• Compostela Aberta demanda a actualización dos datos do Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero, un Plan de atención ás mulleres adaptado á Covid-19, e a presentación dos actos previstos para a conmemoración do 25N
  • A voceira de CA lembra que “o Concello segue sen poñer en marcha a app contra a Violencia de Xénero que quedara preprada no anterior mandato”

A voceira de Compostela Aberta urxiu hoxe ao Goberno a “mostrar un compromiso firme e decidido na implementación de políticas públicas de igualdade e de sensibilización contra as violencias machistas, e a non limitarse á mera retórica de adhesión a manifestos de apoio ás mulleres”. Marta Lois pediu que “Santiago, que durante o pasado mandato de CA foi unha referencia nesta materia, non quede agora atrás e menos coa escusa da Covid-19, que non está máis que a agravar a situación de desigualdade e mesmo de violencias que sofren moitas mulleres”. 

Ante  a proximidade do 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, o grupo municipal de Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que insta ao Goberno local a darlle continuidade a moitas das políticas de Igualdade impulsadas durante o pasado mandato. Tal e como explicou Marta Lois, o grupo de CA quere que o Executivo de Bugallo “manteña a loita contra a violencia de xénero como unha das máximas prioridades na axenda política local, incrementando os recursos municipais destinados a este fin”. Na moción tamén se reclama a actualización dos datos do Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero, e a posta en marcha dun plan reforzado de atención e información ás mulleres, que estea adaptado á situación de maior vulnerabilidade derivada da pandemia da Covid-19. Por último, a voceira de Compostela Aberta demandoulle ao Goberno que presente a programación de actos que tén deseñada para a conmemoración institucional do 25 de novembro, e que apoie ao movemento feminista de Santiago na organización e loxística dos actos por mor do Día Inernacional contra as Violencias Machistas.

Prioridade institucional e política

Marta Lois demandou que a loita contra as violencias machistas “siga sendo unha prioridade institucional e política para o Concello, que tén a obriga e a responsabilidade de informar e protexer ás mulleres”. A voceira de CA mostrou o seu temor a que “a pandemia sexa utilizada outra vez de escusa para retroceder na acción política neste eido, cando a Covid-19 afectou e afecta especialmente ás mulleres, porque está a aumentar as desigualdades desde o punto de vista da sobrecarga de traballo e a precariedade laboral e porque no caso das vítimas de violencias machistas obrigou a unha maior convivencia cos agresores”.

A concelleira de Compostela Aberta tamén expresou a súa inquedanza ao respecto dos actos previstos polo Concello ao redor do 25 de novembro, e reclamoulle ao Goberno “máis iniciativa para programar accións que garantan os protocolos de seguridade sanitaria, e para apoiar ao movemento de mulleres e feministas de Santiago”. 

App Alerta Lila

A voceira de Compostela Aberta tamén reiterou as súas críticas ao Goberno por non ter posto en marcha aínda a app contra as Violencias Machistas, denominada Alerta Lila, que quedara preparada ao remate do anterior mandato e que só era preciso activar. Marta Lois lembrou que CA xa tén preguntado por esta ferramenta, “e as explicacións que se nos deron foron contradictorias”. A exconcelleira de Igualdade, Noa Díaz, dixera en decembro de 2019 que a app estaba pendente dun informe sobre a súa seguridade xurídica, pero en febreiro de 2020 asegurou que descoñecía a funcionalidade da aplicación. Para Marta Lois, “non hai máis escusas para non implementar a aplicación, que estaba acordada con diferentes colectivos feministas e co colectivo do Campus do Medo”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS E PARA RELANZAR O COMPROMISO ACTIVO COA CONMEMORACIÓN DO 25-N

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies