• Compostela Aberta denuncia que a piques de comezar setembro nada se sabe das subvencións que o PSOE deixou xa sen convocar en 2019 e 2020

Compostela Aberta denunciou hoxe que o Goberno local segue sen aprobar a convocatoria das axudas de Cooperación ao Desenvolvemento, creadas durante o pasado mandato e que o PSOE deixou esquecidas tanto en 2019 como en 2020. Para o grupo municipal de CA existe un serio risco de que un ano máis non se entreguen esas subvencións, para as que este ano se prevía un orzamento de 220.000 euros.

Compostela Aberta lamentou hoxe “o escaso compromiso social do Goberno do PSOE, que  no que levamos de mandato non foi quen de convocar nin unha soa vez as axudas de Cooperación ao Desenvolvemento, malia incluílas nos seus orzamentos municipais”. O grupo municipal de CA sinalou  que “existe unha grande preocupación na Coordinadora Galega de ONGD, que ve como a piques de empezar o mes de setembro nada se sabe desa convocatoria, unha preocupación que  vén xustificada polos precedentes dos dous anos anteriores sen que se chegaran a convocar as subvencións”.

A portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, lembrou que e n 2020 “CA tamén denunciara a pasividade do Goberno nesta materia, e levara un rogo ao Pleno de outubro reclamando que se iniciara o proceso para entregar esas axudas”. Naquela altura, explicou, o concelleiro Sindo Guinarte “xustificara o atraso na complexidade da convocatoria, e tamén chegara a asegurar na sesión plenaria que a propia Coordinadora Galega de ONGD tiña dúbidas sobre a  posibilidade de desenvolver os proxectos potecialmente subvencionables por mor da pandemia da Covid, un extremo que foi negado pola entidade”. Marta Lois lamentaron que “por terceiro ano consecutivo o Goberno non atopara ainda a fórmula para facer unha convocatoria que sí fixo en dúas anualidades o Goberno de Compostela Aberta, e que permitiu que o Concello de Santiago colaborara en diferentes proxectos en países como India, Guatemala ou Salvador, desenvolvidos por ONGs de recoñecidas traxectorias como Manos  Unidas, Asemblea de Cooperación pola Paz ou a Fundación Vicente Ferrer.

As axudas para a Cooperación ao Desenvolvemento foron creadas polo Goberno de Compostela Aberta en 2017, e en 2018 destinouse a estas subvencións unha partida de 120.000 euros. Deste xeito, o Goberno de CA pretendía cumprir o compromiso asinado en 1999 polo que se aprobaba destinar o 0.7% do orzamento municipal para Cooperación ao Desenvolvemento.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies