Marta Lois: “É alarmante a falta de previsión sobre o futuro do parque de bombeiros, cando xa arrancou a demolición da vella estación de autobuses”

A portavoz municipal de CA advirte que o proxecto do novo complexo administrativo de San Caetano é incompatible co parque e urxe á Xunta a incluir nos orzamentos de 2022 unha partida para as novas instalacións
  • Compostela Aberta esixe que se garanta o mantemento do uso público da rúa Ánxel Casal, que o Goberno galego prevía pechar perimetralmente para uso exclusivo da administración

O grupo municipal de Compostela Aberta mostrou hoxe a súa preocupación pola falta de noticias ao respecto das novas instalacións para o parque de bombeiros de Santiago “cando xa está en marcha o proceso de demolición da vella estación de autobuses para a construción do novo complexo administrativo de San Caetano, que ocupará o espazo do actual parque”. A portavoz municipal, Marta Lois, considerou “incomprensible que non haxa avances no proxecto do ansiado parque comarcal e que o Goberno galego non incluíra ningunha partida para as novas instalacións nos orzamentos autonómicos de 2022, ainda cando os informes municipais sobre o proxecto da chamada cidade administrativa advirten que a Xunta debe garantir o traslado do servizo municipal de extinción de incendios”.

A Xunta de Galicia remitiu ao Concello de Santiago o proxecto de construción do novo edificio administrativo de San Caetano no pasado mes de marzo, que malia a ser considerado un proxecto público de especial interese, tivo que ser sometido a exposición pública por non ser conforme ao PXOM vixente. En maio, o Concello emitiu unha resolución da alcaldía que dá por válido o proxecto, sempre que a Xunta incorpore determinadas cuestións. Unha delas, explicou Marta Lois, “é que se garanta o mantemento das actuais condicións de ocupación das instalacións do Servizo Municipal de Extinción de Incendios ata que o Concello non dispoña doutras instalacións axeitadas no termo municipal”. Ademais, a resolución de alcaldía fai referencia aos informes do departamento de Urbanismo que advirten que “a Xunta tén asumido o compromiso de manter as instalacións dos bombeiros, algo que é incompatible coa execución da segunda fase do proxecto do edificio administrativo, e polo tanto calquera actuación na zona debe quedar condicionada a que a administración autonómica garanta o mantemento das instalacións ou o seu traslado a outro local de condicións axeitadas”. Pero ademais, explicou a portavoz municipal, “na primeira fase do proxecto do complexo administrativo prevese o acondicionamento dun gran parque arborado no espazo que ocupa o actual edificio dos bombeiros, e a súa demolición aparece xa orzada pero non se especifica en que fase da actuación se vai acometer”.

Traballar con previsión

A portavoz municipal de Compostela Aberta lamentou “a falta de previsión da Xunta de Galicia, coa aparente connivencia do Concello de Santiago, ao non estar traballando xa nunha solución para o parque municipal de bombeiros, coa previsión de que desde as instalacións de Santiago se preste o necesario servizo comarcal de emerxencias e extinción de incendios”. Para Marta Lois, “é preocupante que o proxecto da cidade administrativa avance e sigamos sen saber que vai pasar cos bombeiros, e tamén sen que a Xunta prevea unha solución dotada orzamentariamente”. Por este motivo, Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que insta á XUnta a incluír nos orzamentos do 2020 unha partida que garanta a construción dun parque de bombeiros que albergue o servizo municipal de emerxencias e extinción de incendios, e que poida ser tamén a sede dun futuro servizo comarcal. Do mesmo xeito, ínstase á Xunta a consensuar co Concello de Santiago todas as modificacións do proxecto do novo edificio administrativo de San Caetano, en función da resolución de alcaldía que dá por válido o proxecto pero cuns determinados condicionantes.

Uso da rúa Ánxel Casal

Ademais, Marta Lois mostrou a preocupación de Compostela Aberta polos plans da Xunta en relación ao uso da rúa Ánxel Casal. Tal e como explicou, no proxecto que foi sometido a exposición pública o tramo central desta vía pasaba a quedar incluído dentro do complexo administrativo mediante un peche perimetral e cun uso restrinxido. O Concello emitiu un informe desfavorable á proposta de alterar a calificación urbanística destes terreos, que deberán manter a súa actual condición de sistema viario e de espazos libres públicos, “sen prexuízo de que a regulación concreta do tráfico rodado e peonil poida ser obxecto dun convenio específico ao efecto”. Para o grupo municipal de CA, “sería inadmisible que se viabilizaran os plans iniciais da Xunta, que na práctica suporían que a administración autonómica se apropiaria dun viario municipal utilizado pola veciñanza”, e por ese motivo na moción que Compostela Aberta levará ao Pleno ínstase á Corporación “a manifestar o rexeitamento ao peche e restrición de paso así como á substración do uso por parte da veciñanza da rúa Ánxel Casal”.

Primeira fase do complexo administrativo de San Caetano, segundo o proxecto sometido a exposición pública
Segunda fase do complexo administrativo de San Caetano, segundo o proxecto sometido a exposición pública
Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo