• O grupo municipal de CA insta ao Goberno a iniciar os procesos selectivos e a aprobar as bases da convocatoria que quedaron pendentes
  • Segundo o Estatuto do Empregado Público, a execución das ofertas de emprego público deben desenvolverse no prazo de tres anos

Compostela Aberta advertiu hoxe do risco de que se perdan algunhas das prazas da Oferta de Emprego de 2016, por superar o prazo de tres anos que prevé o Estatuto do Empregado Público para desenvolver as convocatorias. O grupo municipal de CA levará ao Pleno un rogo para instar ao Goberno a axilizar os trámites pendentes en relación a esa OPE para que non se amorticen prazas, tendo en conta o importante déficit de persoal que sofre o Concello de Santiago.
A Oferta de Emprego do Concello de Santiago de 2016 foi publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o 16 de decembro dese ano. Nela figuraban 14 prazas para persoal funcionario e tres prazas para persoal laboral en quenda libre; e 21 prazas de persoal funcionario e 8 prazas de persoal laboral na quenda de promoción interna. No informe do traspaso de poderes entregado ao Goberno electo do PSOE ao remate do pasado mandato, dábase conta do estado no que se atopaba a oferta de emprego para cada unha das prazas contempladas. En concreto, para as prazas de quenda libre, detallábase que estaba pendente a aprobación das bases para a cobertura da praza de técnico/a de xestión; a apertura do prazo para a presentación de instancias para cubrir unha praza de psicólogo/a; e a resolución do recurso do Colexio de Educadores/as Sociais en relación á convocatoria dunha praza de educador/a familiar.

Posible caducidade da oferta

No rogo presentado hoxe, Compostela Aberta lembra que o Estatuto Básico do Empregado Público sinala, no seu artigo 70.1, que “a execución da oferta de emprego público ou instrumento similar deberá desenvolverse dentro do prazo improrrogable de tres anos”. Tal e como explica o grupo municipal, existen diferentes interpretacións e diferentes sentenzas ao respecto de como se contabiliza ese prazo, pero os últimos pronunciamentos do Tribunal Supremo ao respecto indican que “os procesos selectivos non poden convocarse máis de tres anos despois da aprobación das ofertas de emprego público dos que traen causa”. Deste xeito, podería darse a situación de que caduque a Oferta de Emprego do Concello de Santiago de 2016, nas prazas que estaban pendentes de resolución.

Compostela Aberta lembra que “o Concello de Santiago presenta importantes déficits de persoal, derivados tanto da imposibilidade de cubrir xubilacións por mor da taxa de reposición da chamada Lei Montoro, como da caducidade da Oferta de Emprego do ano 2010 que non foi convocada en prazo, e sería moi prexudicial para o funcionamento da administración local que se deixaran amortizar novas prazas da OPE de 2016”.

PODES CONSULTAR AQUÍ O ROGO DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A OFERTA DE EMPREGO DO CONCELLO DE SANTIAGO PARA O ANO 2016

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies