A portavoz municipal de Compostela Aberta volveu lamentar hoxe “a actitude soberbia de Bugallo, que está a impedir que Santiago teña os mellores orzamentos para afrontar a situación de crise, uns orzamentos corais apropiados para un momento excepcional”. Despois da comisión da Facenda celebrada hoxe para ditaminar as contas de 2021, Marta Lois reiterou “a faltade diálogo deste Goberno en minoría, que xoga ao despiste ao intentar atribuirlle á oposición o atraso na aprobación das Contas, das que o alcalde se negou a falar ata case o mes de febreiro”.
Na comisión de Facenda celebrada esta mañá, Marta Lois reiterou as súas críticas ao Goberno, “que perde unha oportunidade para facer uns orzamentos preparados para a situación derivada da Covid-19, nun ano no que o Concello non se enfronta ás limitacións de exercicios anteriores pola Lei Montoro”. Ademais, a portavoz de CA lamentou que “nun orzamento expansivo como o que presenta o Goberno, non se incrementa o gasto en áreas sensibles, senón maioritariamente en cuestións queson obrigadas como o pago de sentenzas ou o mantemento de proxectos que veñen do pasado mandato, como a implantación da administración electrónica ou o proxecto Smartiago”.
Un Goberno que non sabe dialogar
A portavoz de Compostela Aberta incidiu en que a prepotencia de Bugallo impediu “unha negociación real sobre os orzamentos municipais, porque o Goberno do PSOE afrontou as conversas como un auténtico paripé”. Marta Lois lembrou que Compostela Aberta reclamou empezar a falar das contas en agosto, “e non foi ata cinco meses despois, o 29 de xaneiro, cando se presentou o primeiro borrador dos orzamentos, e daquela Bugallo ironizaba coa extremada impaciencia da oposición”. A concelleira sinalou que “desde que presentou o primeiro borrador dos orzamentos, Bugallo fixou a data do 11 de marzo para a súa aprobación no Pleno, e mantivo o seu calendario e o seu documento orzamentario ignorando as peticións de Compostela Aberta”.
Marta Lois lembrou tamén que desde a primeira reunión para falar dos orzamentos, o PSOE tardou 12 días en contestar un mail de Compostela Aberta solicitando documentación e algunhas xuntanzas específicas sobre determinadas cuestións dos orzamentos. O 19 de febreiro, CA enviou un listado de temas sobre os que se quería traballar en relación ás contas, e outra vez o PSOE tardou 12 días en contestar a esa comunicación, reclamando peticións máis concretas. O pasado sábado, o grupo municipal de Compostela Aberta remitiulle ao Goberno un documento con propostas concretas e orzadas, “e a resposta do PSOE foi un documento de nove puntos, no que lle dá resposta ás demandas, non só de CA, senón do conxunto da oposición, e que non supón ningunha mudanza real con respecto ao documento orzamentario aprobado pola Xunta de Goberno o 1 de marzo”. Na resposta, explica Marta Lois, “non se incorpora ningunha das nosas demandas en materia de Políticas Sociais, nin sequera as máis asumibles como a posta en marcha dun programa piloto de canguraxe ou a habilitación dunha partida que garanta que as familias non van ter que pagar máis polos servizos de conciliación”. Do mesmo xeito, a concelleira lamentou que “o Goberno fíe todas as peticións de CA aos remanentes, cando estamos a falar dunha negociación dos orzamentos”.
Para Marta Lois, “resulta cada día máis incomprensible a actitude deste Goberno e en particular do seu alcalde, cando a oposición vén mantendo unha actitude absolutamente responsable desde o inicio desta pandemia”. Para a portavoz de Compostela Aberta, “é evidente que Bugallo basea a súa estratexia para aprobar os orzamentos na chantaxe, en culpar aos grupos da oposición dos atrasos na aprobación das contas que o PSOE non foi quen de ter elaboradas practicamente ata febreiro, e que agora non é quen de negociar para garantir a súa aprobación”.