• A portavoz de Compostela Aberta lamentou “a pasividade do Goberno de Bugallo cun proxecto que recibiu definido do anterior mandato e no que só se está deixando levar”
  • A construción do biopolo avanza a bo ritmo, e o edificio podería estar rematado en decembro, malia que o Concello atrasou un ano a cesión da parcela

A portavoz municipal de Compostela Aberta, Marta Lois, e a concelleira María Rozas realizaron esta mañá unha visita á parcela na que se vai localizar o biopolo da Sionlla, “un proxecto que non acaba de ter o pulo e constancia que precisa por parte do Goberno local”. As dúas edís estiveron acompañadas polo presidente da Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés e polo xerente da entidade, José Manuel Beceiro. 

Marta Lois e María Rozas puideron comprobar como avanzan as obras de construción do biopolo, que comezaron en decembro de 2021, e que se preve que rematen no mesmo mes deste ano. O presidente da Área Empresarial do Tambre explicou que, xa antes de que o edificio estea concluído, estáse a comprobar o interese das empresas por este proxecto, que tén como obxectivo promover a transferencia da investigación á sociedade e de ampliar a base económica de Santiago. De feito, desde o comezo das obras, xa foron máis dunha ducia as empresas que mostraron a súa intención de adherirse a Sionlla Biotech, a sociedade creada para impulsar o biopolo.

Marta Lois lamentou que “este interese das empresas e mesmo o esforzo da Área Empresarial do Tambre contraste coa pasividade do Goberno de Bugallo, que está demostrando que non ten como unha das súas prioridades o desenvolvemento do biopolo”. Nesa liña, lembrou que “Bugallo tardou máis dun ano en iniciar os trámites para a cesión da parcela, e non o fixo ata que Compostela Aberta levou ao Pleno unha proposición que advertía do serio risco de que se incumpriran os prazos que condicionaban a subvención de 4 millóns de euros concedida pola Xunta para este proxecto”. “Outro exemplo de que o alcalde non tén o biopolo na cabeza”, engadiu Lois, “é o acontecido no Pleno extraordinario da pasada semana, na que o Goberno tivo que autoemendarse a escasos minutos da sesión para diminuir partidas dos remanentes previstas para diferentes axudas para ter fondos dispoñibles para a achega municipal ao proxecto”. Para a portavoz de Compostela Aberta, “non hai escusas para o ritmo aletargado que Bugallo lle imprimiu ao biopolo, un proxecto que recibiu completamente definido por parte do Goberno de Compostela Aberta, e que depende da colaboración de todas as partes implicadas, nomeadamente do Concello”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies