Martiño Noriega: “Bugallo vende como plan para reactivar a economía un documento cos contratos que xa estaban previstos por CA”

O portavoz de CA cualifica de “tomadura de pelo á veciñanza” publicitar un plan de contratos por 800 millóns de euros, cando o orzamento de Santiago en 2020 é de 117 millóns
  • Noriega pregúntase que intereses pode ter o PSOE para anunciar a licitación do contrato da auga por 25 anos, sen facer públicos os estudos para definir o modelo de xestión máis eficiente e sen dar continuidade á comisión do Pleno creada con ese fin

“O que o alcalde Bugallo e a concelleira Marta Abal presentaron onte a bombo e platillo non é máis que a lista de contratos que o Goberno tén pendentes de licitar, recollida nun documento ben maquetado”. Así valorou Martiño Noriega o I Plan de Contratación Municipal 2020, “que non é ningún plan senón unha táboa resumo, e que non trae máis novidades que a confirmación de que o Goberno do PSOE segue a pensar máis nos intereses das grandes contratas que nos da veciñanza”. Boa mostra diso é a intención de Bugallo de licitar o contrato da auga por 25 anos, sen ter pechado os traballos da comisión creada durante o pasado mandato para definir o modelo de xestión máis eficiente, e sen ter feito públicos os informes que foran encargados con ese obxectivo.

Martiño Noriega acusou a Bugallo de “intentar enganar á cidadanía ou de tomala por parva cando presume de que o seu Goberno aproba un Plan de Contratación por 800 millóns de euros, tendo un orzamento total para este ano de 117 millóns”. Ademais, advertiu que “será moi difícil que Bugallo saque adiante estas licitacións no que resta de ano, porque non foi quen de iniciar ningún procedemento relevante no ano que leva na alcaldía”. Para o portavoz de CA, “é tamén indignante que o alcalde e a concelleira Marta Abal aseguren que este é un plan que axudará á reactivación económica de Santiago e á creación de emprego tras a crise da Covid-19, “cando todos os contratos recollidos no documento estaban xa previstos nos orzamentos municipais”. Tamén salientou que “gran parte dos contratos incluídos nas táboas son herdados do anterior mandato: actuacións para as o Goberno de Compostela Aberta captou fondos europeos a través da EDUSI, o Smartiago, obras do POS da Deputación, proxectos xa aprobados por CA…”

Contrato da auga a 25 anos

Martiño Noriega lembrou que “dos 800 millóns dos que presume Bugallo neste Plan de Contratación, máis da metade, 450 millóns, corresponden ao servizo de abastecemento de auga que o PSOE pretende licitar para un prazo de 25 anos”. Para o portavoz municipal de CA, “é significativo que os socialistas impulsen este contrato despois de teren rexeitado no Pleno reactivar a comisión que fora creada no pasado mandato para estudar a maneira máis sostible e eficiente de xestionar este servizo, e cando seguen sen facer públicos os resultados dos estudos encargados no seu día para definir o mellor sistema de xestión”.

“Parece evidente”, engadiu Noriega, “que os socialistas queren perpetuar un modelo polo que o servizo da auga leva en Santiago nas mans da mesma empresa desde os anos 90, con prórrogas que o propio Consello de Contas considerou irregulares, e con préstamos para a celebración de actos culturais polos que o Concello, e polo tanto a veciñanza, pagaron intereses durante vinte anos”. Para o concelleiro, “é unha mágoa que Bugallo volva a demostrar cal é o seu PSOE, que non é o de cidades gobernadas polos socialistas como Valladolid que sí apostaron pola municipalización da auga, ou concellos máis próximos como o de Ames, que vén de prorrogar o actual contrato ao tempo que iniciou as xestións para municipalizar o servizo”.

Externalización do cobro de impostos

Na mesma liña, Martiño Noriega denunciou que o Goberno do PSOE “segue pola senda das externalizacións, e inclúe nese plan un contrato para xestionar o cobro de impostos”. O portavoz de CA considerou “lamentable que Bugallo queira pagarlle máis dun millón de euros a unha empresa por facer un traballo que veñen desenvolvendo os funcionarios municipais, e que aposte por un modelo externalizado que a xustiza e a Abogacía do Estado xa teñen cuestionado en numerosos municipios”. Ao respecto, Noriega apuntou que “o Concello vai facer que unha empresa xestione impostos que teñen moito que ver con información persoal da veciñanza, como a súa vivenda, coche ou actividade comercial”

Lixo e transporte público

Compostela Aberta lembra tamén que algúns dos contratos que o Goberno recolleu no seu Plan de Contratación son licitacións que xa deberan estar cando menos iniciadas e que o PSOE non foi capaz de impulsar no ano que leva de mandato. Así, Martiño Noriega referiuse ao servizo de recollida do lixo e limpeza viaria e ao contrato do transporte urbano “para os que quedaron redactados os pregos técnicos durante o pasado mandato”. O concelleiro preguntouse “cales foron as modificacións nos pregos que motivaron este atraso, porque os antecedentes fannos temer que o PSOE puido perder un ano para non mudar nada, como xa fixo en proxectos como o de Peleteiro ou Clara Campoamor”.

No caso do contrato do lixo, o portavoz de CA insistiu en que “Santiago non vai cumprir coa obriga imposta polo Goberno do Estado para que todos os concellos de máis de 5.000 habitantes recollan os residuos orgánicos por separado antes de que remate 2020, e non o vai facer porque este Goberno non licitou o servizo cando debera”. Ademais, lamentou que o Goberno de Bugallo prevea licitar este contrato por 12 anos, “cando a propia concelleira se vén queixando de que o servizo actual é deficiente porque o contrato era moi antigo e non acompañou o crecemento da cidade e das súas necesidades”.

Novas
relacionadas

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

Compostela Aberta é a única formación que tén publicado e accesible o seu programa electoral

María Rozas aféalle a PSOE, PP e BNG que leven días “falando de propostas duns programas que non se sabe onde están nin que compromisos firmes incorporan”

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo