- A portavoz de Compostela Aberta atopou “receptividade no reitor ante a proposta de que o Imelga se constrúa no ámbito do futuro Campus da Saúde”
A portavoz de Compostela Aberta mantivo hoxe un encontro co reitor da Universidade de Santiago, no que lle trasladou diferentes iniciativas que o grupo municipal levará ao Pleno desta semana. Marta Lois presentoulle a Antonio López a proposta de CA en relación á peonalización de Mazarelos, “unha cuestión que lle afecta directamente á USC posto que neste ámbito están localizadas as Facultades de Historia e de Filosofía, e que o reitor pareceu recibir con agrado”. Ademais, a concelleira e o reitor abordaron a polémica suscitada pola intención do Concello e da Xunta de construír a nova sede do Imelga nas Fontiñas”.
A portavoz municipal de Compostela Aberta e o reitor da Universidade de Santiago abordaron na xuntanza diferentes cuestións de interese para o Concello e para a USC. Marta Lois aproveitou a reunión para presentarlle a Antonio López os detalles da proposta que CA levará ao Pleno desta semana en relación á peonalización de Mazarelos, “unha proposta que concilia a necesaria protección do patrimonio coas demandas que se veñen realizando desde a Praza de Abastos para manter espazos de aparcamento na contorna do Mercado”. A concelleira explicou que “CA entende que a Universidade tamén tén moito que dicir ao respecto da mobilidade neste ámbito, no que se localizan dúas facultades tan importantes como son a de Historia e a de Filosofía”. Lois, que xa lle tiña presentado a proposta aos decanatos dos dous centros, sinalou que “o reitor pareceu recibir con agrado a planificación formulada por Compostela Aberta, e que agardamos que sexa tida en conta polo Goberno de Bugallo”.
Imelga
Outro dos asuntos que centrou a reunión entre a portavoz de CA e Antonio López foi a próxima construción da nova sede do Imelga, un organismo que mantén unha estreita relación de colaboración coa Universidade de Santiago, a través de entidades dependentes da USC como é o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro. Marta Lois trasladoulle ao reitor a posición de Compostela Aberta, “contraria á localización do edificio nas Fontiñas, nunha parcela que o Goberno de Bugallo xa lle cedeu á Xunta malia a oposición veciñal”. A concelleira explicoulle a Antonio López que “a reivindicación de CA é que o Imelga non estea nunha zona residencial, apostando pola súa localización noutro ámbito”.
Marta Lois explorou co reitor a posibilidade de que o edificio se constrúa no Campus Vida, “de forma que estaría alonxado das vivendas, pero próximo tanto á Universidade como ao Complexo Hospitalario, cos que o Imelga mantén unha continua relación de traballo e colaboración”.