- Noriega lamenta que “Feijóo siga máis preocupado pola propaganda que pola xestión dunha crise que evidencia os resultados das súas políticas austericidas para a sanidade pública”
Martiño Noriega instou hoxe ao presidente da Xunta a dotar de recursos suficientes á Atención Primaria “que debe ter un papel protagonista na loita contra a Covid-19, como piar que é do noso sistema sanitario”. O portavoz de Compostela Aberta e integrante de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que “a pandemia está evidenciando o que supuxeron as políticas austericidas da década negra de Feijóo para o noso sistema público de saúde”.
Martiño Noriega lembrou o enorme traballo que se desenvolve desde a Atención Primaria, “non só no combate da pandemia do coronavirus, senón tamén na prevención de calquera outro tipo de doenza”. Para el, este servizo “é o piar do noso sistema de saúde público, porque é o máis próximo á cidadanía e o mais efectivo, e por iso non se entende que Feijóo continúe a enfraquecelo”. O integrante de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que “a Xunta está a facer todo o contrario do que debera, que é dotar de recursos á Primaria, non retirar os residentes estas semanas, organizar e coordenar mellor o servizo, e derivar a Atención Primaria o seguimento e control domiciliario dos doentes de coronavirus mediante o programa Telea”. Noriega pediulle a Feijóo “que deixe de pensar na propaganda dos hospitais de campaña, e atenda ao que di a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec)m que xa tén advertido que se a Atención Primaria non asume o seu protagonismo na crise do coronavirus, o sistema sanitario poderá colapsar antes do previsto”.
O portavoz de Compostela Aberta lembrou a multitudinaria manifestación en defensa da Sanidade Pública que percorreu as rúas de Santiago o pasado 9 de febreiro, “e que tiña como unha das súas principais motivacións protestar contra o deterioro da Atención Primaria”. “Por desgraza”, engadiu, “é en momentos de crise como a actual cando nos damos conta con toda a súa crudeza do que significaron as políticas austericidas da década negra de Feijóo, co peche de numeros servizos sanitarios, co ocultamento das listas de espera e cunha precariedade laboral do persoal sanitario que é insoportable”.
Gómez Reino pide “un maior esforzo investidor”
Tamén o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas reiterou a necesidade de que a Xunta dedique todo o esforzo investidor necesario para reforzar o sistema público de saúde, e insistiu en que se os hospitais galegos acaban colapsando pola epidemia de Covid-19 “unha parte importante da responsabilidade será de Feijóo, que leva anos recortando o orzamento sanitario” Nesa liña, Antón Gómez Reino advertiu que as rebaixas sostidas no investimento en sanidade en Galicia durante os mandatos do Partido Popular supuxeron unha perda millonaria para o sistema, e lembrou que eses recortes “provocaron unha depauperación progresiva da sanidade pública”.
“Galicia podería enfrontarse a esta crise con moitas máis garantías se Feijóo non tivera recortado un 21% o orzamento sanitario para atención primaria”, afirmou o portavoz da coalición, para lembrar que os recortes tamén afectaron á oferta de camas hospitalarias.”En Galicia había 10.434 camas cando Feijóo accedeu á Xunta. Hoxe son 900 menos, é dicir un recorte do 8,6%.” Se no 2009 a oferta hospitalaria era de 3,53 camas por cada mil habitantes, hoxe non chega ás 3,14, a terceira peor cifra de todo o Estado.
Nese sentido, Eva Solla lembrou que os profesionais e usarios da sanidade galega levan anos denunciando os recortes. ”Neste decenio de Feijóo, a sanidade pública galega mantivo varias folgas: na atención primaria e nos puntos de atención continuada (PACs), contra a amortización de prazas, polas deficiencias no 061… E agora enfrontamos unha situación de crise na que a sanidade pública ten que xestionar e facer fronte ás graves consecuencias e deficiencias que provocaron os recortes, e que afectan en definitiva á calidade da atención da nosa saúde” dixo .