- A proposición contou co apoio de BNG e PP, mentres que o PSOE abstívose na votación
- Toda a oposición secunda tamén a moción de Compostela Aberta para instar ao Goberno a desenvolver un plan para facilitar a conciliación tras a crise da Covid-19
O Pleno da Corporación aprobou onte a proposición presentada por Compostela Aberta para a creación dunha comisión especial que impulse un plan de Rescate Social tras a crise da Covid-19. A proposta contou cos votos a favor de BNG e PP, mentres que o PSOE abstívose. A concelleira Marta Lois, encargada de defender a proposición, advertiu que “os grupos da oposición veñen mantendo unha actitude responsable e constructiva nas últimas semanas, pero vemos con preocupación como o Goberno socialista vai máis lento que as fases da desescalada”.
Na proposición aprobada no Pleno de onte, Compostela Aberta instaba ao alcalde a crear unha comisión especial que impulse un Plan de Rescate Social para Santiago tras a crise do coronavirus, na que estean representados todos os grupos da corporación municipal. Na súa intervención, Bugallo incidiu en que xa existe un órgano acaído para desenvolver ese traballo, o Consello Económico Social, mais, tal e como lle lembrou Marta Lois, “nese órgano o papel da oposición non tería o protagonismo que se require nestes momentos, despois de semanas nas que Compostela Aberta e máis os outros dous grupos demostraron a súa responsabilidade e a súa actitude propositiva diante dunha situación de emerxencia”. A concelleira urxiu ao Goberno a “colaborar coa oposición no deseño dun Plan de Rescate Social que garanta os dereitos sociais de toda a cidadanía de Santiago tras a crise da Covid-19, que poña o foco nas políticas sociais, nos coidados e na conciliación; e que atenda á recuperación do emprego”.
Na proposición aprobada tamén se reclama a creación dunha Mesa de diálogo social con representantes das centrais sindicais e do tecido empresarial e comercial da cidade, “para manter unha colaboración constante, e para consensuar medidas de rescate fronte ás consecuencias económicas da pandemia”. Ademais, no acordo introduciuse un terceiro punto, a partir dunha emenda presentada polo PP, para sinalar que “un dos primeiros traballos da comisión será a reconsideración do vixente orzamento municipal de 2020 co fin de determinar as partidas que son susceptibles dunha reasignación para destinalas a fins sociais e axudas económicas para a reactivación do tecido comercial e empresarial de Santiago”.
Plan de conciliación
Tamén co apoio de BNG e PP e coa abstención do PSOE, o Pleno aprobou na súa sesión ordinaria de onte a proposta de Compostela Aberta para instar ao Goberno local a adoptar medidas que faciliten a conciliación da vida familiar e laboral tras a pandemia da Covid-19. Marta Lois foi tamén a encargada de defender a moción, na que CA lle demandaba ao Concello que habilite espazos nos que se poidan desenvolver actividades de conciliación para nenos e nenas, cumprindo todos os requisitos de saúde pública, tales como os centros de Educación Infantil, Primaria e ESO; os centros cívicos ou as instalacións deportivas.
Marta Lois advertiu que “co inicio da desescalada e a apertura da actividade económica son moitas máis as familias que se enfrontan a novas dificultades en relación aos coidados das crianzas, porque os colexios seguen pechados”. Ainda que desde o Goberno se asegurou que o plan de conciliación xa está ultimado e á espera de coñecer as indicacións do Estado sobre este tipo de actividades, a concelleira de CA incidiu en que “xa son moitos os concellos da nosa contorna que teñen abertos os prazos de inscripción en programas de conciliación, para ter unha previsión en canto ao seu número de participantes que permitan deseñar as actividades con todas as garantías e atendendo ás recomendacións de saúde pública”.
O Pleno pide investigar a xestión das residencias de maiores
A pandemia da Covid-19 foi o asunto central no Pleno de onte, no que quedaron aprobadas dúas mocións sobre a xestión das residencias durante a crise sanitaria, unha presentada conxuntamente por Compostela Aberta, PSOE e BNG, e a outra asinada polo PP. No Pleno interviu Javier Quián, en representación dos familiares das persoas usuarias da residencia DomusVi de San Lázaro, na que segundo os datos das traballadoras do centro, morreron máis de 50 persoas por mor do coronavirus.
Na súa intervención, o portavoz de CA lembrou que o 45 por cento das mortes pola Covid-19 en Galicia foron en residencias de maiores, e destas, o 98 por cento producíronse en centros de xestión privada. Para Martiño Noriega, “as políticas públicas que ampararon este modelo de rede de coidados privatizado fixéronnos moito máis vulnerables á hora de atender ás persoas maiores nas residencias, pero tamén limitaron a nosa capacidade de acción”. Nese sentido, o concelleiro salientou que “cando amparas un modelo que antepón o lucro á necesidade das persoas, estás limitado para responder diante do que aconteceu, porque actuaches como testaferro. E iso foi o que fixo o Goberno da Xunta, porque desde que Feijóo é presidente non se creou nin unha soa praza en residencias de maiores xestionada desde o público”. Noriega lembrou que “das carencias deste modelo levan anos advertindo os familiares das persoas usuarias das residencias, e mesmo o Consello de Contas, pero todo isto agora transparentouse como drama colectivo, como algo que nos debera que avergoñar como sociedade”.
Na proposición conxunta aprobada onte, a Corporación municipal insta ao Parlamento de Galicia a crear unha comisión de investigación sobre a xestión nas residencias da terceira idade dos contaxios e falecementos por mor da crise da covid-19; e ínstase á Xunta de Galicia a presentar un informe no Parlamento no que consten as accións realizadas nestes centros, así como os expedientes abertos e as sancións aplicadas diante de posibles incumprimentos. Tamén se insta á Xunta a elaborar un plano para a medicalización das residencias diante dos posibles rebrotes da pandemia nos próximos meses, e a garantir que a nova residencia que está previsto construír en Santiago sexa de xestión pública.