- Compostela Aberta lamenta que o alcalde “perdera o tempo esta semana en xuntanzas nas que só constatou que o traballo sobre a estación estaba lanzado”
- O voceiro de CA salienta as contradicións de Bugallo “que agora asume que a segunda fase da intermodal estará en execución en 2021 tal e como nós viñamos asegurando”
Martiño Noriega púxose hoxe a disposición do alcalde para informalo en detalle de todos os pasos dados en relación á construción da intermodal “para que Bugallo deixe de gastar enerxías en dar pasos que xa foran dados no anterior mandato, e en branquear traballo xa lanzado e xa feito no pasado polo Goberno de Compostela Aberta”. O voceiro de CA cualificou de “esperpento” o vivido esta semana, tras as reunións que o rexedor mantivo coa presidenta de ADIF e coa conselleira de Infraestruturas “xuntanzas nas que houbo grandes xiros de discurso e cambios constantes nas preocupacións do alcalde”.
Martiño Noriega lembrou que a primeira fase da intermodal está xa licitada e en execución, coa colaboración do Concello, da Xunta e de ADIF. En canto á segunda fase, explicou que “o proxecto básico está xa informado polos técnicos municipais, e antes de que acabe o ano o equipo redactor liderado polo estudio de Herreros deberá presentar o proxecto global”. Ao respecto, o voceiro de Compostela Aberta sinalou que “este non é ningún logro de Bugallo, senón que entra dentro do previsto na adxudicación realizada por ADIF para a redacción do proxecto que outorgaba un prazo de 24 meses para a entrega do traballo, prazo que se cumpre en novembro”.
Cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros
Deste xeito, o voceiro de CA ratificouse no que viña mantendo nas últimas semanas: que a cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros e pasaxeiras non se estaba a ter en conta de facto, e que o ADIF estaba a dar pasos para afrontar o proxecto global á marxe do número de usuarios. Neste sentido, Martiño Noriega sinalou que “Bugallo acaba de corrixirse, dando onte por feito que as obras da segunda fase estarán en marcha en 2021 fronte ao que dicía hai tan só tres días, e recoñecendo que o que puido coñecer do proxecto o sorprendeu gratamente”. Ao tempo, o concelleiro de Compostela Aberta mostrou a súa sorpresa porque “outra das grandes preocupacións do alcalde antes da súa ronda de contactos, o aparcadoiro da intermodal, desapareceu totalmente da axenda despois das xuntanzas, nas que constataría que o estacionamento xa estaba previsto tal e como defendimos desde CA”.
Accesos á intermodal
Martiño Noriega pediulle ao alcalde que “sexa minimamente rigoroso e non alongue os procesos neste espectáculo lamentable no que só quere dar a impresión de que se fai cando non se fai nada”. Ao respecto, referiuse tamén á reforma do viario Clara Campoamor “porque Bugallo dixo en campaña que mudaría radicalmente o proxecto de Compostela Aberta, e agora asume que só fará unha pequena modificación no carril bici previsto”. O voceiro de CA mostrouse convencido de que deste xeito as obras nos accesos atrasaranse “e todo coa complicidade da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que con Compostela Aberta no Goberno falaba da apocalipse polos prazos da reforma de Clara Campoamor e agora asume sen problemas as demoras do Goberno do PSOE”.
Alboradas nas Festas do Apóstolo
O voceiro de Compostela Aberta aproveitou a súa comparecencia para mostrar o malestar do grupo municipal tras coñecerse a decisión do Goberno de Bugallo de suprimir a actividade “Festas com Alvoradas”, que fora seleccionada no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide e ía desenvolverse nas Festas do Apóstolo. Martiño Noriega considerou que esta medida “é unha falta de respecto á veciñanza que seleccionou esa proposta, e á ducia de agrupacións culturais que ían participar na actividade que nin sequera foron informadas en tempo e forma polo Goberno”.