Marta Lois: “O Goberno leva todo o mandato incumprindo os seus compromisos en materia de Igualdade”

  • Compostela Aberta volve reclamar a actualización dos datos do Observatorio Municipal da Igualdade de Xénero “porque é o primeiro paso para deseñar políticas públicas efectivas”
  • A concelleira de CA pide a elaboración dun informe e unha campaña transversal “para frear a violencia machista en todas as súas formas, non só a violencia física senón tamén a psicolóxica, económica, obstétrica ou mesmo dixital”

Marta Lois volveulle pedir hoxe ao Goberno que actualice os datos do Observatorio Municipal da Igualdade de Xénero, e que realice un informe sobre a situación das mulleres vítimas da violencia machista en Santiago, “atendendo ás múltiples dimensións desta violencia, non só física, senón tamén psicolóxica, económica, obstétrica ou mesmo dixital”. A concelleira de Compostela Aberta incidiu en que “coñecer estes datos é fundamental para que o Concello, como administración máis próxima á veciñanza, desenvolva un traballo activo para facer da nosa unha cidade libre de violencias machistas en todas as súas formas, e para que Compostela sexa verdadeiro Territorio das Mulleres”.

No Pleno da próxima semana, Marta Lois defenderá unha moción para instar ao Goberno a actualizar os datos do Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero, realizar un informe sobre a situación das mulleres vítimas da violencia machista, e poñer en marcha unha campaña de sensibilización contra as violencias machistas en todas as súas dimensións: violencia física, psicolóxica, sexual, obstétrica, económica, dixital, ou vicaria. A maiores, Compostela Aberta demandará a posta en marcha de actividades municipais de apoio institucional ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, así como que o Concello colabore co movemento feminista na organización e loxística dos actos do 25-N.

Marta Lois urxiu ao Goberno local a “atender os compromisos e as actuacións que tén pendentes en materia de Igualdade, e polos que Compostela Aberta vén preguntando reiteradamente desde o inicio do mandato, desde o convencemento de que a administración local debe achegar todos os medios humanos e todos os recursos posibles para combater as violencias machistas”. A concelleira de CA insistiu en que “pouco sabemos do que se fixo ao longo deste mandato, e de como evolucionou a situación das mulleres de Santiago nestes últimos tres anos”. Por iso, Lois pediulle ao Goberno que elabore un informe “para transparentar información que consideramos moi relevante, como cantas mulleres foron atendidas pola concellería de Igualdade, cantas mulleres novas ou universitarias foron atendidas por mor dunha situación relacionada coas violencias machistas, cantas intervencións se realizaron nos puntos Lilas instalados nas festas, cales son os recursos de saída ou habitacionais dos que dispón o Concello para situacións de emerxencia por violencia de xénero, ou cantas veces se reuniu a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero”. 

A concelleira de Compostela Aberta reclamoulle ao Goberno que “adopte unha posición máis activa para facer de Santiago unha cidade libre de violencias machistas, con iniciativas que permitan identificar, visibilizar e concienciar á cidadanía sobre as súas diferentes formas, para que as mulleres vítimas non se sintan soas fronte a calquera tipo de agresión machista”. Nese sentido, defendeu a necesidade dunha campaña transversal impulsada desde a administración local “que piña ao dispor da cidadanía todos os recursos adecuados para avanzar cara unha sociedade plenamente igualitaria”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS E CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO 25-N, DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo