• Xan Duro acusa a Mila Castro de “absoluta pasividade cun proxecto que o Goberno de CA desbloqueou no anterior mandato e que tén un enorme potencial turístico”

O concelleiro Xan Duro cualificou hoxe de “inexplicable e decepcionante” que o Goberno de Bugallo recoñeza que non sabe como se vai financiar o tramo de  Santiago da Vía Verde, “tras dous anos de mandato, e cando xa deron comezo as obras da senda no termo municipal de Oroso”. Para o edil de Compostela Aberta, “a concelleira de Medio Ambiente Mila Castro deixou en evidencia no Pleno de onte a súa absoluta pasividade nun proxecto que o propio Bugallo anunciou en 2008, que non foi quen de resolver na súa anterior etapa na alcaldía, e que agora volve paralizar tras recibilo desbloqueado do Goberno de CA”.

No Pleno celebrado onte, e en resposta a unha pregunta de Compostela Aberta, Mila Castro recoñeceu que o tramo de Santiago da Vía Verde non contará coa subvención europea que a Deputación da Coruña solicitara para financialo, e non ofreceu máis alternativas para o financiamento da actuación que a solicitude doutra axuda por parte do organismo provincial. Para Xan Duro, “as palabras da concelleira de Medio Ambiente fannos temer que existe o serio risco de que a infraestrutura non chegue a completarse, porque mentres as obras xa están licitadas nos outros tramos e en marcha no de Oroso, o Goberno de Santiago non tén Plan B para acometer a súa parte da actuación”. O concelleiro lembrou que durante o mandato de Compostela Aberta “conseguimos desbloquear a Vía Verde, ampliamos o seu percorrido ata Cerceda, e demos todos os pasos precisos para que este proxecto se convertira en realidade, máis de dez anos despois de que se anunciara”. Fronte a iso, sinalou, “nos dous anos de Goberno do PSOE non se deu ningún paso para viabilizar a Vía Verde no tramo de Santiago, ao contrario do que aconteceu nos outros municipios implicados”.

Gastar en estudos que despois se ignoran

O concelleiro de Compostela Aberta incidiu en que “a Vía Verde é unha infraestrutura que podería vertebrar a mobilidade alternativa na zona norte do municipio, e conta cun enorme potencial turístico e de lecer”. Xan Duro lembrou que o Goberno de Bugallo gastou o ano pasado máis de 100.000 euros en diversos estudos sobre o sector turístico, “pero ignora e non prevé como financiar as accións que recomendan, como o desenvolvemento de percorridos verdes, incorporando alternativas pacíficas para desprazamentos medios e curtos”. Ademais, Duro lembrou que, no seu programa electoral, o PSOE comprometíase “transformar en Senda Verde o antigo trazado ferroviario desde a estación da Sionlla ata o remate do termo municipal. Esta iniciativa debería ser complementada ata a estación de Uxes, próxima á Coruña”.

Xan Duro instou ao Goberno local a procurar alternativas que garantan o financiamento do tramo de Santiago da Vía Verde, con independencia de que a Deputación da Coruña acceda á subvención europea que segundo Mila Castro vai solicitar a finais de ano para a actuación”

No que levamos de mandato, Compostela Aberta pediu reiteradamente explicacións sobre os seus plans ao respecto do tramo de Santiago da Vía Verde, tanto no Pleno como en preguntas formuladas para a súa resposta por escrito. En todos os casos, as respostas do Goberno apuntan a que a única opción barallada é o financiamento a través da subvención que poida conseguir a Deputación da Coruña, e que tras dous anos, non está aínda garantida.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies