Compostela Aberta chamou hoxe a atención sobre a ausencia de novos proxectos do Goberno do PSOE na web creada para difundir as políticas públicas municipais aliñadas coa Axenda 2030 da ONU. O portal que foi presentado hoxe polo alcalde Bugallo sí recolle multitude de iniciativas impulsadas durante o pasado mandato por CA, que mostra a súa satisfacción porque o Executivo socialista asuma que estamos diante de proxectos que son patrimonio municipal e aos que paga a pena darlles continuidade.
A web compostela2030.gal tén como obxectivo, en palabras do alcalde, de “definir a folla de ruta para a Axenda 2030 e transparentar as actuacións nesta dirección”. Por iso, é sorprendente a ausencia de proxectos propios do Goberno de Bugallo, transcorrido máis dun ano do actual mandato. No portal recóllense catro eixos de actuación para as políticas públicas municipais: Persoas, Planeta, Prosperidade e Paz e Alianzas. No primeiro deles recóllense iniciativas xurdidas no pasado mandato como o Plan de Vivenda Baleira, o Plan de Igualdade, o programa Compostela Territorio das Mulleres ou o Plan de Senfogarismo. Neste último apartado, sorprende que mesmo aparece recollido o proxecto para o Centro Integral de Atención ás Persoas sen Fogar, malia a que esta proposta, que ía ser financiada con fondos europeos, xa foi desbotada polo actual Goberno do PSOE.
No eixo do Planeta recóllense accións relacionadas coa atención ao clima, a reciclaxe ou a promoción de Santiago como cidade verde. Neste caso, as liñas de acción difundidas na web teñen que ver coas illas de compostaxe instaladas no pasado mandato, o programa Descarboniza que non é pouco, o programa Tropa Verde, o proxecto europeo Trafair, ou o acondicionamento das sendas verdes, todos eles proxectos do pasado mandato. Na mesma liña, no eixo dedicado á Prosperidade figuran os proxectos Edusi e Smartiago, para os que o Goberno de CA captou importantes fondos europeos para Santiago. Tamén no apartado dedicado á Paz e as Alianzas figuran iniciativas que botaron a andar co Goberno de Compostela Aberta como o parque Compostela Rupestre.
Para Compostela Aberta é significativo que despois de máis dun ano desde a súa chegada ao Pazo de Raxoi, o Goberno do PSOE non sexa quen de presentar nin un só proxecto novidoso para o cumprimento da Axenda 2030 da ONU, e se limite a desenvolver os programas que foron deseñados, e nalgún caso implementados, polo Goberno de CA durante o pasado mandato.