- Lois lamenta que “o PSOE desbote un proxecto que fora consensuado coas entidades sociais, e que mesmo apoiará no pasado mandato votando a favor de mocións que o contemplaban”
Compostela Aberta interpelará no Pleno da próxima semana á concelleira de Políticas Sociais para que “dunha vez explique os seus plans para o chamado Centro de Inclusión que substituirá ao Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar, e para que aclare que políticas vai impulsar para atender a este colectivo”. Marta Lois lembra que pasou máis dun ano desde que o Goberno do PSOE desbotara definitivamente o proxecto aprobado no pasado mandato, “froito dun amplo proceso de interlocución con entidades que traballan coas persoas sen fogar”, e polo de agora só coñecemos que se tén iniciado o proceso para o acondicionamento do edificio de Belvís “pero nada sobre as funcións concretas que vai ter ese Centro de Inclusión”. Para a voceira de CA, “cada vez resulta máis evidente que o Goberno non sabe o que quere facer en Belvís, tan só tén claro que non quere darlle continuidade ao proxecto impulsado por Compostela Aberta, e a Mila Castro tócalle explicar por que”.
Marta Lois lembrou que non será esta a primeira vez na que Compostela Aberta se interese polos plans do Goberno, desde que en setembro de 2019 anunciara que estaba buscando alternativas para o Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas Sen Fogar, un proxecto que foi participado por diferentes entidades e que se ía financiar cos fondos europeos da EDUSI. A portavoz de CA lamentou que “malia as diferentes preguntas escritas e iniciativas plenarias, aínda non tivemos unha resposta clara sobre cal é o obxectivo do Centro de Inclusión anunciado en febreiro de 2020, nin sobre que entidades están asesorando ao Goberno para o seu deseño”.
“O cambio de proxecto non tivo a boa acollida da que presumiu Mila Castro”
A concelleira de Compostela Aberta mostrou o seu convencemento de que “nin o Goberno nin a concelleira de Políticas Sociais saben exactamente o que queren facer no edificio de Belvís, e o único que teñen decidido é que non van investir os 800.000 euros de fondos europeos na atención ás persoas sen fogar”. Marta Lois explicou que Mila Castro deu conta do cambio do proxecto nunha xuntanza do órgano de participación da EDUSI no pasado mes de setembro, “pero tal e como recolle a acta desa reunión, non especificou cales van ser as actividades que se desenvolvan no centro, tan só se limitou a sinalar que se ampliará o número de colectivos que se beneficien dos seus servizos, e que nel se seguirá ofrecendo apoio psico-social pero non aloxamento”.
Marta Lois tamén lamentou que Mila Castro falseara a realidade na súa resposta por escrito a unha pregunta formulada por Compostela Aberta, na que asegurou que o cambio de proxecto tivera “moi boa acollida” na xuntanza de seguimento da EDUSI. A voceira de CA sinalou que “a realidade é ben distinta”, xa que tal e como recolle a acta, só unha das sete persoas que tomaron a palabra para falar do novo Centro de Inclusión explicitou “a súa concordancia coa metodoloxía de traballo”, mentres que as outras seis advertiron que “se perde unha oportunidade ao renunciar ao proxecto orixinal do Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar”. A maiores, dúas das persoas que integran o órgano de participación da EDUSI mostraron as súas queixas pola falta de transparencia e de acceso aos documentos técnicos sobre os cambios propostos.
Na mesma resposta por escrito, o 26 de xaneiro, a concelleira de Políticas Sociais sinalou que “o expediente administrativo completo para a redacción do proxecto do Centro Integral para a Inclusión Social está no departamento de contratación para o inicio do proceso de licitación”, cando non foi ata días despois, o 4 de febreiro, cando a concelleira de Facenda asinou a resolución para iniciar o citado expediente de contratación”. Marta Lois incidiu, ademais, en que “unha cousa é que avance o proxecto para a remodelación do antigo CIAC de Belvís, e outra moi distinta é que se teña avanzado no proxecto para dotar de contido e de actividades o novo servizo”.
“No pasado mandato, o PSOE apoiou no Pleno o Centro para as Persoas sen Fogar que agora rexeita”
A portavoz de Compostela Aberta recriminoulle ao PSOE que “volva incorrer en serias contradicións e a defender unhas cuestións cando está na oposición e outras distintas cando goberna”, e nese sentido lembrou que os socialistas, no Pleno celebrado o 9 de novembro de 2015, votaron a favor dunha moción de Compostela Aberta, aprobada por unanimidade, na que que se instaba “á Xunta e á Deputación da Coruña a colaborar economicamente co Concello na creación dun Centro Municipal de Acollida para persoas sen fogar, no cal se poida ofertar un espazo de encontro e acollida 24 horas ao día para estas persoas”. En maio de 2016, o PSOE volveu votar a favor dunha moción de CA na que novamente se instaba á Xunta a corresponsabilizarse na atención ás persoas sen fogar, e a colaborar no financiamento dun centro integral 24 horas. Para Marta Lois, “non tén sentido que o grupo municipal socialista, do que Mila Castro xa formaba parte, apoiara requirir fondos a outras administracións para o Centro Municipal de Atención Integral ás Persoas sen Fogar, e que agora desbote o proxecto, para o que o Goberno de Compostela Aberta conseguiu 800.000 euros de fondos europeos”.
Na mesma liña, Lois lembrou que o Pleno da Corporación aprobou en decembro de 2018 unha declaración institucional, polo tanto tamén co apoio do PSOE, para a adhesión do Concello de Santiago á Carta europea dos dereitos das persoas en situación de senfogarismo, que sinalaba que “en colaboración coas entidades e Administracións Públicas coas que sexa necesario, este Concello traballará para asegurar un número suficiente de solucións habitacionais para as persoas sen fogar”. Por ese motivo, a voceira de Compostela Aberta reclámalle á concelleira de Políticas Sociais que explique que previsións tén para habilitar máis pisos de acollida para as persoas sen fogar, habida conta de que as vivendas dispoñibles na actualidade non teñen capacidade suficiente de acollida para todas as persoas que se atopan nesta situación en Santiago; e de que maneira prevé darlle cumprimento ao Plan Municipal de Atención ás Persoas en situación de Senfogarismo, aprobado polo Consello Municipal de Saúde en febreiro de 2019.
PODES CONSULTAR AQUÍ A INTERPELACIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA AO GOBERNO LOCAL SOBRE O PROXECTO DE CENTRO DE INCLUSIÓN SOCIAL