• Compostela Aberta leva ao Pleno unha proposición para renovar o compromiso municipal coa igualdade de xénero
  • A concelleira de CA pide que se consolide o modelo da Casa das Mulleres Xohana Torres, “que leva seis meses sen programación estable”

Darlle continuidade ás políticas transversais de igualdade de xénero impulsadas no pasado mandato e consolidar o programa municipal “Compostela Territorio das Mulleres”. É o obxectivo da proposición que Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana, e que recolle unha batería de medidas concretas para facer de Santiago “un municipio máis inclusivo e máis igualitario”. A concelleira Marta Lois presentou hoxe a proposta,”que nace da necesidade de renovar o compromiso do Concello coa igualdade de xénero, e para chegarmos nunha mellor situación á celebración do próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller”.

Marta Lois explicou que “Santiago é un espazo de convivencia, pero non se libra da fenda de xénero que xera desigualdades no acceso aos recursos e servizos; e no goce dos dereitos sociais, económicos e culturais”. De aí, explicou a concelleira, o traballo realizado no pasado mandato, “cunha clara aposta polas políticas transversais de igualdade de xénero, que interpelaron a todos os departamentos municipais pero nas que tamén se implicaron os sectores sociais e económicos de Compostela”.

Consolidar o traballo feito

A que fora concelleira de Igualdade no pasado mandato municipal lembrou as iniciativas que se desenvolveron nos últimos catro anos, “e que agora compre consolidar”. Así, referiuse ao programa “Compostela Territorio das Mulleres”, que permitiu crear “un mapa de recursos, lugares e equipamentos que axuden a construír un municipio máis igualitario e amigable coas mulleres”; á creación do “Observatorio local de igualdade de xénero”; ou á apertura da Casa das Mulleres Xohana Torres, “unha demanda histórica do movemento feminista, un espazo para darlle acubillo a unha programación cultural específica”. Marta Lois tamén citou outros avances como a recuperación dos Premios Xohana Torres, ou a designación de espazos importantes da cidade co nome de mullleres relevantes, como o Estadio Municipal Verónica Boquete, a Ludoteca María Miramotes das Fontiñas ou o Aeroporto Rosalía de Castro.

Sete medidas concretas

Na proposición que será debatida en Pleno, Compostela Aberta propón sete medidas concretas para “reforzar este compromiso coa igualdade de xénero e fortalecer o proxecto de facer de Compostela un Territorio das Mulleres, peticións que non van dirixidas en concreto á área municipal de Igualdade senón que deben implicar ao conxunto do Goberno de Bugallo”.

En primeiro lugar, o grupo municipal de CA insta ao Goberno a consolidar o modelo de co-xestión da Casa das Mulleres Xohana Torres entre a concellería de Igualdade e os colectivos feministas e de mulleres, activando o funcionamento do centro e mantendo unha oferta regular de actividades “que se botou en falta nos últimos seis meses”. De igual maneira, avógase por darlle continuidade aos programas e obradoiros de empoderamento das mulleres no rural, e por manter o traballo en rede cos sectores socioeconómicos, mantendo as campañas de prevención e sensibilización social en materia de igualdade.

Na proposición asinada por Marta Lois tamén se insta ao Goberno a “aplicar o mainstreaming de xénero en todos os departamentos municipais, para que todas as políticas públicas incorporen a perspectiva de xénero, e nomeadamente o deseño dos orzamentos municipais”; e a traballar “no deseño de políticas públicas de gobernanza do turismo que atendan á perspectiva de xénero, tendo en conta a próxima celebración do Xacobeo 2021”. Ademais, pídese a elaboración dun Plan de sensibilización e formación en materia de igualdade, que sexa obrigatorio para todo o persoal técnico municipal e para todos os concelleiros e concelleiras da corporación.

Por último, en relación á violencia machista, a proposición reclama a activación definitiva do sistema “VioGén” de seguimento integral nos casos de violencias machistas, tal e como se aprobou en Pleno; a activación da app municipal contra as violencias machistas “alerta lila”, “que quedara preparada ao remate do pasado mandato e parece que segue gardada nun caixón”; e a mellora da iluminación de diferentes espazos da cidade, dándolle cumprimento ás demandas do colectivo “Campus do Medo”.

Valoración da campaña “En Negro”

Na rolda de prensa na que deu conta desta proposición, Marta Lois foi preguntada pola súa valoración da campaña “En Negro contra as violencias”. A concelleira considerou positivo que o novo Goberno a mantivera, pero lamentou “que a programación non fora de maior alcance, que non se impulsaran actividades que en anos anteriores enchían todo o mes de novembro, e que faltaran ganas e compromiso real coa campaña”. Ao respecto, denunciou que o Goberno do PSOE non fixo uso dun vídeo de sensibilización sobre as violencias machistas dirixido á poboación adolescente, que quedara elaborado no pasado mandato e financiado con cargo a unha subvención do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DE CA PARA A CONTINUIDADE DA CONSTRUCIÓN DA “COMPOSTELA TERRITORIO DAS MULLERES”

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies