Marta Lois: “Tras as imaxes dos últimos días, Bugallo debe asumir que este modelo turístico pón en risco a nosa cidade e a convivencia”

Compostela Aberta pídelle ao Goberno que explique que papel tivo na organización da chegada dos máis de 11.000 peregrinos mozos que nestes días abarrotan Santiago, e que medidas adoptou para garantir a seguridade, a convivencia e a protección do patrimonio

A portavoz municipal de Compostela Aberta reclamoulle hoxe ao Goberno de Bugallo “que reaccione dunha vez, porque as imaxes dos últimos días non deixan dúbidas sobre o punto no que nos atopamos: a nosa cidade, o noso patrimonio e, sobre todo, a convivencia están en risco por mor deste modelo turístico depredador”. Marta Lois lamentou que “o alcalde siga negando todas as evidencias, e lance mensaxes que o único que fan é agravar o malestar da veciñanza, á que non se lle poden pedir nin máis esforzos nin máis paciencia”. CA vén de rexistrar unha serie de preguntas para que o Goberno explique cal foi o seu papel e que medidas se veñen adoptando para garantir a seguridade e a convivencia durante a Peregrinación Europea de Mozos, que nestes días trouxo a Compostela a máis de 11.000 peregrinos de todo o Estado.

A portavoz de Compostela Aberta denunciou “a desaparición do Goberno local nestes días nos que as redes sociais se enchen de imaxes e de comentarios de veciños e veciñas que se senten expulsadas da súa propia cidade, mentres que o alcalde se limita a pedirlles esforzos e unha actitude acolledora”. Para Marta Lois, “é case insultante que Bugallo poña o foco só nos composteláns e compostelás, e sexa tan tibio á hora de criticar as actitudes de peregrinos e turistas, do mesmo xeito que é moi cuestionable que se estea a permitir unha auténtica invasión do espazo público de todas”. Nesa liña, preguntouse “se existe algún tipo de agravio comparativo e se o Goberno de Bugallo lle pón as mesmas facilidades a outros colectivos e mesmo a entidades veciñais á hora de utilizar instalacións e recursos públicos, porque nos últimos días estamos lendo queixas que parecen indicar o contrario”.

Solicitude de explicacións

Por este motivo, Compostela Aberta rexistrou unha serie de preguntas para que o Goberno explique, por escrito, cal é o seu papel en relación á Peregrinación Europea de Mozos, organizada pola Conferencia Episcopal Española e a Arquidiócese de Santiago. En concreto, CA quere coñecer cales foron os traballos de coordinación previos á chegada das máis de 11.000 persoas que participan no encontro, e que dispositivos se puxeron en marcha para garantir a seguridade e a convivencia durante a entrada destas persoas na cidade, “posto que nas imaxes que todas puidemos ver non aparece persoal dependente do Concello que puidera cumprir ese papel, sexa Policía Local ou Protección Civil”. Ademais, tendo en conta que nos videos difundidos nas redes sociais se observan mesmo interrupcións do tránsito, Compostela Aberta pregunta se se realizou algunha tramitación previa de permisos de ocupación da vía pública para a chegada dos mozos e mozas e, de non ser o caso, se se tramitaron sancións ou se realizaron identificacións por parte da Policía Local “porque nos consta que iso sí se fixo recentemente en actividades con moito menor impacto que esta peregrinación masiva”.

Do mesmo xeito, CA pregunta pola tramitación dos permisos de ocupación de vía pública para a celebración das actividades da Peregrinación Europea de Mozos, non só na praza do Obradoiro senón tamén noutros espazos como Cervantes, a Alameda, Mazarelos ou o Camiño de San Francisco. Por último, o grupo municipal de Compostela Aberta reclámalle ao Goberno que explique que dispositivos puxo en marcha para garantir a protección do patrimonio diante da chegada masiva de peregrinos, e cantas identificacións ou sancións está tramitando diante das agresións que tamén se puideron ver en diferentes imaxes difundidas nas redes sociais nos últimos días.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA ESCRITA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A PEREGRINACIÓN EUROPEA DA XUVENTUDE-PEJ2022

Imaxes difundidas a través das redes sociais
Novas
relacionadas

A asamblea de Compostela Aberta decidirá sobre a oferta do BNG para entrar no Goberno

María Rozas insiste en que “CA reivindicará políticas progresistas e transformadoras en Santiago, desde calquera que sexa o seu rol no próximo mandato”

María Rozas: “Mentres algúns prometen enterrar 40 millóns de euros nunha soa rúa, CA comprométese a facer as obras precisas nos barrios e parroquias”

A candidata de Compostela Aberta reivindica que “nesta campaña quedou claro que só nós temos un proxecto claro para Santiago que nace das demandas da veciñanza”

CA creará unha empresa municipal para aforrar custos e mellorar servizos coma o de limpeza e a conserxería das instalacións municipais

María Rozas, André Seoane e Carminha Naveiro denunciaron “as condicións desiguais e o exceso de contratacións parciais que supón o actual sistema e concesións”

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo