Martiño Noriega pedirá explicacións no Pleno sobre a xestión da área de Centros Cívicos

  • Compostela Aberta interpelará no Pleno ao concelleiro Javier Fernández sobre a declaración de caducidade do expediente aberto a Ferrovial e os pasos dados na incoación do novo expediente
  • O voceiro de CA lamenta que o PSOE “elixa para controlar o contrato a unha persoa que foi responsable de irregularidades administrativas no pasado que supuxeron importantes custos económicos para o Concello”

 

O grupo municipal de Compostela Aberta vén de presentar unha interpelación ao concelleiro delegado de Centros Cívicos para que se debatan no Pleno diferentes cuestións relativas á xestión da rede. O voceiro de CA, Martiño Noriega, explicou que o obxectivo da proposta é “que o Goberno explique os motivos das decisións que vén adoptando nesta área, nomeadamente do cese das persoas que foran designadas para supervisar o contrato coa empresa concesionaria e a declaración de caducidade do expediente que lle fora aberto no pasado mes de abril a Ferrovial e incoación dun novo procedemento”. Para o concelleiro, “este é un departamento que require da máxima transparencia na xestión, porque vimos de acumular sentenzas por cesións ilegais de traballadores, precisamente orixinadas na anterior etapa de Bugallo como alcalde de Santiago”.

Caducidade do expediente a Ferrovial e ceses da comisión supervisora

Martiño Noriega lembrou que en outubro de 2018, o Goberno de Compostela Aberta aprobou a constitución dunha comisión técnica que supervisara o contrato de Ferrovial para a xestión dos Centros Cívicos, comisión que en marzo de 2019 emitiu un informe no que se relatan unha ampla serie de incumprimentos por parte da concesionaria. Ese informe deu orixe á apertura dun expediente por incumprimento de contrato, en abril de 2019. O voceiro de CA explicou que “no pasado 5 de agosto, a Xunta de Goberno Local acordou a declaración de caducidade deste expediente, alegando á dificultade de analizar a numerosísima documentación achegada pola empresa nas súas alegacións presentadas o 3 de xuño, e aprobou a incoación dun novo expediente”. 

Noriega puxo o acento en que “xusto unha semana despois desa decisión sobre o expediente por incumprimento do contrato, o Goberno de Bugallo aproba o cese da comisión técnica nomeada para a supervisión da concesión e mostra a súa intención de designar a outra persoa responsable, en concreto a Enrique Vázquez Naveira que xa ocupara a dirección da rede de Centros Cívicos precisamente cando se produciron sentenzas por cesión ilegal de traballadores”. O voceiro de CA considerou “cando menos sorprendente que o Concello teña que declarar a caducidade dun expediente por falta de tempo para analizar as alegacións da empresa concesionaria, e a primeira medida do Goberno sexa apartar aos tres traballadores que fixeran o seguimento do contrato nos últimos dez meses e que realizaran o informe das incidencias no seu cumprimento, para substituílos por outro traballador que na actualidade estaba destinado na área de Relacións Veciñais”. Ademais, lembrou que a data efectiva dos ceses, segundo o acordo da Xunta de Goberno, era o 31 de xullo, “mesmo antes de ter declarada a caducidade do expediente a Ferrovial”.

Na interpelación, Compostela Aberta pide que o concelleiro de Centros Cívicos aclare no Pleno que pasos se teñen dado desde a declaración de caducidade do expediente sancionador a Ferrovial para a incoación do novo expediente, e cales foron os motivos ou informes técnicos para o cese da comisión técnica de supervisión do contrato. Ademais, CA pregúntalle a Javier Fernández se é coñecedor dos antecedentes da xestión de Enrique Vázquez Naveira á fronte do departamento de Centros Cívicos, e dos prexuízos para o Concello de Santiago derivados desta etapa na que se produciron os feitos que derivaron nas sentenzas por cesión ilegal de traballadores.

Irregularidades administrativas nos anteriores contratos de Centros Cívicos

A interpelación presentada por Martiño Noriega súmase á pregunta que xa ten rexistrada Compostela Aberta sobre o cese da comisión de supervisión do contrato con Ferrovial e a elección de Enrique Vázquez Naveira para asumir esa responsabilidade. O voceiro de CA insistiu en que “non parece acaído elixir como garante do cumprimento da concesión á persoa que dirixía os Centros Cívicos cando se produciron as sentenzas por cesión ilegal de traballadores, e máis cando un dos argumentos desas sentenzas contrarias aos intereses municipais era que a concesionaria, naquel momento Arasti Barca, non gozaba de autonomía e era supervisada por Vázquez Naveira, que tamén era o encargado de coordinar o traballo dos traballadores e traballadoras que acabaron entrando na administración pública pola porta de atrás”. 

Do mesmo xeito, Noriega lembrou que foi Vázquez Naveira quen no ano 2012, cando xa tiñan chegado ao Concello varias sentenzas por cesión ilegal de traballadores, asinou un prego para a licitación do servizo de xestión da rede de centros “que mantiña as eivas que provocaran os fallos xudiciais, que deste xeito se seguiron sucedendo en 2013 e 2014, ano no que se prorrogou a concesión, tamén con Vázquez Naveira como responsable da súa supervisión”. O concelleiro lembrou que, ademais das sentenzas por cesión ilegal de traballadores,”os servizos municipais de Intervención e de Contratación teñen informado doutras irregularidades relacionadas con estes contratos que deberan ter motivado a súa nulidade desde 2012, tales como as modificacións das condicións contractuais baixo as directrices da persoa que agora o PSOE volve a situar á fronte do control da concesión de Centros Cívicos e que, por certo, ocupa un posto de responsabilidade na executiva do PSdeG de Gonzalo Caballero”.

Por último, Compostela Aberta segue á espera de explicacións polo posible atraso no comezo de dúas actividades da Rede de Centros Cívicos incluídas na programación de outubro, pero que veñen de saír a licitación para que as empresas interesadas en impartilas presenten as súas ofertas ata o 20 e o 23 de setembro. Trátase, en concreto, do servizo de saúde “Paso a Paso” e do proxecto pedagóxico “Teatro Comunitario”. O grupo municipal de CA quere que o concelleiro responsable explique se xa ten informado ás persoas usuarias da posible demora no inicio das actividades, e que aclare se haberá algunha medida compensatoria no caso de atrasos nas actividades para as que as persoas inscritas teñan abonada unha cota de inscrición.

 

Podes ler AQUÍ a interpelación sobre a xestión da rede de Centros Cívicos

Novas
relacionadas

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

Compostela Aberta é a única formación que tén publicado e accesible o seu programa electoral

María Rozas aféalle a PSOE, PP e BNG que leven días “falando de propostas duns programas que non se sabe onde están nin que compromisos firmes incorporan”

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo