O Concello débelle máis de 40.000 euros á empresa concesionaria da vixilancia de varias dependencias municipais, que prevé a suspensión de contratos

  • María Rozas pídelle ao Goberno de Bugallo que “se poña ao día coas facturas, porque a súa mala xestión ten consecuencias nefastas para os provedores e o seu persoal”
  • CA lembra que o Goberno continúa incumprindo sistematicamente o Periodo Medio de Pago a Provedores e sen pagar as subvencións a entidades deportivas “dificultando a súa actividade ordinaria e poñendo en risco mesmo a súa supervivencia”   

Compostela Aberta denunciou hoxe que a empresa que presta o servizo de vixilancia na UMAD, o estadio municipal Verónica Boquete e o campo de adestramento de San Lázaro “vén de anunciar un procedemento colectivo de suspensión de contratos de traballo, mentres o Concello de Santiago lle debe máis de 40.000 euros de facturas pendentes dos últimos meses”. A concelleira María Rozas urxiu ao Goberno de Bugallo “a abrir unha profunda reflexión sobre as consecuencias que están a ter a súa mala xestión e as demoras no pago de facturas a proveedores ou das subvencións a determinadas entidades, ás que xa non lles valen as escusas permanentes da Covid ou da implantación da administración electrónica, porque con elas non poden facerlle fronte aos seus gastos”. 

María Rozas explicou que o pasado 16 de xuño a empresa Segursystem, adxudicataria desde 2020 do servizo de vixilancia da UMAD, do estadio Verónica Boquete e do campo de adestramento de San Lázaro II, comunicoulle ao persoal a súa intención de iniciar un procedemento colectivo de suspensión de contratos de traballo, co obxectivo de que constitúan a Comisión Representativa dos Traballadores para negociar a suspensión temporal de emprego e a redución de xornadas. Posteriormente, a concesionaria comunicoulle aos traballadores que a súa intención é rescindir o contrato para a vixilancia da UMAD desde o 4 de xullo, e posteriormente os relativos ás instalacións deportivas.

A decisión da empresa prodúcese mentres o Concello “acumula importantes atrasos no abono das facturas do servizo”. María Rozas explicou que “sendo sabedoras da situación, Compostela Aberta preguntou por estas demoras no pago a Segursystem o pasado 8 de xuño, e da resposta que o Goberno nos remitiu o pasado luns despréndese que a día de hoxe o Concello débelle á empresa 40.618,15 euros”. A concelleira de CA explicou que “tal e como recoñece a responsable de Facenda, hai facturas pendentes de fiscalizar dos meses de marzo e maio, hai outra factura con problemas para a súa tramitación, correspondente ao mes de xaneiro; e hai facturas de marzo e maio que están contabilizadas pero que aínda non foron pagadas”. 

María Rozas expresou a solidariedade de Compostela Aberta “con todos os provedores e entidades prexudicadas por esta nefasta xestón” e advertiu que  “o Goberno de Bugallo non pode seguir mirando para outro lado, porque é evidente que o descontrol que tén no pago das facturas está a ter consecuencias moi graves para os provedores e, o que máis nos preocupa, para os seus traballadores e traballadoras que poden enfrontarse mesmo a situacións de perdas de emprego”. Ademais, a concelleira pediulle ao Goberno “que explique que vai pasar coa vixilancia da UMAD, do estadio Verónica Boquete e do campo de adestramento de San Lázaro II se efectivamente a empresa rescinde os contratos e deixa de prestar o servizo, e que medidas vai adoptar para que isto non aconteza”. 

A concelleira de Compostela Aberta salientou que “o caso de Segursystem é o exemplo do que acontece por mor da nefasta xestión deste Goberno, e demostra que detrás dos números dos constantes incumprimentos do Período Medio de Pago a Provedores hai empresas que ven en risco as súas contas e traballadores que ven en risco os seus postos”. Ao respecto, Rozas incidiu en que “a estas alturas xa non confiamos en que o Goberno sexa quen de corrixir a súa pésima tendencia, porque o último dato publicado polo Ministerio de Facenda dinos que en abril o período medio de pago a provedores do Concello de Santiago superou os 70 días, fronte ao prazo fixado de 30 días”. Deste xeito, “o Goberno de Bugallo tén o triste récord de ter cumprido este prazo establecido en só 5 de 34 meses de mandato”. Aos atrasos no pago das facturas engádese o atraso no pago das subvencións, tanto a entidades culturais como a entidades deportivas, “que veñen complicando a súa actividade ordinaria, e mesmo poñendo en risco a súa supervivencia como vimos nesta semana co Santiago Futsal”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo