- Lois lembra que “o SAF é un servizo de titularidade municipal, e é ao Concello a quen lle corresponde vixiar o cumprimento do contrato que asinou”
Marta Lois denunciou hoxe que “continúan os incumprimentos coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, ante a pasividade do Goberno local, que segue mirando para outro lado sen exercer o labor de control que lle corresponde e sen darlle cumprimento aos acordos plenarios relativos a este servizo”. A concelleira de Compostela Aberta insistiu en que “o SAF é un servizo público, titularidade do Concello de Santiago que foi quen licitou e adxudicou o contrato en vigor, e por iso é obriga da concelleira Mila Castro e do propio alcalde vixiar que se cumpran as condicións nel establecidas”. Iso será, incidiu Lois, o que o grupo municipal de CA esixe, outra vez, nunha moción que será debatida no Pleno do próximo xoves.
Marta Lois lembrou que o de Axuda no Fogar “é un servizo esencial, porque tén que ver cos coidados, e que atende a unhas 600 persoas en Santiago”. Para a concelleira de Compostela Aberta, “é inadmisible que as traballadoras teñan que seguir reclamando a dignificación das súas condicións, en cuestións básicas que, ademais, están recollidas nun acordo asinado o 1 de xullo de 2022 ao que a empresa segue sen darlle cumprimento, mentres que o Goberno de Bugallo mira para outro lado”.
Actualización dos salarios e organización do traballo
Tal e como recordou Marta Lois, “as traballadoras do SAF manteñen salarios mileuristas para xornadas de 39 horas, e directamente son traballadoras pobres no caso de estaren contratadas a tempo parcial”. A situación non se está a corrixir “porque a empresa ainda non aplicou a suba do IPC para 2022, fixada no 6,5 por cento, e as táboas salariais son a día de hoxe as de 2020”.
Ademais, o persoal do Servizo de Axuda no Fogar denuncia que seguen sen cumprirse outros dos puntos acordados coa empresa en xullo, como a designación dunha persoa coordinadora de referencia “que lle permitira ás traballadoras solventar dúbidas ou resolver emerxencias”; a reorganización do servizo por zonas “para que as traballadoras non teñan que percorrer todo o municipio durante a súa xornada laboral, senón que estean distribuídas por áreas; ou a utilización do sistema municipal de fichaxe “cibersad” para poder identificar de forma clara cales son as asistencias que presta cada traballadora, a que usuario ou usuaria, con que tarefas, e en que horarios.
Pendentes da auditoría do servizo
Na moción que levará ao Pleno do xoves, Compostela Aberta demándalle ao Goberno que medie para garantir o cumprimento destas demandas e que lle reclame á empresa un informe ao respecto. Ademais, explicou Marta Lois, “CA reclama que se dean a coñecer os resultados da auditoría sobre o contrato do Servizo de Axuda no Fogar, que o Pleno da Corporación solicitou en maio de 2022, a partir dunha moción presentada tamén por Compostela Aberta e que contou co apoio dos grupos de PP e BNG”. A concelleira lembrou que naquel acordo reclamábase “a realización dunha auditoría detallada sobre o primeiro ano do contrato do SAF, nomeadamente no relativo á organización do servizo, os recursos humanos, os medios materiais, axudas técnicas e, en definitiva, a calidade do servizo, o seguimento e a avaliación”. Para Marta Lois, “se o Goberno de Bugallo quere poñer de verdade os coidados no centro, debe exercer o seu deber de fiscalizar un servizo que é especialmente sensible, e debe ser estrito nas esixencias á empresa, tanto na atención ás persoas usuarias como nas condicións das propias traballadoras do SAF”.