- CA esixe o compromiso da Xunta de que a nova residencia prevista no Restollal sexa de xestión pública
Martiño Noriega reclamoulle hoxe a Xosé Sánchez Bugallo que “como alcalde de Santiago lle esixa oficialmente ao presidente da Xunta que interveña as dúas residencias de maiores que a empresa DomusVi xestiona na nosa cidade”. Para o portavoz municipal de Compostela Aberta, “Bugallo non pode seguir calado, mentres segue medrando o número de persoas falecidas e contaxiadas pola Covid-19 nos centros de San Lázaro e Pontepedriña, e mentres as traballadoras e as familias denuncian a falta de medios e as condicións nas que se atopan as persoas residentes”.
Días despois de ter esixido a intervención das residencias de San Lázaro e José Otero, Martiño Noriega instou ao alcalde a “exercer a súa responsabilidade e a reclamarlle a Alberto Núñez Feijóo que interveña e medicalice os dous centros, como xa fixo hai semanas coas residencias que a empresa DomusVi xestiona en Vigo e Cangas”. O voceiro de CA lembrou que no centro de San Lázaro “son xa 17 as persoas falecidas por coronavirus, tres máis que na residencia de Cangas xa intervida pola Xunta”. Ademais, o número de afectados pola Covid-19 non deixa de medrar. Segundo o balance feito público onte, na residencia de San Lázaro están contaxiados 92 maiores e 37 traballadoras; e na de José Otero contabilízanse xa 23 positivos entre as persoas usuarias, e cinco entre o persoal.
Martiño Noriega lamentou que “esta crise sanitaria siga poñendo en evidencia as consecuencias das políticas austericidas e privatizadoras, no eido da sanidade e no dos coidados ás persoas maiores”. Por iso, reiterou a esixencia de Compostela Aberta “para que a Xunta garanta que a futura residencia de maiores prevista no Restollal sexa de xestión pública, porque non podemos permitir que a atención xeriátrica se entenda como un simple negocio”.
Dúbidas sobre a praxe de DomusVi
O portavoz de Compostela Aberta preguntouse “que leva a Alberto Núñez Feijóo a non ter intervido aínda as residencias xestionadas por DomusVi, cando as dúbidas sobre as prácticas desta empresa non fixeron máis que medrar desde o comezo da pandemia”. Ao respecto, Martiño Noriega lembrou que a propia Fiscalía Superior de Xustiza de Galicia ten aberto dilixencias sobre o funcionamento da residencia de San Lázaro, a partir dunha denuncia do Valedor do Paciente; e tamén a Valedora do Pobo ten iniciado unha investigación de oficio ao respecto. “Cada día que pasa sen que a Xunta teña intervido estes centros”, engadiu o concelleiro, “é un día no que se incrementan os riscos para a saúde tanto das persoas usuarias como dos traballadores e traballadoras das residencias”.
Martiño Noriega lembrou que “as queixas sobre DomusVi non son novas, as súas traballadoras levan anos denunciando unha situación precaria que vai en detrimento da atención aos maiores, e nas últimas semanas alertaron da falta de medios persoais e materiais para afrontar unha crise sanitaria destas características”. Por iso, esixiu “que se esclarezan as responsabilidades que pode ter esta empresa, e nomeadamente a súa xerenta en Galicia”. Ademais, o portavoz de Compostela Aberta sinalou que “as dúbidas sobre o funcionamento desta empresa non se limitan ao noso país, porque son máis de 150 as persoas maiores falecidadas por coronavirus en oito residencias xestionadas por DomusVi en todo o Estado, con investigacións xudiciais abertas ao respecto noutras cidades como Sevilla”.
Noriega concluíu resaltando que haberá que buscar os motivos para a demora e as reticencias de Feijóo na medicalización e intervención destas residencias DomusVi, manifestando que “non queremos pensar, a pesar das hemerotecas, que tras a decisión de non intervir pode haber algún condicionante pola relación que a conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, mantén con altos cargos do PPdG e do goberno galego”. “Non queremos pensar que este tipo de condicionantes poidan opacar unha decisión necesaria, urxente e de saúde pública”.