“Despois de gastar máis de 130.000 euros en estudos relacionados co turismo a través de contratos menores, o Goberno de Bugallo non puxo sobre a mesa ningunha idea relacionada co sector, ningunha iniciativa novidosa e ningunha alternativa ao fenómeno do xacobeo e ao turismo do canto máis mellor”. Así de contundente se expresou a portavoz de Compostela Aberta, que urxiu ao Goberno local a explicar “cal está a ser a utilidade práctica dese gasto, que non deixa de medrar”.
O grupo municipal de CA vén de rexistrar unha interpelación para que o concelleiro de Turismo explique no Pleno cales son as conclusións que extraeu o Goberno de cada un dos estudos contratados, e que programas, estratexias ou accións concretas se derivan deses informes. Compostela Aberta tamén quere que Sindo Guinarte aclare que actuacións están en marcha ou planificadas das que aparecen recollidas no Plan de Sostibilidade Turística 2021-2023, tendo en conta que está a piques de finalizar o primeiro ano de aplicación do programa.
Marta Lois lembrou que ao longo de 2020, o Goberno local contratou ata oito informes diferentes en relación ao sector turístico, vía contratos menores que en todos os casos rondaron os 18.000 euros. Algúns deses estudos estaban relacionados coa proliferación das vivendas turísticas, pero tamén había informes sobre o posicionamento de Santiago nos mercados turísticos obxectivos tras a crise da Covid, o Plan director do Ano Santo, ou a difusión e promoción de Santiago en China. A portavoz de Compostela Aberta salientou que “todos estes estudos foron abonados desde o Concello, non desde Incolsa, e non nos consta cal foi a súa aplicación práctica a día de hoxe”.
Plan de Sostibilidade Turística
Marta Lois tamén se referiu ao Plan de Sostibilidade Turística aprobado hai case un ano, o 30 de setembro de 2020, cun orzamento total de tres millóns de euros, cofinanciados polo Concello, a Xunta, e a Secretaría de Estado de Turismo. A portavoz de Compostela Aberta explicou que o pasado 7 de setembro, o concelleiro de Turismo asinou un decreto polo que se contrata a asistencia técnica dunha empresa asturiana para a prestación do servizo de apoio á posta en marcha da Xerencia do Plan de Desenvolvemento Turístico Sostible de Santiago, co obxecto de dar apoio puntual no inicio do desenvolvemento do Plan. Ese contrato terá un custo para as arcas municipais de case 18.000 euros, “que parecer ser a tarifa plana de todos os contratos menores que asina Sindo Guinarte, con independencia de cal sexa o seu obxecto”.
Para a portavoz de Compostela Aberta, “é sorprendente que o Concello contrate unha asistencia técnica para desenvolver o Plan de Sostibillidade Turística, cando conta cunha valiosísima ferramente como é a empresa municipal Incolsa, pero máis sorprendente é que tarde un ano para contratala, cando se supón que o Plan de Sostibilidade tén tres anos de aplicación, o primeiro deles este 2021 que está entrando na súa reta final”. Por este motivo, Marta Lois urxirá no Pleno a Sindo Guinarte a explicar “cal é calendario de aplicación das medidas do Plan de Sostibilidade Turística, chamado a redefinir o modelo turístico que cada vez xera máis preocupación entre a veciñanza”.
A concelleira de CA reiterou que “cada día é máis evidente que o Goberno de Bugallo non tén máis propostas para o turismo que deixarse levar polo modelo Xacobeo da Xunta, aspirar a que cantos máis turistas mellor, e esquecer as preocupacións da veciñanza que sofre unha cidade saturada e na que, como vimos neste verán, falla a convivencia entre composteláns e visitantes”. Marta Lois reiterou que “precísanse medidas para lograr outro modelo máis sostible, o Goberno local gastou cartos para solicitar asesoramento nesas medidas, e o que fai é gardar todos os informes e todos os estudos nun caixón, e debe explicar os motivos”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A INTERPELACIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A CONTRATACIÓN ‘A DEDO’ MEDIANTE O CONTRATO-MENOR DE MÁIS DE 130.000€ EN ESTUDIOS DE TURISMO E SOBRE O DESENVOLVEMENTO DO ‘PLAN DE SOSTIBILIDADE TURÍSTICA’ DURANTE O PRIMEIRO TERZO DA SÚA VIXENCIA