O Goberno de Bugallo alugou unha nave para os servizos municipais de Medio Rural e Parques e Xardíns a unha empresa vinculada ao actual concelleiro do Medio Rural e a outros cargos do PSOE, e fíxoo incorrendo en diferentes irregularidades que foron advertidas pola propia Intervención Municipal. Compostela Aberta pediu hoxe explicacións por este caso, “no que se mestura a habitual pésima xestión do Goberno con indicios claros de, como mínimo, mala praxe no seu proceder que deben ser aclarados cando antes”.
A Xunta de Goberno aprobou o 14 de setembro de 2021 o alugueiro dunha nave do Polígono de Costa Vella para a localización provisional dos servizos municipais de Medio Rural e Parques e Xardíns, ata entón situados na vella estación de autobuses. Tal e como consta no expediente, o traslado dos departamentos debía efectuarse con data do día seguinte, 15 de setembro, porque esa era a data límite fixada pola Xunta para o desaloxo da estación para o seu derrubo, prazo do que o Goberno de Bugallo era coñecedor desde catro meses antes. A proposta aprobada nesa Xunta de Goberno establece un prazo de 4 meses para ese alugueiro provisional, e inclúe un informe da Intervención municipal que advirte que “non figura ningún informe xurídico que xustifique axeitadamente os motivos que sustentan a adxudicación directa e a ausencia dun procedemento de concorrencia pública que é a norma xeral”. Malia esa advertencia, o Goberno mantén o alugueiro con Desproi 16 meses despois, cun custo total que se achega aos 90.000 euros.
A Intervención municipal advertiu da nulidade do contrato, que se asinou por un ano de duración cando a Xunta de Goberno acordara un prazo de catro meses, e puxo en cuestión que non se resolvera mediante concorrencia pública
Sorprendentemente, o expediente que acompaña a proposta da Xunta de Goberno sinala que se realizou unha visita á nave finalmente alugada o 3 de setembro de 2021, cando o informe técnico sobre as necesidades das instalacións provisionais para os departamentos de Medio Rural e Parques e Xardíns non se realizou ata cinco días despois, o 8 de setembro. Nese mesmo día 8 de setembro, a empresa propietaria da nave alugada remitiu a súa oferta económica ao Concello, que tardou menos de 24 horas en elaborar un estudo de prezos de mercado que avalaría a aceptación desa oferta, que implica o pago do alugueiro mensual de case 5.000 euros. A empresa propietaria da nave é Desproi SL, da que foi administrador solidario o actual concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, entre os anos 2012 e 2016. Posteriormente a esa data, consta que un dos accionistas de Desproi é Gaia, a empresa da que Pichel era administrador único cando asumiu a acta de concelleiro, tal e como figura na súa declaración pública de incompatibilidades.
Pedimos explicacións polo alugueiro dunhas instalacións para a concellería de Medio Rural a unha empresa vinculada ao concelleiro José Manuel Pichel.
— Compostela Aberta (@compostelaberta) January 16, 2023
????????O contrato é considerado nulo de pleno dereito pola Intervención Municipal
????????Ía ser un alugueiro de 4 meses, e xa pasaron 16.
Contrato nulo de pleno dereito
Aínda que o acordo da Xunta de Goberno do 14 de setembro de 2021 sinalaba que os departamentos de Medio Rural e Parques e Xardíns se trasladarían á nave alugada ao día seguinte, 15 de setembro, non foi ata o 1 de outubro de 2021 cando o alcalde asinou o contrato con Desproi SL. Ese contrato firmouse por un prazo dun ano prorrogable, contradicindo o acordo da Xunta de Goberno que establecía unha duración do contrato de catro meses. Por este motivo, a Intervención municipal advertiu que o contrato é nulo de pleno dereito, nun informe no que mesmo recomenda a solicitude dun informe da Asesoría Xurídica para levar a cabo unha revisión de oficio sobre este contrato.
Este informe da Intervención Municipal é o que acompaña á proposta aprobada pola Xunta de Goberno do pasado 30 de decembro de 2022 para abonarlle a Desproi SL case 50.000 euros polo alugueiro da nave entre febreiro e novembro. Trátase de facturas que xa foran rexeitadas previamente pola Intervención, que advertira ata en cinco informes anteriores das irregularidades cometidas porque o gasto non fora sometido ao trámite de fiscalización previa que é preceptivo, sen que o Goberno local adoptara ningunha medida ao respecto. En total, o Concello de Santiago leva pagados case 90.000 euros polo alugueiro desa nave, e esa cifra verase incrementada porque o Goberno non solucionou aínda a localización definitiva dos departamentos municipais de Parques e Xardíns.
O expediente sinala que o informe técnico sobre as características que debía ter as instalacións a alugar redactouse cinco días despois da visita á nave de Desproi
Para Compostela Aberta, o Goberno, e máis en concreto o concelleiro José Manuel Pichel, deben aclarar canto antes se se incumpriu o réxime de incompatibilidades e se se produciu algún tipo de enriquecemento ilícito. O grupo municipal de CA esixe “a máxima transparencia para evitar calquera sombra de dúbida e para despexar calquera sospeita sobre posibles corruptelas que nos remontan a tempos recentes no Concello de Santiago”
Chapuza paralela: a reforma de Amio
A intención do Goberno local era que os servizos de Medio Rural e Parques e xardíns se localizaran nunhas dependencias do recinto feiral de Amio que serían acondicionadas con ese obxectivo. En xullo de 2021 aprobouse o proxecto para o arranxo desas instalacións, cun orzamento de case 400.000 euros e un prazo de execución de catro meses. Na proposta aprobada na Xunta de Goberno xa se advirte que non existe plena dispoñibilidade dos espazos afectados pola obra, que están parcialmente ocupados por oficinas e almacén da concesionaria do recinto feiral, e sinálase que non se poderá iniciar a licitación das obras mentres se manteña esta situación. En setembro de 2021 aprobouse un proxecto refundido para o acondicionamento das dependencias, pero seguiu sen solucionarse a cuestión da dispoñibilidade dos espazo, que segue sen estar solventada a día de hoxe.
Para Compostela Aberta, o Goberno debe explicar tamén cales foron os motivos polos que aprobou o alugueiro temporal dunha nave para os departamentos de Medio Rural e Parques e Xardíns por un prazo de catro meses, sabendo que non podería iniciar a reforma das dependencias definitivas deses servizos ata ter unha dispoñibilidade dos espazos que o Concello segue sen ter ano e medio despois.