• Todos os grupos da oposición coinciden en que “un Goberno en minoría non pode tomar só unha decisión que lle afectará ás catro próximas Corporacións municipais”
  • Martiño Noriega e Rafael Peña despídense do Pazo de Raxoi “co orgullo de ter traballado por Santiago, sempre desde a honestidade”

O Pleno da Corporación acordou onte a creación dunha comisión que determine o mellor modelo de xestión do ciclo integral da auga, coa aprobación da proposición que fora presentada nese sentido por Compostela Aberta. A proposta contou cos votos a favor do PP e do BNG, e a abstención do PSOE. Na súa intervención, Marta Lois reiterou que “un Goberno en minoría como é o de Bugallo non pode decidir unha concesión do servizo a 25 anos sen antes estudar todas as posibilidades, porque esa decisión está hipotecando a futuras corporacións municipais”.

A concelleira de Compostela Aberta incidiu en que “o servizo da auga vén sendo xestionado en Santiago pola mesma empresa desde hai 50 anos, a rede sofre a día de hoxe importantes deficiencias, e o alcalde insiste en que a única maneira de solucionalas é a través dunha concesión como a que xa existe”. Para Marta Lois, o Goberno do PSOE “é quen debe abandonar as posicións ideolóxicas prefixadas que intenta atribuírlles a outros grupos, e estudar modelos alternativos en base a criterios de eficiencia e eficacia”. Nesa mesma liña, PP e BNG argumentaron os seus apoios á creación da comisión, mentres que o alcalde deixou claro na súa intervención que fará valer as competencias da Xunta de Goberno e non haberá cambio de modelo: “se houbera un cambio de modelo, a decisión pasaría polo Pleno, pero non vai ser o caso”, dixo o alcalde socialista.

Na proposición de Compostela Aberta aprobada onte establécese a creación dunha comisión que determine a forma máis sostible e eficiente de xestionar o ciclo da auga, na que estean representados todos os grupos políticos da Corporación e os servizos municipais que se estime necesario, tales como os de Contratación, Persoal, Asesoría Xurídica ou a Oficina Orzamentaria. Ademais, o acordo prevé que esa comisión impulse un foro para socializar os traballos feitos e abrir un debate público coa cidadanía de Santiago.

Outros acordos

No Pleno de onte tamén quedaron aprobadas por unanimidade dúas mocións que fora inicialmente presentadas por Compostela Aberta, mais que acabaron sendo votadas como mocións conxuntas dos catro grupos da corporación. Así, recibiu luz verde unha moción na que se instaba á Xunta de Galicia a revisar e mellorar as políticas públicas de aplicación da Lei de Dependencia. A proposta fora presentada tras coñecerse o caso dun neno de Ames, escolarizado en Santiago, ao que a Consellería de Políticas Sociais lle rebaixou o grao de dependencia sen xustificación algunha, e tras comprobarse que este non fora un caso illado.

A segunda moción impulsada por CA e asumida por todos os grupos insta á Xunta a revisar e mellorar os protocolos de atención ás familias despois do falecemento en accidente dalgún dos seus membros. Neste caso, a moción asume as demandas que vén realizando Esperanza Rodríguez, unha compostelá que perdeu ao seu fillo nun accidente de tráfico, e que denuncia que a súa dor se viu aprofundada pola falta dunha atención adecuada, a tardanza na realización da autopsia ao corpo do mozo, os impedimentos para ver o cadáver, e mesmo a falta dun lugar no que poder despedirse do fillo. Esperanza interviu ao comezo do Pleno e emocionou co seu relato ao conxunto da Corporación municipal.

Tamén interviu na sesión Javier Suárez-Vence, en representación de Área Central, a partir da proposición presentada polo PP e á que se lle incorporou unha emenda transacionada de CA, para que o Concello busque unha fórmula de colaboración que contribúa ao mantemento desta zona comercial. A moción foi aprobada coa abstención do PSOE, e co voto a favor dos tres grupos da oposición.

Ademais, aprobouse unha moción conxunta de BNG, CA e PSOE en relación ao uso dos remanentes municipais por parte das entidades locais. A cuestión foi ao Pleno por iniciativa no Bloque, pero finalmente incorporouse unha emenda de Compostela Aberta que posibilitou unha moción conxunta dos tres grupos progresistas para esixirlle ao Goberno do Estado que permita aos Concellos o uso da totalidade do seu superavit do 2019, así como a derogación urxente dos artigos que afectan á autonomía local da chamada Lei Montoro. Ademais, o acordo establece que o Goberno municipal debe informar do marco financeiro resultante do orzamento do 2020 e seguintes do Concello de Santiago tendo en conta o principio de acordo ao que teñen chegado o Goberno español e a Federación Española de Municipaios e Provincias (FEMP) sobre o uso de remanentes de tesouraría.

Despedida de Martiño Noriega e Rafael Peña

No Pleno de onte tamén se deu conta da renuncia ás súas actas de concelleiros de Martiño Noriega e de Rafael Peña. Os dous expresaron o seu orgullo por ter formado parte da Corporación Municipal, e recibiron as palabras de agradecemento dos voceiros e voceira dos demais grupos políticos e tamén do alcalde.

Na súa intervención, Martiño Noriega agradeceu “ao conxunto da veciñanza a oportunidade de ter sido alcalde de Santiago, algo que me vai marcar para toda a vida, e do que fago un balance moito máis positivo que negativo”. O xa exconcelleiro incidiu en que “foi unha honra representar a esta cidade, voume coa tranquilidade de ter actuado sempre desde a honestidade, sen ceder ás presións dos que querían manter o status quo”. Martiño Noriega rematou desexándolle sorte e acertos á Corporación municipal, e en particular ao Goberno, nestes momentos tan complicados que estamos a vivir.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies