• Compostela Aberta pide información sobre as xestións para dotar a zona vella dun centro cívico

O Goberno local vén de confirmar, na resposta escrita a unha pregunta formulada por Compostela Aberta, que mantén pechadas ao público as aulas de lectura dos centros cívicos Aurelio Aguirre de Conxo, Agustín Bueno do Castiñeiriño, e José Saramago de Vite. Na actualidade, só funcionan no seu horario habitual as bibliotecas dos centros de Santa Marta e Fontiñas.

Despois de ter recibido diferentes queixas veciñais, o grupo municipal de Compostela Aberta rexistrou o pasado 4 de outubro unha pregunta sobre o peche das bibliotecas dos centros cívicos. O Goberno entregou a súa resposta escrita o pasado luns, no último día do prazo establecido polo regulamento municipal, e nun documento no que non se aclara a quen corresponde a súa sinatura. Na contestación recoñécese que se fixeron “certos reaxustes de horarios nas aulas de lectura, coa idea de axustarse ao montante horario das horas dispoñibles no contrato con Ferrovial”. Eses “reaxustes” supoñen na práctica o peche das bibliotecas dos centros cívicos de Conxo, Castiñeiriño e Vite.

Compostela Aberta preguntara polos horarios concretos de todas as aulas de lectura da rede de centros cívicos, e na súa resposta o Goberno recoñece que só están a funcionar no horario habitual as dos centros de Santa Marta e Fontiñas. O grupo municipal de CA tivo constancia desta situación só dúas semanas despois de que o concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, presentara a programación trimestral das aulas de lectura e de xogos da rede en rolda de prensa, e de que se difundira un folleto informativo no que se recollían os horarios das bibliotecas de Vite, Castiñeiriño e Conxo.

Centro Cívico da Cidade Histórica

O grupo municipal de CA tamén rexistrou hoxe unha pregunta para a súa resposta por escrito sobre o futuro centro cívico da cidade histórica. Compostela Aberta quere saber que pasos se teñen dado para aprobar o convenio coa Universidade de Santiago para a cesión da Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega e se se teñen introducido modificacións no texto que xa recibira o visto bo da Xunta de Goberno durante o pasado mandato, tendo en conta que no Pleno ordinario do pasado mes de xullo o Goberno expresou a súa vontade de “negociar coa USC os termos do acordo”. 

No Pleno de xullo, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira Mercedes Rosón reiteraran a súa intención de converter o inmoble propiedade da USC na nova Oficina da Cidade Histórica e aseguraran que estaban avanzadas as negociacións con Afundación para que o centro cívico da zona vella estea na antiga biblioteca da Obra Social da Caixa Galicia, na praza de Salvador Parga. Ao respecto, Compostela Aberta pídelle ao Goberno que explique que prazos manexa para a creación da Oficina da Cidade histórica, en que punto están as negociacións con Afundación e cando prevé dotar a zona histórica do ansiado centro cívico, se ten rendido contas das súas xestións diante da veciñanza afectada, e que previsión ten para resolver a situación dos servizos centrais do departamento municipal de Centros Cívicos, que actualmente están localizados no CSCX do Ensanche tendo en conta que a Afundación ten solicitado xa ao Concello a reversión do inmoble, da súa propiedade.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA FORMULADA POR COMPOSTELA ABERTA SOBRE O PECHE DAS BIBLIOTECAS DA REDE DE CENTROS, E PODES VER AQUÍ A RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA FORMULADA POR COMPOSTELA ABERTA SOBRE O CENTRO CÍVICO DA CIDADE HISTÓRICA

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies