Martiño Noriega anuncia que CA facilitará a aprobación dos orzamentos “porque miramos polos intereses da veciñanza por riba de todo”

O grupo municipal de CA absteráse na votación, despois de que o PSOE recollerá a maioría das súas demandas no documento orzamentario
  • O voceiro de Compostela Aberta e o do PSOE asinaron esta mañá un acordo para a aprobación dos orzamentos municipais deste ano

Compostela Aberta facilitará, coa súa abstención, a aprobación dos orzamentos municipais de 2020 “porque antepoñemos os intereses da cidade e da veciñanza aos partidarios, ao contrario do que pasou no anterior mandato, e porque somos conscientes do momento importante que atravesa Santiago, co horizonte do 2021”. Así o anunciou esta mañá Martiño Noriega, despois de asinar o documento de acordo sobre as contas co voceiro municipal do PSOE, Sindo Guinarte. O portavoz de CA explicou que “despois das negociacións, entendemos que o documento orzamentario consolida politicas impulsadas no pasado mandato, sobre todo no eido social, e recoñece o compromiso da institución cos proxectos que foran aprobados nos orzamentos participativos”.

Martiño Noriega explicou que “Compostela Aberta quixo actuar con responsabilidade, consciente do apurado dos prazos para aprobar un orzamento do que o Goberno empezou a falar a mediados de xaneiro, e por iso mantivo unha actitude propositiva e constructiva no proceso de negociacións”. O portavoz de CA salientou que, froito das conversas do último mes, “o documento orzamentario é respectuoso cunha corporación cunha clara maioría de esquerdas, e blinda as políticas progresistas iniciadas no anterior mandato”

Compromisos sociais

Tal e como se sinala no acordo asinado por Martiño Noriega e Sindo Guinarte, os orzamentos municipais de 2020 recollen “o compromiso de continuar coas medidas sociais xa desenvolvidas nos últimos anos no Concello de Santiago, reforzando a Ordenanza de Garantía Básica e o Servizo de Axuda no Fogar”. O portavoz de CA valorou especialmente o compromiso do PSOE de “poñer en marcha a Renda Básica Infantil, dándolle continuidade aos traballos iniciados no pasado mandato polo Goberno de Compostela Aberta, e a pesar de terse pronunciado en contra desta ferramenta no Pleno da Corporación”. 

Na mesma liña, Martiño Noriega explicou que o Goberno introduciu nos orzamentos as axudas municipais para a instalación de ascensores nas Áreas de Rehabilitación Integral, axudas que se outorgan en función da renda; que se consolidará o modelo da Casa das Mulleres Xohana Torres, e que se lle dará continuidade a programas impulsados por CA en materia de emprego.

 Recoñecemento dos Orzamentos Participativos e outros investimentos

Outro dos motivos que leva a Compostela Aberta a facilitar a aprobación das contas é que o PSOE introduciu nelas os proxectos que foran aprobados nos procesos de Orzamentos Participativos, corrixindo o acontecido nos ”orzamentos técnicos” de 2019. Martiño Noriega sinalou que “deste xeito, o Goberno recoñece que eses proxectos eran compromisos da institución, non de CA, adquiridos cunha veciñanza que se mobilizou para participar no proceso, e con propostas que estaban avaladas polo persoal técnico do Concello”.  Entre eses proxectos figuran a rehabilitación de fontes, o mobiliario de xogo do CEIP Apóstolo Santiago, a reforma do viario A Pajuela-Campo da Festa de Marrozos, ou o campo da festa e aparcadoiro do Castiñeiriño.

Tamén se contemplan outros proxectos que foran incluídos por Compostela Aberta nos orzamentos non aprobados de 2019, como a mellora do entorno deportivo de Santa Isabel, a zona cuberta de usos múltiples de Santa Marta, ou a cuberta do pavillón municipal de Quiroga Palacios. Ao tempo, no acordo asinado recóllese o compromiso  de levar a cabo o anteproxecto para a nova piscina cuberta de SAnta Marta. En materia de reequilibrio territorial, o acordo fai referencia ao cumprimento do Pacto polo Rural, cuns investimentos previstos nas parroquias que superan os 2,5 millóns de euros, e co compromiso asumido polo Goberno para avanzar na redacción dos proxectos para executar obras de saneamento no rural.

“O PSOE podería ter ido máis alá en cuestións sensibles”

Martiño Noriega explicou que “Compostela Aberta non pode votar a favor dos orzamentos municipais, porque hai cuestións que para nós son sensibles nas que consideramos que o Goberno podería ter ido máis alá”. Entre eses puntos, o portavoz de CA citou o Centro Municipal de Atención Integral para Persoas sen Fogar, “un proxecto ao que o PSOE segue dándolle voltas, buscando solucións intermedias entre o que quería facer e o deseño que no pasado mandato fora acordado coas entidades sociais e que pretendía ir máis alá dos modelos da beneficiencia”.

O concelleiro tamén explicou que “CA pretendía que o Goberno fora tamén máis ambicioso en cuestións como as partidas de mantemento para o rural ou o acordo pola reindustralización, que non cumpren as nosas expectativas”. Por último, apuntou que “non podíamos darlle o sí a unhas contas que non recollen aínda todos os proxectos de Orzamentos Participativos, ou que non explicitan claramente que se redactará o proxecto da Cidade da Raqueta ou o da escola infantil de Santa Marta, outros compromisos sobre os que parece haber consenso na corporación municipal”.

Seguimento do acordo

Martiño Noriega advertiu que, despois de asinar este acordo, Compostela Aberta “estará vixilante e fará seguimento do cumprimento do firmado, tendo en conta que parte dos compromisos adquiridos polo PSOE dependerán de remanentes e da venda de parcelas municipais”. O portavoz de CA mostrou o seu desexo de que “a partir de agora, con esta facilitación, o Goberno sexa quen de poñer en marcha a maquinaria municipal despois destes meses de parálise, e diso dependerán os espazos de colaboración no futuro”. Por último, agradeceu “a boa vontade negociadora que mantiveron tanto a concelleira Marta Abal como Sindo Guinarte, con quen se creou un bo clima de negociación desde a responsabilidade dos dous grupos municipais”.

PODES CONSULTAR AQUÍ O DOCUMENTO DO ACORDO PARA OS ORZAMENTOS 2020 ASINADO ENTRE OS GRUPOS MUNICIPAIS DE CA E DO PSdeG

Novas
relacionadas

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo