Martiño esixe explicacións a Bugallo e Hernández polo seu pacto para paralizar a depuradora

Agustín Hernández sobre o acordo ao que chegaron en 2011 para adiar a licitación da EDAR da Silvouta ata despois das eleccións municipais.

O alcalde e candidato de Compostela á reelección volveu esixir explicacións a Xosé Sánchez Bugallo e a Agustín Hernández sobre o acordo ao que chegaron en 2011 para adiar a licitación da EDAR da Silvouta ata despois das eleccións municipais. Martiño Noriega denunciou “o recoñecemento público que fixo Bugallo nun mitin dunha maneira de operar opaca, que non atende aos intereses da veciñanza”. Para el, non hai ningunha xustificación “para que un alcalde e un conselleiro cheguen a un acordo para non licitar unha obra en período electoral co único argumento de que as depuradoras son molestas”.

Martiño Noriega referíase así ao vídeo que se coñeceu nas últimas horas, no que Sánchez Bugallo relata nun mitin en Villestro como acordou con Agustín Hernández atrasar a licitación da EDAR para despois das eleccións, cando xa estaban comprometidos os fondos europeos, aprobada a declaración de impacto ambiental e realizados todos os trámites previos ao procedemento de contratación.

Nas imaxes, difundidas inicialmente polo PSOE de Santiago na súa conta de Facebook e retiradas despois de que Compostela Aberta se fixera eco delas, Sánchez Bugallo chega a restarlle importancia a un previsible atraso de seis meses na licitación, e explica que posteriormente o PP convertiu a depuradora en arma electoral “e probablemente este tema me axudou bastante a perder as eleccións”.

EDAR ben encamiñada
O candidato á reelección referíase a esas imaxes na rolda de prensa na que presentou o décimo dos 13 retos cos que Compostela Aberta afronta o próximo mandato, o que procura unha “Compostela Sustentable para xestionar mellor”. Martiño Noriega explicou que precisamente a construción da EDAR é un dos obxectivos nesta liña “e xa temos moito camiño andado para termos unha nova depuradora no lugar da actual, aproveitando a innovación tecnolóxica e o coñecemento da Universidade de Santiago”.

O alcalde avanzou que “ACUAES comunicounos hoxe mesmo que nos próximos días publicará os pregos para iniciar o procedemento do diálogo competitivo, aprobados hai uns días polo Consello de Administración da entidade”.

Recollida do lixo
Outro dos obxectivos para o próximo mandato será a licitación do servizo da recollida do lixo e limpeza viaria. O alcalde explicou que “neste mandato deixamos os pregos elaborados e sometidos a consulta pública ao mercado, e poderemos iniciar o procedemento de adxudicación”, e explicou que a redacción dos pregos viuse marcada por dous importantes cambios lexislativos: a nova Lei de Contratos do Sector Público que entrou en vigor en 2017, e a nova directiva europea sobre residuos aprobada no verán de 2018 e que lle afecta directamente aos concellos.

Ainda así, incidiu en que “Santiago vai ser, coa Coruña, a única cidade galega que cumpra coa obriga imposta desde o Estado para que os concellos de máis de 5.000 habitantes traten de forma separada os residuos orgánicos antes de que remate 2020, fronte a Pontevedra que vén de prorrogar o seu actual contrato do lixo por un prazo de tres anos, e sen poder cumprir esa condición”.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia e número 7 da lista de Compostela Aberta explicou que o novo prego do lixo “suporá un importante cambio na maneira na que a veciñanza trata o lixo que xera”. O máis salientable ten que ver coa fracción de orgánica, “para a que é preciso garantir un tratamento diferenciado se queremos cumprir coa obriga comunitaria de que en 2025 os concellos recuperen o 55 por cento do lixo que xeran”. Con ese obxectivo, na nova licitación contemplarase a instalación de illas de compostaxe comunitarias en todos os puntos da cidade nos que sexa posible, e a instalación do quinto colector naqueles lugares nos que os composteiros non sexan viables.

Xan Duro explicou que “o servizo estenderá o modelo que xa comezamos a implantar neste mandato, co programa piloto de compostaxe comunitaria nos barrios de Santa Marta, San Lázaro e Galeras, coa instalación de illas en varios colexios da cidade, e que co reparto de composteiros domésticos entre máis de 200 familias do rural”.

Os novos pregos suporán importantes cambios tamén no sistema de recollida na cidade histórica. Neste caso, o servizo vertebrarase en torno a tres medidas: a recollida porta a porta de todas as fraccións de lixo nos establecementos hostaleiros e comerciais, a utilización de colectores de quita e pón que só estarán na rúa nos horarios fixados para a recollida, e as illas completas de cinco colectores no perímetro da zona vella.

O número sete da lista de Compostela Aberta lembrou que “neste mandato tamén puxemos xa en práctica o sistema de recollida porta a porta na hostalería da cidade histórica, aínda que só para o vidro e cuns resultados máis que satisfactorios, xa que a recollida selectiva desta fracción aumentou máis dun 30 por cento”. Xan Duro tamén salientou a aposta pola recuperación da compactadora do Franco, na que se recollen máis de 400 quilos de lixo diarios “que non quedan na rúa á espera do paso do camión da recollida”.

Outras medidas
Á marxe da recollida do lixo, Xan Duro explicou que no próximo mandato completaremos a renovación das luminarias apostando por tecnoloxías máis sustentables, despois de ter renovado nos últimos catro anos máis de 2.500 puntos de luz e de ter substituído as luminarias nas instalacións deportivas e en moitas parroquias do rural”.

Ademais, referiuse ao plan de restauración de fontes no que se empezou a traballar en colaboración co Consorcio “para convertelas en fontes de auga potable nos espazos públicos que favorezan o consumo e reduzan a utilización dos plásticos”.

Por último, o concelleiro comprometeuse a “aprobar unha nova ordenanza municipal de verquidos industriais para evitar a contaminación de acuíferos e espazos naturais”, e lembrou que no próximo mandato “estará en marcha o novo CIAC, Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, na Finca do Espiño.

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

CA completa unha lista “feminista, apegada aos barrios e o rural, e comprometida co activismo social e a defensa das traballadoras”

María Rozas presenta o segundo tramo da candidatura, que pechan a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carminha Naveiro; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo