Marta Lois: “O Goberno de Bugallo nin escoita nin tén ideas para impulsar novas estratexias que garantan o crecemento sustentable do turismo”

A portavoz de Compostela Aberta denuncia “o escurantismo que rodea o Plan de Sustantabilidade Turística” e pregúntase por que o Goberno non facilita os informes que CA leva tres meses solicitando
  • CA reclamará no Pleno a convocatoria do Consello Municipal de Turismo e a posta en marcha de medidas concretas para revitalizar o sector

A portavoz municipal de Compostela Aberta demandoulle hoxe ao Goberno que “repense o modelo e a estratexia turística de Santiago, para adaptarse ao novo escenario derivado da pandemia sen recaer nos erros que, antes da irrupción da Covid, estaban a provocar problemas de convivencia e a expulsar a poboación da cidade histórica”. Marta Lois urxiu a convocatoria do Consello Municipal de Turismo, “para escoitar ao sector turístico e tamén ás entidades veciñais, que teñen importantes propostas e que deben ser escoitados”.

No Pleno da próxima semana debateráse unha moción na que Compostela Aberta propón diferentes medidas dirixidas á recuperación do turismo, “con políticas adaptadas á nova realidade e que procuran, ao mesmo tempo, un crecemento sustentable do sector que non poña en risco o noso patrimonio, os nosos recursos nin a convivencia”. Trátase, explicou Marta Lois, “dunha proposta que o noso grupo municipal abordou nas últimas semanas con diferentes entidades e profesionais turístico, porque cremos que nestes momentos máis que nunca é preciso escoitar e recoller achegas dos que mellor coñecen a realidade do sector”.

Ademais da convocatoria do Consello Municipal de Turismo, “un órgano fundamental para debater coas entidades profesionais e asociacións veciñais os problemas e retos aos que se enfrontan a cidade e o sector, e que non foi convocado no que levamos de mandato”, na moción CA pide que se impulse o traballo conxunto entre os departamentos de Cultura e Turísmo, para desenvolver unha programación conxunta e específica de promoción turística-cultural; e que se aposte pola promoción turística de Santiago como cidade universitaria, “porque temos un enorme patrimomio vinculado á USC que debe ser posto en valor”. Ademais, reclámase a renovación e actualización da sinalización turística da cidade, “unha actuación que está pendente e que xa debera ter sido abordada durante o período de parón da chegada de visitantes por mor da pandemia”.

En materia de promoción, Compostela Aberta recolleu as propostas da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, AGAVI, en relación á psota en marcha de dúas ferramentas que permitirían impulsar a actividade nestas empresas, tamén duramente golpeadas pola pandemia. Unha delas sería o “Bono Viaxa”, un fondo de axuda municipal para incentivar a compra de calquera compostelán ou compostelá nas axencias de viaxes locais; e a outra o “Bono Educa”, pensado para incentivar as viaxes escolares do alumnado de Primaria e da ESO que habitualmente realizan visitas culturais e deportivas.

Por último, a moción de CA incide na necesidade de apostar por un modelo turístico que garanta “que Santiago é un destino de calidade, e que iso se traduza tamén na calidade do emprego no sector”. Nesa liña, Compostela Aberta pide que o Goberno local promova un servizo de asesoramento e inspección da calidade no emprego, e que fomente as boas prácticas laborais, “incluíndo nas bases das axudas que convoque o Concello  valoración da incorporación das cláusulas sociais nos contratos ou a igualdade salarial entre xéneros nas empresas que opten a esas subvencións”.

Escurantismo e falta de ideas

Marta Lois lamentou a “absoluta falta de ideas que está a demostrar o Goberno local, que segue anconrado nas mesmas estratexias turísticas do pasado, sen ter en conta o novo contexto no que nos atopamos”. Nesa liña, a concelleira lembrou que “durante a pandemia, Turismo de Santiago dedicouse a emitir videos promocionais, mesmo animando as visitas no Nadal sen ter en conta a existencia de peches perimetrais; e a día de hoxe ségueo fiando todo á prórroga do Ano Santo, sen pensar máis alá do ano 2022”. “Tampouco se viron ideas novas”, incidiu Marta Lois, “na campaña que Bugallo presentou recentemente en Fitur”.

A portavoz de Compostela Aberta tamén denunciou “o escurantismo que está a caracterizar as decisións do Goberno en materia de turismo, sobre todo no que tén que ver coa implementación do Plan de Sostenibilidade Turística aprobado polo Ministerio de Industria e orzado en tres millóns de euros”. Marta Lois sinalou que “a día de hoxe ainda descoñecemos cales son as actuacións específicas que se van desenvolver, e tamén cal será o rol de Incolsa neste plan estratéxico”. Na mesma liña, a concelleira explicou que “Compostela Aberta segue agardando a recibir os estudos de turismo que o Goberno encargou ao longo de 2020, e nos que gastou máis de 100.000 euros”. Lois preguntouse “cales son os motivos polos que o equipo de Bugallo non quere entregar estes informes, que lle foron solicitados de maneira oficial en marzo e posteriormente a comezos deste mes de maio, sen que Compostela Aberta recibira aínda ningunha resposta ao respecto”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA IMPULSAR UNHA NOVA ESTRATEXIA TURÍSTICA POS-COVID PARA SANTIAGO DE COMPOSTELA

Novas
relacionadas

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas preséntalle ao Club Financiero de Santiago as propostas de CA en materia de reindustrialización

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía comprometeu a creación dunha Oficina de captación e retención de empresas “que facilite a burocracia aos empresarios e emprendedores”

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo