Marta Lois: “Os datos da xestión pública da auga en Valladolid obrigan a Bugallo a repensar o seu modelo para Santiago”

O concelleiro Xan Duro urxe ao alcalde a convocar unha nova reunión da Comisión de estudo para a xestión do ciclo integral da auga “constituída hai un ano pero á que non se lle está dando ningunha utilidade real”
  • A concelleira de Medio Ambiente de Valladolid explica que “a municipalización permitiunos licitar máis obras de mellora na rede nos últimos catro anos que nas dúas décadas de xestión privada” 

Compostela Aberta urxiu hoxe ao alcalde a convocar unha nova reunión da Comisión de Estudo para a xestión do ciclo integral da auga, “na que queremos que os grupos municipais poidan avaliar, con datos sobre a mesa, as experiencias doutros concellos que optaron por un modelo diferente ao único que contempla Bugallo, que é o de manter a privatización do servizo durante outros 25 anos”. A portavoz municipal de CA, Marta Lois, invitou ao Goberno local a “demandar información do concello de Valladolid, tamén cun alcalde socialista, onde a municipalización da auga está a ter uns enormes beneficios económicos e sociais”. Así o corroborou a concelleira de Medio Ambiente da cidade castelá-leonesa, María Sánchez, de visita en Santiago para participar nun encontro sobre a xestión da auga, e para varias reunións de traballo, organizadas polo grupo municipal de Compostela Aberta.

O concelleiro Xan Duro lembrou que Bugallo decidiu crear unha Comisión de estudo para a xestión do ciclo integral da auga hai xusto un ano, en decembro de 2020, “pero fíxoo sen vontade ningunha nin de facilitarlle información á oposición nin de estudar realmente os diferentes modelos de xestión dun ben que debe ter a consideración de dereito fundamental”. Desde a súa constitución, a Comisión reuniuse en dúas ocasións, o 13 de xaneiro e o 1 de xullo deste mesmo ano. Tal e como explicou o edil, “ningunha delas foron reunións frutíferas, xa que Bugallo limitouse a expoñer os seus argumentos para a manter a xestión privatizada da auga, sen ningún informe nin estudo que avalara o que, en definitiva, son os seus apriorismos ideolóxicos”. Duro lembrou que “os grupos da oposición seguimos agardando que o Goberno nos facilite unha auditoría sobre a situación do servizo ou os datos da liquidación do contrato con Viaqua que lle pedimos en xaneiro”, e indicou que “Bugallo tampouco achegou máis información sobre o estudo económico financeiro da nova concesión que está a preparar, nin sobre a proposta de priorización das obras de mellora da rede, ainda que esta foi a única cuestión na que o alcalde mostrou a súa disposición a escoitar as propostas dos grupos da oposición”.

A experiencia de Valladolid

Marta Lois reiterou que Bugallo debe convocar novamente a Comisión de estudo para a xestión do ciclo integral da auga, “non só para avanzar na entrega da documentación que estamos agardando, senón tamén para avaliar os datos que desde Compostela Aberta lle queremos achegar, relativos á experiencia que nos está a contar nestes días a concelleira de Medio Ambiente de Valladolid, e que deberan facer que o Goberno de Santiago repense a súa decisión de manter a privatización da auga”. Nese sentido, a portavoz de Compostela Aberta incidiu en que “non hai ningunha xustificación para que Bugallo e o seu equipo non queiran nin sequera avaliar a posibilidade de que en Santiago academos resultados tan positivos como os que están tendo en Valladolid desde que optaron por municipalizar o servizo hai catro anos, cun alcalde do PSOE gobernando en coalición con Valladolid Toma la Palabra”.

A concelleira de Medio Ambiente de Valladolid relatou que a xestión da auga na súa cidade “estivo privatizada durante vinte anos, e nese tempo o servizo acumulou unha déficit de investimento de máis de 96 millóns de euros. Nos catro anos que transcorreron tras a municipalización, conseguimos saldar unha terceira parte desa cantidade”. Ao tempo, explicou María Sánchez, “as tarifas mantivéronse conxeladas, fronte ás subidas de máis do 30% acumuladas nas dúas décadas de privatización; e o gasto corrente do servizo reduciuse en catro millóns de euros”.

A tamén presidenta de Aquavall, a entidade pública que xestiona a auga, referiuse ademais ás obras de mellora na rede que se veñen executando en Valladolid desde a municipalización do servizo. Sánchez explicou que nos últimos catro anos “licitáronse melloras na rede por valor de 43 millóns de euros, fronte ás obras executadas nos 20 anos de xestión privada que supuxeron un investimento total de 27 millóns de euros”.  Por todo iso, a concelleira de Medio Ambiente de Valladolid animou ao Goberno de Santiago “a esquecerse de apriorismos, porque tampouco en Valladolid o alcalde do PSOE era partidario da municipalización da auga ata que se fixeron os estudos pertinentes e se comprobou que esa era a mellor opción para a cidade”

Os datos de Valladolid, concluiu Marta Lois, “demostran a falacia de Bugallo, que insiste en que a única maneira de afrontar as obras de mellora nas infraestruturas da auga é a xestión privada, e que rexeita de plano estudar calquera alternativa que non sexa manter a xestión privada”.

Encontro en Ames

María Sánchez, acompañada por Marta Lois e Xan Duro, tamén mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo no concello de Ames, que está a traballlar na  municipalización do servizo da auga. A concelleira puido explicarlle a experiencia de Valladolid ao alcalde do veciño concello, Blas García, á concelleira de Facenda e Medio Ambiente, Gema Otero, e ao persoal técnico municipal.

Novas
relacionadas

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

María Rozas: “Asinamos un bo acordo para Santiago, que atende ao que nos pediu a veciñanza: un goberno de esquerdas e plural”

Compostela Aberta e BNG asinaron as bases do acordo de goberno transformador para Santiago durante o mandato 2023-2027

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo