Martiño Noriega pide que se reactive a Comisión creada por acordo plenario para o estudo da xestión do ciclo integral da auga

O portavoz de CA reclama que se fagan públicos os resultados dos informes e auditorías encargados no pasado mandato
  • O concelleiro lembra que “mentres a xestión pública da auga deixa enormes beneficios económicos en Valladolid que permitirán mellorar o servizo, máis da metade dos núcleos rurais de Santiago seguen sen rede de abastecemento ou saneamento”

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno da Corporación unha proposición para que se retomen os traballos da Comisión encargada de determinar a forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais. O portavoz de CA, Martiño Noriega, lembrou que este órgano foi constituído en virtude dun acordo plenario no pasado mandato, e reclamou que se fagan públicos os resultados dos informes sobre a xestión da auga que foron contratados ao seu abeiro.

Martiño Noriega lembrou que “a auga é un dereito fundamental que non debera estar sometido ás regras do mercado e que debera ser xestionado da maneira máis transparente posible”. O portavoz de Compostela Aberta explicou que, baixo esa premisa, “o debate da municipalización da auga estase a abrir cada vez en máis cidades de toda Europa, e naquelas nas que xa se conseguiu a recuperación do servizo estase a demostrar que a xestión pública é máis eficiente desde o punto de vista económico”. Nesa liña, lembrou que en Valladolid, gobernada polo PSOE, a municipalización da auga deixou, no seu segundo ano, máis de 13 millóns de euros de beneficios para o consistorio, que serán destinados a mellorar as redes de saneamento da cidade. 

Concesión prorrogada con irregularidades

Fronte á situación de Valladolid, explicou o voceiro de CA, “en Santiago levamos máis de tres décadas coa mesma empresa concesionaria da auga, que se beneficiou de prórrogas dun contrato asinado en 1992, e que nalgún caso incluíron irregularidades recoñecidas polo Tribunal de Contas”. O concelleiro referiuse, en concreto, á modificación da adxudicación acordada en 1998, e que supuxo a prórroga do contrato ata maio deste ano 2019. Nese acordo, a concesionaria, aínda baixo a denominación de Aquagest, accedeu a facerlle un préstamo de máis de dous millóns de euros ao Concello para financiar eventos relacionados coa Capitalidade Europea da Cultura, “préstamo a un tipo xuro do 7 por cento polo que acabamos pagando máis de nove millóns de euros”. Martiño Noriega lamentou que “a empresa concesionaria adiantara cartos para concertos, no canto de mellorar unha rede de abastecemento e saneamento que segue sendo moi deficiente, nomeadamente no rural”. De feito, apuntou, “dos 215 núcleos rurais de Santiago, 112 non teñen abastecemento e 125 non teñen rede de saneamento”.

Transparentar informes 

O portavoz de Compostela Aberta apuntou que “como están a demostrar cidades como Valladolid e como demostramos en Santiago coa ORA e o guindastre, é posible recuperar servizos para o público malia as trabas lexislativas e os obstáculos que as administracións autonómica e estatal lles poñen aos concellos que queren decidir o sistema de xestión dos seus servizos”. Por iso, Martiño Noriega demandou “que se continúe co traballo iniciado na Comisión e que se dean a coñecer os resultados dos informes que xa foron encargados no pasado mandato sobre a xestión do ciclo integral da auga”. O concelleiro explica que “o anterior Goberno coñeceu os primeiros avances deses documentos, que avalaban as vantaxes que tería a recuperación do servizo para o público”

A creación da Comisión encargada de determinar a forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais foi acordada polo Pleno da Corporación en novembro de 2018. O 7 de xaneiro de 2019 celebrouse a xuntanza constitutiva do órgano, integrado por representantes do Goberno e dos tres grupos da oposición, o interventor municipal, o secretario do Concello, os directores das áreas de Urbanismo, Facenda e Persoal e Asesoría Xurídica; os xefes dos servizos de Contratación, Persoal e Saneamento; e un economista da Oficina Orzamentaria. Nesa reunión acordouse a contratación dunha consultoría externa para que realizara un estudo comparativo sobre as distintas opcións para a xestión do ciclo integral da auga, contemplando tanto a municipalización como as diferentes opcións de xestión indirecta. O servizo foille contratado en abril á Consultora en Gestión Innovadora S.L., que chegou a entregar un borrador do informe. Do mesmo xeito, a concellería de Facenda tiña contratada unha auditoría económica do servizo da concesionaria da auga, do que tamén se presentou un avance antes de rematado o pasado mandato.

PODES LER AQUÍ A PROPOSICIÓN DE COMPOSTELA ABERTA PARA A REACTIVACIÓN DA COMISIÓN ENCARGADA DE DETERMINAR A FORMA MÁIS SOSTIBLE E EFICIENTE DE XESTIONAR OS SERVIZOS DE ABASTECEMENTO DE AUGA E SANEAMENTO

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “No próximo mandato hai que tomar decisións sobre a auga, e CA non renuncia á xestión directa nin permitirá que gobernen as concesionarias”

A candidata de CA á alcaldía e o número 2, Xan Duro, insisten en que “hai que continuar o camiño iniciado no pasado mandato, porque hai datos que avalan que a xestión directa é o mellor modelo para os intereses da veciñanza”

María Rozas: “A pésima xestión de Bugallo afoga ao tecido asociativo e ao deporte base de Santiago”

A portavoz de Compostela Aberta denuncia que o Goberno ten un millón de euros pendentes de pago de subvencións de 2022 “e os beneficiarios terán que presentar nova documentación caducada polos atrasos administrativos”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo