• A portavoz municipal de CA lembra que “levamos cinco meses esperando que nos faciliten acceso ao expediente, e a alarma social non deixa de medrar” 

Compostela Aberta vén de pedirlle ao Goberno local que explique os motivos polos que aínda non facilitou o acceso ao expediente do proxecto da gasolineira que unha empresa quere instalar en Brandía, que o grupo municipal de CA lle solicitou por rexistro hai xa cinco meses. Marta Lois mostrou a súa estrañeza “pola demora na entrega desta documentación, que tén que ver cun asunto sobre o que xa debatimos no Pleno e que, como ben sabe Bugallo, xera unha enorme alarma social entre a veciñanza do barrio”.

Compostela Aberta vén de rexistrar unha pregunta para a súa resposta por escrito para coñecer os motivos polos que non foi facilitado aínda o acceso ao expediente da instalación dunha gasolineira con supermercado no SUNP-29 de Brandía. A portavoz municipal de CA pídelle tamén ao Goberno que explique se o Concello respondeu ás alegacións que a Comunidade de Propietarios da Urbanización de Brandía presentou ao proxecto, e se se presentaron algunhas outras alegacións. Por último, Marta Lois pide que se aclare se ao expediente se incorporou algún informe do departamento de Planeamento. 

Marta Lois lembrou que a veciñanza de Brandía vén mostrando a súa oposición á instalación dunha gasolineira nunha parcela de uso comercial xusto na entrada da zona residencial, no medio das vivendas e en fronte da entrada da papeleira de Brandía. A portavoz municipal de CA incidiu en que “non é o primeiro intento de desenvolver este proxecto, ainda que agora se estea tratando de esconder a gasolineira como actividade secundaria dun supermercado, ainda cando a empresa que solicita a licenza se dedica á venda de carburantes”. Para Lois, “o atraso na entrega da documentación solicitada polo noso grupo non fai máis que incrementar a nosa preocupación en torno a este expediente, que é a mesma preocupación que vén mostrando a veciñanza da zona, relacionada non só cunha cuestión da integración paisaxística da gasolineira senón tamén cos riscos que para a seguridade pública pode ter esta instalación”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies