Nova depuradora de Santiago, despexando o horizonte dun problema histórico

A depuradora que Compostela precisa e merece está hoxe un pouco máis preto. A reunión do pasado venres do alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, co Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, supón un desbloqueo da situación EDAR que mantiña o anterior goberno do PP.

Tal como lemos na web do Concello, o Ministerio define a proposta para facer a nova depuradora na actual ubicación da Silvouta como “moito máis razoable que a do Souto” e tamén se compromete a non seguir impulsando unha depuradora contra o criterio do Concello. O seguinte paso será unha nova xuntanza en setembro para marcar os prazos de tramitación e seguir optando aos fondos europeos. Un cambio substancial que despexa o horizonte para un problema histórico da cidade.

Mentres tanto, o Partido Popular segue amosando a súa oposición a unha proposta máis racional, económica e ecolóxica. Unha proposta que concita apoio do resto de forzas da Corporación, colectivos veciñais e ecoloxistas como a Plataforma en Defensa do Sar e dos concellos afectados como o de Ames. Cabe preguntarse que intereses ocultos moven ao PP de Santiago para seguir teimando nun proxecto que supón maior custo e maior impacto ambiental para Compostela.

UN POUCO DE HISTORIA SOBRE A DEPURADORA
Non descubrimos a pólvora: Compostela ten un grave problema de depuración das augas do Sar dende hai décadas. A actual depuradora da Silvouta xa naceu practicamente obsoleta e vimos falando da nova EDAR dende os tempos de Isabel Tocino como ministra. Nin é un problema que naceu con Compostela Aberta, nin somos tan soberbios como para pensar que CA pode solucionalo en solitario.

A situación xa complexa agravouse cando Conde Roa reubicou a depuradora nunha zona de alto valor ecolóxico como é o Souto. A primeira gran pregunta á que nos enfrontamos é por que Compostela Aberta non tumbou este proxecto no 2015 se estaba en contra. Non fuximos da autocrítica, e de saber o que sabemos hoxe, teríamos sido moito máis contundentes. Pero non o sabíamos.

Ao goberno municipal de Compostela Aberta non lle gustaba a ubicación escollida por Conde Roa polo seu impacto ambiental e económico. Pero en maio do 2015 atopámonos cun proxecto de feitos consumados, unha posición minoritaria na negociación co Estado e a Xunta, ambos con goberno do PP, que se negaron a estudar outras propostas, e a espada de Damocles dunha multa millonaria e a nova perda de fondos europeos. E dicimos “nova” porque aínda que o PP queira esquecelo, os fondos xa se perderon nunha ocasión durante o seu anterior mandato.

Nesa situación o goberno de Compostela Aberta optou polo que considerou o mal menor: tentar introducir melloras técnicas no proxecto do Souto que reduciran o impacto ambiental e económico e conseguir un convenio económico máis xusto. Durante estes dous anos, a oposición das institucións gobernadas polo PP (Ministerio de Medio Ambiente a través de ACUAES e Xunta a través de Augas de Galicia) foi constante.

Non só se negaron a introducir as recomendacións técnicas que o Concello suxería co asesoramento da USC, senón que o convenio que pretenderon impoñer establecía que Santiago se fixera cargo dun 20% do custo da construción e un 50% dos posibles sobrecustos. Un “trágala” que non se fixo con ningunha outra cidade galega e que, aínda cos fondos europeos, hipotecarían a Santiago durante décadas.

A isto súmaselle a crecente sensibilización social contra o proxecto do Souto -na que a Plataforma en Defensa do Sar tivo un papel fundamental- e os diferentes recursos xudiciais que ameazan con paralizar a depuradora unha vez comezada a súa construción, como xa pasou en Xixón.

E aínda así ACUAES e a Xunta non cederon un milímetro e propuxeron un convenio para a EDAR inaceptable. Por todo isto, Compostela Aberta votou no Pleno para rexeitar esta proposta para a EDAR no Souto. Convenio que tampouco foi apoiado por ningún outro grupo do Pleno xa que nen sequera o PP de Santiago votou a favor da proposta que agora defende a ultranza. Ao día seguinte desta votación no Pleno, Martiño Noriega e Xan Duro presentaron  unha proposta alternativa que aproveitaba todo o traballo feito durante estes dous anos e que contaba con aval da USC.

Como é esa alternativa? A proposta presentada en marzo por CA pasa por substituír por fases a actual depuradora da Silvouta por unha tecnoloxía máis moderna, ocupando menos espazo e con moito menor impacto económico e ambiental que a do Souto. Aquí podedes ver unha comparativa entre os proxectos da EDAR no Souto e alternativa que presentamos.

NOVA DEPURADORA NA SILVOUTA: UNHA ALTERNATIVA VIABLE
E por que non presentou antes Compostela Aberta esta alternativa tan fantástica? A resposta é ben simple: antes non tería sido posible. A tecnoloxía empregada nesta proposta, o tratamento de granulación aerobia de lamas, é unha tecnoloxía moderna e pioneira de uso moi recente, aínda que todo apunta que será hexemónica nos próximos anos. O certo é que de non terse retrasado tanto a construción da depuradora non poderíamos ter posto esta metodoloxía riba da mesa, algo que foi posible grazas ao asesoramento dun equipo experto da USC.

Malia ser pioneira, esta tecnoloxía está a espallarse moi rapidamente polo mundo con 39 depuradoras funcionando ou en construción. Na Península existen dúas en Portugal –a de Faro é un bo exemplo– e hai outras en países de clima atlántico similar ao de Galicia como Irlanda, Reino Unido e tamén en Holanda.

Existe abundante documentación sobre os beneficios desta tecnoloxía, pero destacan o aforro de terreo (pode ocupar ata 4 veces menos) e o gran aforro de no consumo enerxético. É dicir, estamos ademais ante a posibilidade de contar cunha tecnoloxía moderna e de non repetir os erros do pasado, iniciando unha depuradora no Souto que se inaugure xa obsoleta.

Neste meses, esta proposta alternativa concitou o apoio de colectivos políticos, veciñais, ecoloxistas e concellos afectados como o de Ames. Todos agás o PP que dende as institucións amosou unha falta de flexibilidade difícil de entender, ameazando incluso con seguir adiante coa construción da depuradora en contra do criterio do Concello e da cidade.

Agora co novo goberno do Estado comprobamos que este bloqueo tiña máis que ver con cuestións políticas que técnicas, con “castigar” ao goberno de CA máis alá de preocuparse polo ben da cidade.

Tal e como defendíamos, queda aberta a posibilidade de que a depuradora da Silvouta pase por unha tramitación de impacto ambiental simplificado que acortaría substancialmente os prazos e permitiría seguir optando aos fondos europeos, algo ao que se negaba o anterior goberno do PP.

E QUE PASA COS FONDOS EUROPEOS?
Sobre os fondos europeos, tamén hai moito que contar. O PP de Santiago axita de modo apocalíptico o medo a perder estes fondos, cando a realidade é que xa se perderon unha vez baixo o seu mandato debido aos retrasos. Por certo, foi o propio Agustín Hernández quen, sendo conselleiro de Medio Ambiente e Infraestructuras, se comprometeu a que a nova depuradora estaría en funcionamento no 2014.

Pola súa banda, o goberno de Compostela Aberta captou preto de 20 millóns de euros en fondos europeos nestes tres anos de mandato para proxectos de desenvolvemento sostible, reurbanizacións e coidados urbanos, emprego, igualdade, medio ambiente, administración electrónica…

Poucos gobernos municipais poden demostrar tanto compromiso neste sentido e faremos todo o posible para non perder os fondos vinculados á EDAR que “caducan” no 2023. Pero tamén se impón o sentidiño.

A proposta da depuradora na Silvouta é moito máis económica. Unha estimación conservadora fala de 40-50 millóns fronte a 90 millóns que custaría a do Souto, por non falar do custo anual de mantemento. Incluso sen os fondos europeos -ou optando a eles de maneira parcial, algo que é posible- a opción da Silvouta seguiría sendo máis barata. Iso non significa que renunciemos a eles, tan só que non podemos caer no reducionismo demagóxico do PP de Santiago.

POR QUE SE OPÓN O PP DE SANTIAGO?
Cando Santiago consiga a nova depuradora será un mérito colectivo. Mérito da súa veciñanza, do tecido asociativo e ambientalista que esixiu sempre un proxecto á altura da capital do País. Será mérito do diálogo impulsado entre as diferentes administración do que o goberno municipal liderado por Martiño Noriega participa e impulsa, pois Compostela só pode entenderse dende o consenso e o diálogo institucional.

O PP de Santiago ten oportunidade de sumarse a un proxecto de cidade que concita consenso e que resolvería un problema histórico de Santiago. Pero en lugar disto, o seu voceiro Agustín Hernández mantense na súa liña habitual de Delegado Suplente do Goberno da Xunta. A maior proba do delirio no que vive instalado témola co vídeo viral no que tiraba lixo ao Sar despois de facerse fotos para denunciar a súa contaminación. Existe mellor metáfora para a súa preocupación real pola depuradora?

Lonxe desta performance, dende Compostela Aberta seguiremos traballando para que Santiago teña a depuradora que merece e precisa. Queda moito aínda por andar, pero temos o convencemento de que con responsabilidade e con colaboración institucional, é posible. Xa pasou con outros proxectos históricos como a Intermodal, as conexións da AP9 ou o Orbital que se desbloquearon nos últimos anos. Unha vez máis, non por mérito de Compostela Aberta, senón polo diálogo e a capacidade de antepoñer o ben común da veciñanza.

Onda haxa vontade de colaboración alí estaremos, non movidos polos intereses puramente partidistas, senón polo futuro desa Compostela que queremos máis.

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

CA completa unha lista “feminista, apegada aos barrios e o rural, e comprometida co activismo social e a defensa das traballadoras”

María Rozas presenta o segundo tramo da candidatura, que pechan a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carminha Naveiro; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo