A portavoz municipal de Compostela Aberta lamentou hoxe que “o concelleiro de Obras e Centros Socioculturais volvera ignorar as recomendacións que lle fixemos desde o noso grupo, mostrando novamente unha soberbia que acaba prexudicando á veciñanza de Santiago”. Marta Lois referíase así á decisión do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia de paralizar cautelarmente o procedemento de licitación do servizo de xestión dos Centros Socioculturais. A concelleira recordou que “desde CA pedimos no pasado Pleno a retirada dos pregos dos CSCs porque conteñen erros flagrantes, pero Javier Fernández preferiu ignorarnos e deixar que sexa o TacGal o que lle obrigue a atrasar o proceso”.
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia vén de adoptar a medida cautelar de suspensión do procedemento de licitación da xestión da rede dos Centros Socioculturais, un mes despois da publicación dos pregos dos catro lotes nos que se dividiu a contratación e atendendo a un recurso presentado pola CIG. Ao tempo, o TACGal reclamoulle ao Concello o envío do expediente administrativo, así como das alegacións que considere oportunas.
Marta Lois lamentou que “unha vez máis o TACGal teña que paralizar un procedemento de contratación iniciado polo Goberno de Bugallo, que está a ter continuos problemas en todas as licitacións que inicia”. No caso dos Centros Socioculturais, sinalou a portavoz de Compostela Aberta, “é evidente que os pregos ían provocar problemas, porque unha simple lectura deixa clara a existencia de numerosos erros, incongruencias e anomalías”. Lois lembrou que “no Pleno de novembro pedímoslle a Javier Fernández que revisara os pregos para evitar maiores percances para o Concello e, polo tanto para a cidadanía. Pero como é habitual nel, o concelleiro de Obras e Centros Socioculturais preferiu practicar a soberbia e presumir dunha boa xestión que non xa non cre ninguén”.
Pregos con numerosos erros
O Goberno local acordou o inicio da licitación do servizo de xestión da rede de centros socioculturais o pasado 25 de outubro, e optou por dividir o contrato en catro lotes: animación sociocultural, bibliotecas, atención ao público e novas tecnoloxías. En total, o servizo suporá un custo de 2,6 millóns de euros anuais, e o contrato prevé adxudicarse por un prazo de dous anos. Tal e como denunciou Compostela Aberta, nos pregos existen erros difícilmente explicables, como o feito de que os horarios de abertura que se prevén no lote relativo á atención ao público non coincidan cos horarios establecidos no lote da animación sociocultural, nin tampouco cos horarios das bibliotecas dos centros. Tamén en relación aos horarios, os pregos suporán o peche pola mañá de centros de cabaceira como Santa Marta, Fontiñas, Vite ou Conxo, así como o peche os sábados de tarde de todos os centros. Ademáis, no lote relativo á atención ao público contémplase a instalación dun dispositivo de cámara dual en tres centros socioculturais para o control do aforo, un sistema que semella inapropiado, que mesmo podería vulnerar os dereitos das persoas usuarias, que se anuncia dunha maneira imprecisa sen concretar sequera en que centros se vai utilizar, e co que o Goberno parece confundir o traballo de animación sociocultural co dunha empresa de seguridade.
En relación ás condicións do persoal, os pregos falan da contratación de 14 persoas para a atención ao público na rede de centros, pero as horas previstas para estes traballadores e traballadoras parecen indicar que estarán contratados a media xornada, algo que podería supoñer o incumprimento do deber de subrogación do persoal nas súas condicións actuais. Ademais, no caso da bolsa de horas para actividades extraordinarias de animación sociocultural figura un orzamento de pouco máis de 11€/hora, unha cantidade coa que parece difícil que se poida facer unha contratación de calidade de persoal especializado, tendo en conta que ese sería o prezo a pagar á empresa e non directamente ao traballador ou traballadora.