- O Goberbo incorporou propostas de CA “con investimentos para a veciñanza e non para os turistas, e axudas fronte á crise”
Compostela Aberta trasladou hoxe o seu apoio á proposta do Goberno para a distribución dos remanentes municipais de 2021, unha vez incorporadas as achegas feitas por CA. A portavoz municipal, Marta Lois, advertiu que “a nosa postura facilitadora irá acompañada do labor de fiscalización, porque os remanentes son cartos que teñen que ser investidos na mellora da calidade de vida da veciñanza de Santiago”. A concelleira insistiu en que “estes fondos teñen que servir para algo máis que para que Bugallo faga a súa habitual propaganda de chuvias de millóns e para sumar máis actuacións á lista de compromisos incumpridos por este Goberno”
Marta Lois valorou positivamente a incorporación aos remanentes de boa parte das achegas que Compostela Aberta lle tiña trasladado ao Goberno, “co obxectivo de que estes fondos serviran para manter as axudas ás persoas e ao pequeno comercio nestes momentos de crise económica, e para impulsar obras pensadas para a veciñanza e non estritamente para os turistas”. Así, na proposta que irá a Pleno contémplanse importantes partidas para os Bonos Corazón e para axudas ao sector da cultura, pero tamén para o fomento da economía social e a economía circular, como tiña demandado o grupo municipal de CA. Do mesmo xeito, inclúense nos orzamentos a auditoría de necesidades do comercio de proximidade, reclamada por Compostela Aberta.
En canto aos investimentos, o Goberno incluiu actuacións demandadas por Compostela Aberta como a Vía Verde (300.000 €), “que xa aparecía recollida no acordo de orzamentos e que este Goberno leva atrasando tres anos ata o punto de que o tramo de Santiago segue sen arrancar mentres o resto da senda está xa practicamente finalizada”. Tamén se incorporaron as redaccións e primeiras actuacións dos plans de mellora dos barrios de Conxo e Sar, con cadansúa partida de 450.000 euros, e a mellora da mobilidade en Fontiñas (150.000 €), “tres propostas demandadas por CA e que tamén foron aprobadas no seu día no Pleno da Corporación”. Ademais, prevese un millón de euros para actuacións nas rúas de Mallou-Nogueira, ou a instalación de elementos deportivos no campo da Festa do Castiñeiriño, outras dúas demandas formuladas por Compostela Aberta.
Para Marta Lois, “a proposta de remanentes que resultou da negociación dos grupos da Corporación será positiva para a cidadanía, pero o realmente importante é que estes compromisos se cumpran e que os investimentos se executen”. A portavoz de Compostela Aberta incidiu en que “o equipo de Bugallo xa nos tén dado moitas mostras da súa incapacidade, e por iso somos escépticas e estaremos vixiantes”. Nesa liña, Lois lembrou que “a mellor mostra da ineficacia do Goberno é, precisamente, que teñamos sobre a mesa uns remanentes de 2021 de 23 millóns de euros, dos que 16 millóns están xa comprometidos para os gastos pendentes que non foron afrontados en prazo, aínda habendo cartos para facelo” Nestes 16 millón inclúense 6,4 millóns de euros para facturas pendentes, 230.000 euros para a amortización de xuros e comisións que non foron abonadas en prazo; 1,3 millóns de euros para intereses de sentenzas pendentes de pagar; outros 1,3 millóns de euros de axudas a diferentes entidades pendentes de pago, ou mesmo o pago das horas extras da Polícia Local e dos Bombeiros. Para a portavoz de CA, “estes datos, ligados ao incumprimento sistemático do periodo medio de pago a proveedores, son a mellor fotografía dun Goberno e dun alcalde que non son quen de xestionar o Concello de Santiago”