Martiño Noriega pídelle a Feijóo que interveña as residencias de maiores xestionadas por DomusVi en Santiago

O portavoz de Compostela Aberta lembra que en só 24 horas rexistráronse case 60 casos nos centros de San Lázaro e Pontepedriña
  • “Privatizar as residencias de maiores foi unha das peores decisións de Feijóo”, insiste o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas

Martiño Noriega urxiu hoxe ao presidente da Xunta a intervir as residencias de maiores que a empresa DomusVi xestiona en Santiago, ante o importante incremento do número de persoas infectadas por coronavirus neses dous centros. O portavoz de Compostela Aberta e candidato de Galicia en Común-Anova Mareas reiterou que “esta crise sanitaria está poñendo en evidencia as consecuencias das malas decisións que Feijóo adoptou nestes dez anos de políticas privatizadores, e unha desas pésimas decisións foi a privatización das residencias de maiores”.

Noriega considerou “alarmante” que nas últimas 24 horas a residencia DomusVi de San Lázaro sumara 42 positivos por coronavirus, para chegar a un total de 85 persoas afectadas; e no mesmo periodo se detectaran 17 novos casos na residencia José Otero da Pontepedriña, xestionada pola mesma empresa, e que ata onte tiña cinco positivos. Para o portavoz de Compostela Aberta, os datos da consellería de Política Social “teñen que facer que Feijóo reaccione e adopte medidas urxentes”, porque dos 68 novos contaxios entre os maiores rexistrados onte nas residencias galegas, 59 son en dous centros de Santiago “xestionados pola mesma empresa responsable dos centros de Vigo e de Cangas que sí foron intervidos xa pola Xunta”.

Apoio ás traballadoras

Martiño Noriega expresou tamén hoxe o seu apoio ás traballadoras de DomusVi en residencias de todo o país, “traballadoras que levan anos queixándose de que a súa precaria situación ía en detrimento da atención aos maiores, e que agora se enfrontan a unha crise sanitaria con falta de medios persoais e materiais”. Nesa liña, o membro da coalición Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que “as traballadoras sigan agardando a que se lle realicen test para coñecer se están ou non contaxiadas pola Covid-19 e, ante as súas protestas públicas, a reacción da empresa sexa ameazar con expedientes e despidos”.

Novo modelo público de residencias

Para Noriega, o que está a acontecer demostra que “unha das peores decisións que adoptou Feijóo foi a de privatizar as residencias xeriátricas, ben directamente desde a Xunta, ben pola súa fracasada operación de fusión das caixas de aforro; e por iso urxe un novo modelo público de residencias que reverta a situación, e que sexa garantía do benestar dos nosos maiores”.

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas incidiu en que “quen consiga ver máis alá da propaganda institucional do rexime de Feijóo, poderá ver un país no que o ratio de prazas en residencias e do 3,05% sobre os maiores de 65 anos, moi por debaixo da media estatal,  e cun 65% das prazas en mans de empresas privadas”, segundo datos do informe de fiscalización do Consello de Contas do ano 2015. Ese informe resaltaba que “o número de persoas que accederon a prazas residenciais a través do sistema de emerxencia social pasou de ser unha excepción a ser o sistema máis empregado para o aceso ao servizo”, ao tempo que recolle que “ademais de estar sendo privatizado, o sistema de residencias reduciu un 7,1 por cento os gastos de persoal”.

Pola súa banda, o portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, insistiu hoxe na urxente necesidade de que a Xunta interveña as residencias de maiores de Galicia e proceda á súa  medicalización inmediata, para garantir “a correcta atención aos seus usuarios e usuarias e a protección dos seus traballadores e traballadoras”. Gómez Reino esixiu tamén ao presidente da Xunta que proceda a someter aos test da  Covid-19 a todos os residentes e coidadores, “porque non se trata só de protexer as súas vidas, saúde e benestar e de ofrecer tranquilidade ás súas familias, senón tamén de garantir a seguridade do resto da poboación, porque se non coñecemos exactamente cantos infectados hai nas residencias galegas, non poderemos actuar eficazmente para frear a expansión do coronavirus”. O candidato da coalición lembrou que REDE, a Federación Galega de Usuarios de Familias da Dependencia e Residencias, leva semanas denunciando que a Xunta non realizou as probas aos internos e traballadores das residencias competencia da Xunta, a pesar das evidencias que indican desde hai días que xa se produciu nelas un contaxio masivo. Ademais, usuarios e familias tamén teñen denuciado ante Fiscalía o trato “inhumano” que padecen os usuarios dalgúns centros, e o feito de que as empresas que as xestionan que non proporcionan aos traballadores os medios que precisan para coidalos e combater os  contaxios.

Gómez Reino tamén reclamou a Feijóo que impida que esas empresas despidan ás traballadoras que as denunciaron. “O modelo de privatizacións no sector sanitario e de servizos sociais desenvolvido pola Xunta desde que Feijóo chegou ao Goberno permitiu que durante anos se fixese negocio cos coidados dos nosos maiores, deixándoos nunha situación de extrema fraxilidade”, explicou. Por iso, sinalou, “hai que reformular ese modelo e desmontalo xa. E o primeiro paso ten que ser unha actuación firme e decidida contra a Covid-19, intervindo de inmediato todas as residencias, realizando as probas de detección a todos os seus usuarios e traballadores, e garantindo transparencia absoluta e a colaboración total co Goberno do Estado”.

Mentres, a tamén integrante de Galicia en Común-Anova Mareas, Eva Solla, denunciou a nula vontade fiscalizadora da Xunta cos centros privados indicando que “Feijóo deixa en mans das empresas privadas a vida das nosas persoas maiores, privatiza os servizos e non exerce control público sobre eles, o que ainda agrava máis esta situación e precariedade”. De feito, salientou, “a pesar das incidencias detectadas polo Consello de Contas no funcionamento destes centros privados  estas irregularidades non se corrixiron e non se iniciaron expedientes sancionadores”. Entre as cuestións que é preciso atender, a deputada destacou que “compre aumentar o ratio do persoal de atención directa, diferenciar o persoal segundo as súas funcións por categorías profesionais, dar un uso adecuado ás instalacións e correxir os protocolos de funcionamento introducindo o rigor nos seus rexistros, para mellorar ca calidade deste servizo público”.

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

CA completa unha lista “feminista, apegada aos barrios e o rural, e comprometida co activismo social e a defensa das traballadoras”

María Rozas presenta o segundo tramo da candidatura, que pechan a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carminha Naveiro; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo