• Compostela Aberta lamenta que Concello e Xunta afronten o reto do Ano Santo só en clave de promoción do destino, sen preocuparse pola masificación que sofre a cidade histórica
  • A concelleira pide que se reabra o debate sobre a implantación da taxa a turistas e excursionistas, e que se impulsen políticas públicas para mellorar a xestión dos fluxos turísticos e evitar a masificación

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que insta ao Goberno local a impulsar medidas en materia de gobernanza de turismo “que garantan a convivencia entre visitantes e residentes e melloren a xestión dos fluxos turísticos na cidade histórica”. A concelleira Marta Lois presentou a proposta, “que quere responder á evidencia de que a concentración masiva de turistas comeza a pasar factura ao benestar da cidadanía que reside na zona vella de Santiago, que ve con preocupación que non se están a adoptar medidas de cara á previsible chegada de milleiros de persoas no próximo Xacobeo”. Na moción, o grupo municipal de CA pide que se retome a reclamación á Xunta da implantación dunha taxa turística; que se presente unha proposta para aplicación dun gravame para as persoas excursionistas e cruceiristas, que sería de competencia municipal; e que se implementen políticas públicas efectivas para a xestión da mobilidade e dos fluxos turísticos. Tamén se aposta por impulsar un Foro de debate e reflexión sobre a gobernanza do turismo, no que participen as institucións públicas e o tecido asociativo e veciñal.

A concelleira Marta Lois salientou que “os meses do verán están poñendo en evidencia que é urxente afrontar a gobernanza do turismo. Así o reclama a propia veciñanza da cidade histórica que vén denunciando a través de diferentes medios, nomeadamente das redes sociais, as situacións nas que o seu benestar se ve afectado pola masificación e a nula xestión dos fluxos turisticos”. Para a edila, “a Xunta e o Concello non poden pensar no Ano Santo só en claves de promoción do destino, senón que deben impulsar medidas que garantan a convivencia e impidan a masificación, prexudicial para a veciñanza pero tamén para as propias persoas visitantes que non poden gozar da grandeza de Santiago como Cidade Patrimonio da Humanidade”. 

Na moción presentada hoxe, Compostela Aberta lembra que un estudo elaborado polo catedrático da USC Luis Caramés en 2017 concluía que “a implantación da taxa turística sería unha medida apropiada, sempre que se faga dunha maneira proporcionada, e tendo en conta as diferentes temporadas e tipos de aloxamento e utilizando tipos moderados”. Esta taxa, que é competencia da Xunta e que existe en moitos destinos turísticos de todo o mundo, podería supoñer a recadación anual dun millón de euros. Do mesmo xeito, o Plan Estratéxico do Turismo, aprobado en febreiro de 2018, falábase da implantación desta taxa sobre os aloxamentos, “pero tamén dun gravame sobre as persoas excursionistas, que se estimaba en 40 céntimos por persoa e que suporía unha recadación anual de 450.000 euros”. Para Marta Lois, “existen estudos técnicos que avalan que se inste á Xunta a implantación da taxa sobre aloxamentos, que é da súa competencia, e para que o Goberno local presente unha proposta para a aplicación dunha taxa para as persoas excursionistas e cruceiristas”.

Ademais, a concelleira apuntou que o reto do Xacobeo 2021 obriga “a Xunta e Concello a implementar políticas públicas efectivas para a xestión da mobilidade e dos fluxos de visitantes, que combatan o risco de saturación e concentración excesivas de visitantes”. Nesa liña, Lois pediulle ao Concello que “impulse un Foro de debate e reflexión sobre a gobernanza do turismo, aberto á cidadanía”.

Discrepancias internas no Goberno

Marta Lois pediulle ao Goberno que “abra un debate serio sobre a implantación da taxa turística sobre aloxamentos e excursionistas, toda vez que se teñen manifestado diferentes sensibilidades ao respecto entre os membros do Executivo de Bugallo”. Nesa liña, a concelleira lembrou que o alcalde ten rexeitado a implantación da taxa “argumentando tan só que Santiago é unha cidade de peregrinacións e de acollida e que a saturación da cidade está vinculada máis aos excursionistas que aos turistas”; mentres que o concelleiro de Turismo, Gumersindo Guinarte, aseguraba ao mesmo tempo que o Goberno estaba disposto a reabrir o debate da implantación da taxa turística sen apriorismos. Lois apuntou que o edil mesmo apuntou que “aos excursionistas é difícil cobrarlles pero non imposible, porque cabería a posibilidade de taxas aos coches no centrou ou aos autobuses nos aparcamentos de borde”. 

Ademais, Marta Lois lembrou que “unha vez máis, o alcalde Bugallo alónxase das posicións máis progresistas do PSOE noutras cidades nas que sí se ten manifestado a favor da gobernanza do turismo e da implantación dunha taxa, como poden ser Sevilla ou Donosti”.

Podes ler AQUÍ a MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A GOBERNANZA DO TURISMO E A IMPLANTACIÓN DA TAXA TURÍSTICA EN SANTIAGO

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies