Compostela Aberta considera que as explicacións do Goberno tras a denuncia formulada por CA sobre o alugueiro dun inmoble propiedade dunha empresa vinculada ao concelleiro do Medio Rural son insuficientes, incoherentes e imprecisas. O comunicado difundido polo PSOE preto das nove da noite de onte, máis de nove horas despois de que o alcalde fora preguntado en rolda de prensa polo caso, non aclara ningunha das cuestións formuladas polo grupo municipal de Compostela Aberta, e sementa ainda máis dúbidas sobre o proceder do Goberno.
A primeira das incoherencias nas que incorre o Goberno nas súas explicacións tén que ver cos prazos. O PSOE argumenta no seu comunicado que “unha vez, a Xunta de Galicia adxudica a demolición da estación, a consellaría de Infraestruturas comunica ao Concello como prazo límite para desocupar as instalacións o 15 de setembro de 2021. Ante isto, solicítase un aprazamento para executar ese desaloxo, que non foi autorizado, polo que aparece a urxencia de buscar unha alternativa provisional para darlle continuidade aos servizos municipais e que, ademais, debía ser operativa desde a súa primeira ocupación”. A demolición da estación de autobuses anunciouse en xaneiro de 2021, a obra adxudicouse o 2 de agosto, e nese mesmo día a Xunta informou de que as obras de derrubo comezarían na primeira quincena de setembro. Para Compostela Aberta, “é difícil de entender que desde xaneiro que sabían do derrubo, e desde o dous de agosto que se adxudicou a demolición, o Goberno non procurara ningunha localización alternativa para os servizos municipais de Medio Rural e Parques e Xardíns, e que non fora ata o 3 de setembro, un mes despois, cando se produciu a visita ás instalacións de Desproi que foron finalmente alugadas”. Con estes prazos, entende CA, “non se sostén o argumento do grupo de Goberno sobre a urxencia para resolver o traslado dos departamentos municipais, senón que esta explicación deixa en evidencia a súa nula xestión”.
Compostela Aberta considera sorprendente que o Goberno de Bugallo se escude na urxencia para desaloxar a estación de autobuses cando a Xunta anunciou a demolición en xaneiro de 2021 e adxudicou a obra en agosto, un mes antes de que o Concello empezara a buscar unha solución para os servizos de Medio Rural e Parques e Xardíns
Na cronoloxía dos feitos que realiza no seu comunicado, o PSOE intenta xerar tamén confusión sinalando que “tendo en conta as especificidades da ubicación que se necesitaba, e os axustados prazos para executar o traslado, realízase unha revisión de ofertas inmobiliarias que deran resposta as necesidades, tal e como se recolle no informe técnico que avala a elección do emprazamento actual no Polígono de Costa Vella”. Fronte a esa información propositadamente confusa, o expediente do contrato do alugueiro deixa clara outra cronoloxía que o Goberno non explicou: o 3 de setembro de 2021 realízase unha visita ao inmoble de Desproi, cinco días despois redáctase o informe sobre as características que deberan ter as instalacións a alugar, que casualmente coinciden coas das instalacións de Desproi; e nese mesmo día, 8 de setembro, o Concello recibe a oferta económica de Desproi sen ter solicitado ningunha outra. O expediente tamén recolle que o Concello tardou menos de 24 horas en realizar un estudo comparativo de mercado, que se limitou a unhas consultas en páxinas web de portais inmobiliarios. O día 9 de setembro, asinouse o informe que avala a elección do inmoble de Desproi, para o contrato que sería aprobado pola Xunta de Goberno 5 días despois, o 14 de setembro. En relación a este informe, Compostela Aberta recorda que o técnico municipal que o asina é unha persoa que tén ocupado diferentes cargos na executiva local do PSOE, foi responsable de Política Territorial na executiva de 2015; e que mesmo en marzo de 2022 foi proposto pola agrupación socialista presidida por Bugallo como delegado para o comité provincial do PSdeG.
????️ @maria_rzs: “Estamos diante dunha contratación irregular, e hai moitos datos da vinculación de Pichel coa empresa contratada” pic.twitter.com/aPrk2lRbcb
— Compostela Aberta (@compostelaberta) January 17, 2023
Ademais, o comunicado do PSOE non explica os motivos polos que o alcalde asinou un contrato dun ano de duración con Desproi cando o acordo da Xunta de Goberno falaba de catro meses, unha cuestión que non é menor tal e como advirte o Interventor municipal, que sinala que esta circunstancia fai que o contrato sexa nulo de pleno dereito. O grupo socialista tampouco aclara por que non someteu o contrato de alugueiro á fiscalización que era preceptiva, por que ignorou os cinco informes da Intervención municipal que advertían das irregularidades neste expediente, e se solicitou ou non o informe da asesoría xurídica, tal e como lle recomenda o interventor, para pedir unha revisión de oficio do contrato.
O grupo socialista tampouco aclara por que o alcalde asinou un contrato dun ano de duración, cando a Xunta de Goberno acordara un prazo de catro meses
Reforma de Amio
O comunicado do PSOE tamén é impreciso no que tén que ver co proceso para o acondicionamento da que será a sede definitiva para as concellerías de Medio Rural e Parques e Xardíns. O grupo de Goberno sinala que “paralelamente trabállase na adecuación dunhas oficinas definitivas en Amio, aproveitando o fin próximo da concesión privada”. Non en tanto, o grupo socialista esquece que o proxecto de arranxo desas instalacións foi aprobado en xullo de 2021, e desde entón o Goberno xa sabía que non existía plena dispoñibilidade dos espazos afectados pola obra. Aínda así, non procurou ningunha alternativa para os departamentos afectados pola demolición da estación de autobuses, e aprobou un alugueiro provisional por catro meses, o mesmo prazo previsto para o arranxo das instalacións de Amio que sabían que non poderían iniciar a curto prazo.
A relación de Pichel con Desproi
Para Compostela Aberta é sorprendente que o Goberno xustifique no seu comunicado que “na declaración de intereses de José Manuel Pichel non constara ningunha vinculación nin participación accionarial con Desproi”, porque o concelleiro de Medio Rural era perfectamente consciente da súa relación coa empresa á que o Concello lle alugou un inmoble para ser utilizado polo seu propio departamento. José Manuel Pichel, recorda CA, foi administrador solidario de Desproi ata o ano 2016, e consta que con posterioridade a esa data a empresa Servicios Técnicos Gaia, da que declarou ser administrador único á súa chegada ao Goberno, mantiña accións en Desproi SL. Malia esa relación, Pichel non se ausentou da Xunta de Goberno na que se aprobou o alugueiro.
Compostela Aberta pediulle a Bugallo que, se realmente era descoñecedor dos vínculos de Pichel con Desproi, aparte ao concelleiro das súas competencias ata que dea todas as explicacións sobre o alugueiro e as irregularidades que rodean o contrato. Ao tempo, advertiulle que as responsabilidades do acontecido non se limitan ao edil de Medio Rural, “porque foi o propio alcalde quen asinou o contrato a proposta da concelleira Mila Castro e foi o Goberno no seu conxunto quen ignorou as recomendacións da Intervención municipal, quen fala dun contrato nulo de pleno dereito e sinala que “tendo en conta as recomendacións do Tribunal de Contas, pode o órgano municipal competente solicitar un informe da Asesoría Xurídica, -petición que este órgano de fiscalización recomenda- de valoración sobre a conveniencia de ir máis aló de realizar unha mera validación de gastos pòr invocación do enriquecemento inxusto levar a cabo unha revisión de oficio pla que se aprecien os incumprimentos e as súas consecuencias”.