Orzamentos participativos

Marta Lois e Sindo Guinarte asinan un acordo para viabilizar os orzamentos municipais de 2022

O Goberno incorpora nas contas demandas cidadás trasladadas por CA como o plan de melloras nos CEIPs e diferentes investimentos nos barrios e no rural, e propostas de Compostela Aberta como o Plan de Canguraxe ou os Orzamentos Participativos
  • CA absteráse no Pleno “porque os orzamentos seguen sendo pouco ambiciosos no que tén que ver coas políticas sociais, e manteñen rebaixas en partidas fundamentais como a da Ordenanza de Garantía Básica”

Os grupos municipais de Compostela Aberta e do PSOE asinaron hoxe o acordo que permitirá viabilizar os orzamentos municipais de 2022. O documento suscrito polos portavoces dos dous grupos, Marta Lois e Sindo Guinarte, recolle os puntos que foron consensuados nas conversas, nas que tamén participaron as concelleiras María Rozas (CA) e Marta Abal (PSOE), para acordar as futuras contas municipais. Marta Lois salientou “o talante e a boa disposición demostrados polo portavoz do grupo municipal socialista e pola concelleira de facenda durante este diálogo, das que saen uns orzamentos que non son os que nós fariamos, pero que sí entendemos que teñen elementos positivos para a veciñanza de Santiago”.

O acordo asinado polos grupos municipais de Compostela Aberta e do PSOE estrutúrase en tres eixos fundamentais: as novas incorporacións ao documento orzamentario a proposta de CA, o compromiso do grupo de Goberno de darlle cumprimento a acordos anteriores e aínda non executados, e os puntos concordantes entre ambas formacións que quedaron constatados durante as conversas ao redor das contas de 2022. 

Novos acordos 

Tal e como xa desvelara Compostela Aberta ao anunciar a súa vontade de viabilizar os orzamentos, os orzamentos de 2022 incorporarán varias propostas de CA “que o grupo do PSOE, desta vez, sí considerou axeitadas e axustadas á acción política do actual Goberno”. Entre elas, Marta Lois salientou a vontade do Goberno de retomar a participación directa da cidadanía a través duns novos Orzamentos Participativos aos que se van destinar case 250.000 euros; a posta en marcha dun Plan Municipal de Canguraxe para facilitar a conciliación e os coidados, que contemplará tanto atención a domicilio como en espazos acondicionados a tal efecto; ou a licitación dun Plan Municipal de Xuventude, para o que se prevé unha partida de 35.000 euros.

De igual maneira, o acordo asinado por Compostela Aberta e PSOE inclúe o compromiso de incorporar unha partida de 300.000 euros para a execución do tramo da Vía Verde que discorre por Santiago, o único pendente de iniciarse, no caso de que non ser concedida a subvención do IDAE que foi solicitada para ese fin. O grupo socialista tamén se compromete a asumir as propostas que CA fixo no último Consello de Administración de Incolsa co obxectivo de repensar o modelo turístico: a posta en marcha dun Foro Cidadán sobre a Convivencia e o Turismo, a creación dun Observatorio de Sustentabilidade Turística, e o reforzo do Plan de Inspección de pisos turísticos. Por último, o acordo asinado fai referencia ao programa de Bonos Corazón para o Barrio de San Pedro, que foron demandados durante as negociacións de orzamentos por Compostela Aberta, e que o Goberno vai poñer xa en marcha con cargo a un modificativo de crédito previo á aprobación das contas.

Compromisos pendentes e políticas comúns

No documento asinado hoxe, o Goberno tamén se compromete a atender cuestións do acordo orzamentario de 2020 que non executou e que deben quedar resoltas neste exercicio. Entre elas figuran investimentos como a integración da praza do Matadoiro no parque de Belvís, a cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga Palacios, a dotación de parques biosaúdables ou o Plan de Accesibilidade Universal. Tamén se inclúe neste apartado a humanización do Campus, financiada con cargo aos fondos europeos da EDUSI.

Por último, o acordo asinado hoxe fai referencia ás cuestións que son preocupacións comúns de Compostela Aberta e do grupo do PSOE, tal e como quedou constatado durante as negociacións dos orzamentos. Así, en 2022 mantense o compromiso orzamentario coas medidas sociais impulsadas nos últimos anos no  Concello, tales como a Ordenanza de Garantía Básica ou o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar; incorpóranse actuacións de mellora nas instalacións deportivas e educativas, maioritariamente recollidas na auditoría  dos CEIPs que CA levou ao Pleno; e prevense investimentos nos barrios e no rural que veñen sendo longamente demandados por Compostela Aberta e que lle dan continuidade a actuacións iniciadas no pasado mandato.

Marta Lois aclarou que Compostela Aberta viabilizará os orzamentos coa súa abstención e explicou que “hai moitos motivos polos que non podemos votar a favor das contas, moitos deles relacionados coas políticas sociais que para nós deben ser prioritarias, e máis no actual contexto ainda marcado pola pandemia da Covid-19”. Así, salientou que “o Goberno non accedeu a implantar a Renda Infantil malia que xa en 2020 se comprometera a estudar a súa creación, segue sen atender a cuestión do senfogarismo, e mantén a rebaixa na partida para Ordenanza de Garantía Básica con respecto ao orzado por CA durante o anterior mandato”. Ademais, a portavoz de Compostela Aberta criticou que se manteñan os recortes nas partidas de emprego “mentres seguen aumentando moi considerablemente as de publicidade e protocolo”.

Documentación
relacionada
DOCUMENTO DO ACORDO PARA A VIABILIZACIÓN DOS ORZAMENTOS ASINADO POR MARTA LOIS E SINDO GUINARTE
Novas
relacionadas

Os grupos do Compostela Aberta, BNG e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo