Martiño Noriega trasladoulle á equipa directiva a intención de voltar levar ao Pleno “o Proxecto Peleteiro que busca dinamizar o espazo ocupado polo antigo colexio cun proxecto que recupera a contorna para o público”. O ‘Proxecto Peleteiro’ conta co apoio do tecido veciñal e comercial do barrio, fuxindo das tentacións especulativas ao eliminar o gran centro comercial planificado na época de Bugallo. “Non queremos un novo ‘Cancelas’ no Ensanche”, trasladoulle Martiño Noriega.
A proposta para o vello Peleteiro, que Compostela Aberta levou a Pleno neste mandato e foi tumbada polo PSOE de Bugallo e polo PP de Agustín Hernández, pón en valor o comercio tradicional, introduce un 20% de vivenda protexida en pleno centro de Compostela e aposta por unha mellor ordenación do espazo público creando unha gran praza que estará completamente aberta á rúa República Arxentina e con acceso a San Pedro de Mezonzo, ocupando o espazo que na actualidade é o patio do centro. A superficie edificable redúcese considerablemente respecto ao proxecto inicial, incorporando 900 metros cadrados para a construción dun centro de día que mellore os equipamentos públicos do barrio.
A continuación podedes ver unha explicación do Concello de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, sobre o Plan Peleteiro:
PLAN ENSANCHE
O ‘Proxecto Peleteiro’ encádrase dentro do ‘Plan Ensanche’, unha oportunidade para repensar a chamada “Zona Nova” da cidade. Santiago de Chile, o Hórreo e Praza Galicia precisan de intervencións que solucionen os seus problemas de mobilidade. Por iso Martiño Noriega avanzou que Compostela Aberta planificará as humanizacións destes tres ámbitos, consensuando as actuacións co tecido asociativo. Daríase así continuidade ás xa feitas neste mandato en Montero Ríos e na Avenida de Vilagarcía.
Tamén resulta clave a reforma da Praza de Galicia, para a que preparemos un proxecto ambicioso para ter todo listo cando remate a concesión do aparcamento soterrado. Este proxecto virá acompañado da reformulación da rúa do Hórreo, cambiando por completo a súa fisionomía.
No eido comercial, Compostela Aberta aposta por continuar traballando cos colectivos do barrio para dinamizar as rúas comerciais do Ensanche e levando actividades para todos os públicos a zonas como a Praza Roxa ou a Carreira do Conde.
A maiores, o goberno de Compostela Aberta traballa con Afundación para trasladar o Centro Cívico do Ensanche a Carreira do Conde, o que ademais de gañar espazos máis funcionais permitirá aproveitar importantes equipamentos nesta zona da cidade.
Dación de contas
Na xuntanza, o alcalde e candidato lembrou as actuacións que se levaron a cabo no Ensanche durante este mandato e que tiveron como obxectivo “continuar a humanización do barrio e dotalo de maior dinamismo”. Entre as actuacións feitas destacan a humanización da rúa Montero Ríos (1 millón de euros), coa que se gañou máis espazo para peóns, a reforma da rúa Rapa da Folla (35.000 euros) e a humanización da Avenida de Vilagarcía (360.000 euros).
A nivel comercial, Compostela Aberta colaborou de maneira activa co tecido do barrio levando o Mercado de Nadal á Carreira do Conde, facendo unha aposta polos comercios emblemáticos e dinamizando a Praza Roxa con accións e actividades.