- Compostela Aberta valora positivamente o gasto social previsto “porque a análise dos orzamentos, e máis en tempos de crise, non debe limitarse ao capítulo de investimentos
“Os orzamentos xerais do Estado son a constatación do que Compostela Aberta vén denunciando nas últimas semanas: que o Goberno de Bugallo é especialista en vender repetidamente o mesmo proxecto, pero de diferentes formas”. Así valoraba a portavoz municipal de CA as Contas que onte presentaba o Goberno central, “e nas que vemos con preocupación como non hai achegas novas para o Consorcio, que permitan desenvolver os proxectos aprobados polo Real Padroado no pasado mes de xullo”. Para Marta Lois, “a parte positiva dos orzamentos refírense ao compromiso co gasto social, porque para nós é fundamental non limitar a análise aos capítulos de investimentos, e máis cando estamos ainda nunha situación de crise para moitas familias por mor da pandemia da Covid”.
A portavoz municipal de Compostela Aberta incidiu en que “queremos fuxir dunha análise dos orzamentos que se limite ao capítulo de investimentos e ao cemento, e nesa liña consideramos positivo o compromiso que demostra o Goberno co gasto social, ao que se destinan 240.000 millóns de euros”. Agora, sinalou Marta Lois, “queda ver se o Executivo central é quen de poñer en marcha os mecanismos para que esas políticas sociais cheguen efectivamente ás persoas que máis o precisan, acompañadas doutras medidas urxentes como a derrogación da reforma laboral do PP ”.
O Real Padroado, fume
No que tén que ver cos investimentos, Marta Lois sinalou que “Compostela Aberta vén defendendo que Santiago tiña tres necesidades que quedaron ben encamiñadas xa no anterior mandato: a estación intermodal, a EDAR, que tal e como estaba previsto aparece anualizada ata 2025, e o orbital, que tamén figura nas contas”. En canto ao orbitaliño, lamentou que só se recolla unha partida de 100.000 euros “que non permitirá cumprir o anunciado polo alcalde con respecto á licitación da actuación no ano 2022”.
Para Marta Lois, a maior decepción dos orzamentos do Estado tén que ver co Consorcio, para o que se prevé unha partida idéntica á do ano pasado de 4,5 millóns de euros. A portavoz de CA considerou que “queda demostrado que a reunión do Real Padroado de xullo só serviu para vender fume, porque os grandes proxectos anunciados non aparecen por ningures”. Para a concelleira, “que o alcalde diga agora que moitas desas actuacións irán vinculadas aos fondos Next Generation dálle a razón a Compostela Aberta, que vén denunciando que Bugallo estaba a vender por duplicado os mesmos proxectos, como fixo coa loxística do reparto de última milla para a zona histórica”. Lois urxiu ao alcalde a que “aclare co Goberno central cal é o compromiso real co Real Padroado, e cales serán os fondos Next Generation que lle van a corresponder a Santiago, con menos propaganda, e menos fume, e sen solapamento de proxectos”.
Para finalizar, Marta Lois sinalou que “o importante dos orzamentos non é tanto o que se pinte neles como o que se execute, non hai mellor proba que a autovía de Lugo, que volve copar parte das achegas para Santiago, e que leva máis de vinte anos aparecendo nos orzamentos”.