Marta Lois pide medidas de urxencia para afrontar o impacto do estado de alarma en sectores estratéxicos para Santiago

Compostela Aberta presenta unha moción para instar ao Concello e á Xunta a habilitar axudas directas á hostalería, o comercio e a cultura, derivando fondos previstos para a celebración do Nadal e do Xacobeo
  • A voceira de CA pide “medidas urxentes, pero tamén unha planificación estratéxica a medio prazo, porque é evidente que só o Xacobeo e o turismo non recuperarán a economía de Santiago”

O grupo municipal de Compostela Aberta vén de rexistrar unha moción de urxencia para ser debatida no Pleno ordinario de mañá na que propón unha serie de medidas para paliar os efectos da declaración, o pasado domingo, do estado de alarma. A voceira de CA, Marta Lois, sinalou que “é previsible que esta situación teña un importante impacto en sectores que son fundamentais para a economía de Santiago, como a hostalería ou a cultura, e tanto o Concello como a Xunta teñen a obriga de explorar todas as vías para que paliar esas consecuencias negativas”. A concelleira reiterou que “urxe habilitar axudas directas para os sectores máis damnificados, pero urxe tamén unha planificación estratéxica a medio e longo prazo, porque cada día que pasa é máis evidente que o Xacobeo e o turismo non serán a medicina que cure todos os males de Compostela, ainda que Bugallo siga instalado na fantasía do turismo de masas a partir do segundo semestre do 2021”.

A voceira de Compostela Aberta instou ao Goberno local a “analizar cal é a situación de Santiago e cales son as súas necesidades, coa vista posta no 9 de maio, data ata a que podería prolongarse o estado de alarma segundo as previsións do Goberno central”. Marta Lois salientou que “a economía local vaise ver resentida, fundamentalmente o sector da hostalería que suma novas limitacións horarias ás restricións de aforos que xa  viña padecendo; e tamén o da cultura, que terá que cancelar numerosos eventos previstos”. Por iso, na moción que leva ao Pleno, o grupo municipal de CA insta ao Goberno a convocar de urxencia ao Consello Económico e Social, coa incorporación das entidades de economía social, para analizar cales son as necesidades máis urxentes de Compostela e telas en conta de cara á elaboración dos orzamentos de 2021. Marta Lois lembrou que este órgano non se reúne desde o pasado 22 de xuño, ainda que o alcalde insistiu en que o Consello canalizaría a xestión das medidas relacionadas coa Covid-19. De igual maneira, Compostela Aberta pídelle ao Goberno que convoque  de urxencia aos sectores da cultura, a hostalería e o ocio nocturno, especialmente damnificados por esta crise, para definir as medidas adicionais a implementar durante o vixente estado de alarma.

Ademais, tal e como explicou Marta Lois, a moción de urxencia de Compostela Aberta incorpora dúas medidas máis concretas que o Goberno local debe adoptar diante do actual estado de alarma: a limitación do aforo dos autobuses ao 50 por cento, e o correspondente incremento das frecuencias especialmente nas horas puntas e nas liñas que dan servizo aos centros hospitalarios e educativos; e a reorientación dos recursos destinados aos festexos de Nadal para a realización de campañas de fomento do comercio de proximidade e á concesión de axudas directas tanto para o comercio local como para a hostalería e o sector cultural. Para a voceira de CA, “diante da nova situación tén aínda menos sentido que o Concello de Santiago destine case 260.000 euros a luces de Nadal, e é previsible que o orzamento previsto para a programación nos actuais orzamentos se vexa recortado por mor das restricións sanitarias”. Urxe, engadiu a edila, “reorientar os orzamentos do 2021 e o destino dos remanentes de 2019, nunhas contas que o Goberno en minoría do PSOE segue sen negociar cos grupos da oposición, e nomeadamente con CA, que non tivo resposta á solicitude dunha reunión, desde o pasado 18 de agosto”.

Reclamacións á Xunta

A moción que se debaterá no Pleno de mañá tamén apela á responsabilidade da Xunta que, sinalou Marta Lois, “debe asumir as súas competencias, tanto en materia sanitaria como no que tén que ver coa concesión de axudas aos sectores afectados polo estado de alarma”. En canto ao primeiro, Compostela Aberta quere que a Corporación inste ao Goberno galego a reforzar con máis persoal e máis recursos os servizos sanitarios da Área de Santiago, especialmente na Atención Primaria e nos complexos hospitalarios, “para evitar que a saturación por mor da Covid-19 acabe provocando demoras en intervencións cirúrxicas ou na diagnose doutras enfermidades graves”. O acordo tamén pide instar á Xunta a atrasar ás 12 da medianoite o comezo da limitación á circulación de persoas, para darlle máis marxe aos establecementos hostaleiros para adaptarse á nova situación.

Marta Lois explicou, por último, que a moción de CA tamén aposta porque a Xunta “reoriente o Xacobeo, porque a estas alturas sabemos xa con seguridade que os primeiros meses de 2021 van transcorrer no medio de restricións por cuestións de seguridade sanitaria”. Para a voceira de Compostela Aberta, o Goberno galego “debe redirixir parte dos recursos que tiña previstos para a programación do Ano Santo, por exemplo os destinados a grandes eventos que non se poderán celebrar, a habilitar liñas de axudas directas e fondos de compensación para os sectores cultural, comercial e hosteleiro de Santiago”.

Apoio á hostalería

Lois mostrou tamén o total apoio de Compostela Aberta ao sector da hostalería, que esta mañá se concentrou na praza do Obradoiro, contra as excesivas restricións que lle afectan e reclamando medidas de apoio. A concelleira considerou “emocionante ver ao sector unido nestas demandas que son xustas, porque a hostalería está a sufrir especialmente a situación na que nos atopamos, e mesmo está a ser demonizado cando vén demostrando o cumprimento de todas as medidas sanitarias”.

PODES CONSULTAR AQUÍ MOCIÓN DE URXENCIA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA RECLAMAR MEDIDAS PARA PALIAR OS EFECTOS DA DECLARACIÓN DO ESTADO DE ALARMA (R.D.
926/2029) DO DOMINGO 25 DE OUTUBRO EN SANTIAGO

Novas
relacionadas

María Rozas: “No do aparcamento do Clínico, Bugallo e a Xunta do PP chegaron a un único acordo: non falar do problema ata despois das eleccións”

A portavoz de Compostela Aberta lamenta que o alcalde fale agora de “traballo conxunto para adoptar unha decisión sobre o parking, cando a Xunta anuncia un estudo de mobilidade que o propio Bugallo consideraba innecesario ata hai uns días”

María Rozas: “Esixímoslle a Bugallo e á Xunta solucións inmediatas para o aparcamento do CHUS”

A portavoz de Compostela Aberta lamenta “a febleza mostrada polo alcalde, que pasou de asumir que non habería novo parking no Clínico a defender a postura de CA que inicialmente rexeitaba”

Jorge Duarte: “Bugallo debe esixirlle á Xunta a construción do aparcamento do Clínico, pero antes tén que facer os seus deberes”

Jorge Duarte: “Bugallo debe poñerse a traballar coa Xunta para solucionar as eivas de aparcamento no CHUS”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo