencial, e seguiremos saíndo á rúa se Bugallo segue ancorado na súa postura soberbia”. Á mobilización tamén asistiron os concelleiros de CA Jorge Duarte e Xan Duro.
Marta Lois sinalou que “a veciñanza das Fontiñas está moi preocupada polas consecuencias que poida ter a construción do Imelga tan preto das súas vivendas, e indignada coa actitude do alcalde”. Nese sentido, a portavoz de Compostela Aberta lembrou que “o alcalde mentiu sobre o proxecto, negando en todo momento que no edificio se foran realizar autopsias, cando as informacións difundidas pola Xunta apuntan xusto ao contrario, e precisamente poñen o foco en que a nova sede do Imelga contrará con salas de autopsias cos maiores niveis de protección”. A maiores, reiterou a concelleira, “a veciñanza non pode entender que o alcalde levara á Xunta de Goberno do pasado luns, pola vía de urxencia, a cesión da parcela á Xunta para a construción do Imelga, en plena polémica, sen ter acordado nada coa veciñanza e ás portas dun Pleno no que se debaterán propostas da oposición en relación a este proxecto”.
O Imelga, fóra das zonas residenciais
Lois explicou que Compostela Aberta leva ao Pleno do próximo día 29 unha proposición para reclamar que o Imelga se constrúa fóra das zonas residenciais, para non poñer en risco a saúde e benestar da veciñanza. A portavoz de CA lembrou que “é a segunda ocasión na que o noso grupo presenta unha proposta en relación a este edificio, a primeira contra a súa construción no parque Begoña Caamaño”. Lois recoñeceu que “naquela ocasión CA entendía que había outras localizacións máis acaídas dentro do propio barrio de Fontiñas, pero ese posicionamento respondía ás informacións sobre que o edificio tería un carácter meramente administrativo, tal e como aseguraba o alcalde”. Unha vez corroborada a falsidade desas informacións, sinalou Lois, “o noso posicionamento é claro e contundente: o Imelga non debe estar nunha zona residencial, porque o Concello de Santiago dispón doustras parcelas dispoñibles que están alonxadas das vivendas e que non supoñen ningún risco nin ningún conflito”