• O lema é unha mensaxe que xurdiu nos obradoiros de empoderamento das mulleres do rural impulsados no pasado mandato
  • María Rozas e Marta Lois presentaron a campaña, que ten como protagonistas a cinco mulleres das parroquias de Santiago

Compostela Aberta súmase á celebración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación das Violencias contra as Mulleres, cunha campaña de concienciación propia, que reivindica “as mulleres do rural de Santiago, a súa forza e o seu compromiso”. A iniciativa leva por lema “Non hai nada que aguantar”, “unha mensaxe clara e directa que as propias protagonistas das imaxes elaboraron durante os obradoiros de empoderamento que o Goberno de CA impulsou no pasado mandato nas parroquias”. A campaña foi presentada hoxe nun acto no que interviron a portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, a concelleira Marta Lois, e tamén as mulleres que participaron na iniciativa.

A campaña de CA polo 25N contou coa participación de cinco veciñas do rural de Santiago: Dorinda, de Bando, e Hortensia, Celia, Teresa e Mari da Lavacolla. Trátase de mulleres que participaron nos obradoiros de empoderamento que o Goberno de Compostela Aberta impulsou durante o pasado mandato, que pecharon elaborando unha mensaxe clara de rexeitamento de toda forma de violencia machista, “Non hai nada que aguantar”, que agora serve de lema desta campaña. A portavoz municipal de CA agradeceulle ás cinco veciñas “a súa implicación nesta iniciativa coa que queremos achegar o noso gran de area na celebración do Día Internacional para a Eliminación das Violencias contra  as Mulleres, poñendo o foco precisamente en mulleres coma elas, en veciñas do rural e maiores de 65 anos, que adoitan estar máis invisibilizadas e que sofren especialmente a falta de acompañamento institucional e a soidade”. María Rozas explicou que “con esta campaña tratamos de darlle visibilidade, recoñecer e mostrar o noso orgullo polas mulleres do rural, ao tempo que demandamos un maior compromiso das administracións públicas coa prevención das violencias machistas, tamén do Concello de Santiago”.

Compromisos incumpridos

Pola súa banda, Marta Lois salientou que “esta campaña é unha acción reivindicativa máis no marco do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data na que respaldamos e animamos a participar a toda a veciñanza na campaña institucional de En Negro contra as Violencias”. A concelleira de CA lembrou que “esta campaña naceu durante o pasado mandato, foi referencia en toda Galicia, e coidamos que cómpre relanzala e reforzala, porque lamentablemente segue sendo tan necesaria como o primeiro día”.

Lois indicou que “o importante é que estas accións vaian acompañadas de actuacións concretas, de políticas feministas contra a violencia machista coma as que Compostela Aberta vén reclamando ao longo de todo o mandato con escaso éxito”. Neste sentido, a concelleira lembrou que no Pleno do pasado mes de outubro aprobouse unha moción de CA instando ao Goberno de Bugallo a impulsar diferentes medidas como a actualización dos datos do Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero ou a realización dun informe sobre as vítimas de violencias machistas en Santiago, un estudo fundamental para que o Concello poida desenvolver un traballo efectivo fronte ás violencias machistas en todas as súas dimensións, non só fronte á violencia física senón tamén psicolóxica, sexual, obstétrica, económica, dixital ou vicaria”. 

Ás portas do 25N, Marta Lois reclamoulle ao Goberno de Bugallo que adopte “unha posición máis activa para facer de Santiago unha cidade libre de violencias machistas, con iniciativas que permitan identificar, visibilizar e concienciar á cidadanía sobre as súas diferentes formas, para que as mulleres vítimas non se sintan soas fronte a calquera tipo de agresión machista”. Nese sentido, defendeu a necesidade dunha campaña transversal impulsada desde a administración local “que poña ao dispor da cidadanía todos os recursos adecuados para avanzar cara unha sociedade plenamente igualitaria”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies