O Pleno converte en declaracións institucionais dúas propostas de Compostela Aberta en materia ambiental

As iniciativas de CA relacionadas coa emerxencia climática e a canteira de Miramontes conseguen o apoio unánime dos grupos municipais

O Pleno da Corporación aprobou na súa sesión ordinaria de decembro, celebrada o día 19, dúas declaracións institucionais pactadas polos grupos municipais a partir das propostas rexistradas por Compostela Aberta en materia medioambiental. Así, recibiron luz verde cadanseu texto en rexeitamento do desenvolvemento dunha planta de valoración de residuos da construción en Miramontes, e para facer fronte á emerxencia climática.

Canteira de Miramontes

A declaración institucional sobre Miramontes naceu dunha moción presentada por Compostela Aberta, tras coñecerse que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu a consulta pública o Proxecto Técnico e de Explotación para unha Planta de valorización de residuos de construción e demolición na Grixoa, no espazo no que xa existe unha planta de tecnosolos, un vertedoiro de residuos e unha canteira. No texto recórdase que o complexo “leva sendo un foco de conflito permanente coa veciñanza da zona polos múltiples impactos ambientais que xera como cheiros, lixiviados, contaminación de regatos, verquidos incontrolados ou tráfico intenso de camións”, e por iso a Fiscalía de Medio Ambiente tén presentada unha denuncia contra estas instalacións por delito ambiental, denuncia á que se sumou o Concello de Santiago durante o pasado mandato, como tamén se persoou nos procesos iniciados pola Plataforma de Miramontes.

No acordo do Pleno da semana pasada sinálase que o Concello de Santiago alegará administrativamente ao respecto do desenvolvemento dunha planta de valoración de resíduos da construción e demolición en Miramontes. Ademais, a Corporación insta á Xunta a extremar as garantías medioambientais no exame do novo proxecto, e a considerar con especial atención as alegacións presentadas polo Concello e pola veciñanza afectada, particularmente a paralización do inicio de calquera nova actividade, como mínimo ata que finalicen os procesos xudiciais abertos.

Emerxencia climática

Tamén en materia ambiental, o Pleno aprobou unha declaración institucional para declarar a emerxencia climática no Concello de Santiago e para definir un decálogo de medidas coas que facerlle fronte. O texto partiu da moción presentada por Compostela Aberta, e está relacionado coa emerxencia climática e ambiental que o Parlamento Europeo declarou o pasado 28 de novembro, comprometéndose a neutralizar as emisións de gases de efecto invernadoiro para 2060.

Tal e como se recolle no texto, “os Concellos, como administración pública máis próxima á cidadanía, deben ter un papel activo na loita contra o cambio climático; deben concienciar á poboación pero tamén adoptar medidas dirixidas a reducir o consumo enerxético e a contaminación”. Paralelamente, engádese, “deben velar pola calidade dos espazos naturais (…), a preservación e a recuperación da biodiversidade debe ser un obxectivo ineludible para calquera acción municipal, que, diante das alteracións do clima, deben ir dirixidas a renaturalizar os espazos verdes, reducindo o consumo de auga e evitando especies foráneas e alerxénicas”.

Na declaración institucional aprobada, o Pleno da Corporación comprométese a reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro, para garantir a súa baixada como mínimo do 40% ata 2030; a impulsar un Plan de Acción para as Enerxías Sustentables e o Clima; a fomentar a eficiencia enerxética dos inmobles municipais e abandonar progresivamente os combustibles fósiles; e a impulsar o uso da enerxía renovable, primando que sexa a orixe 100% renovable nos contratos públicos de subministración, que deberán incluír unha reserva para casos de poboación en situación de pobreza enerxética. Ademais, e en virtude do texto aprobado por unanimidade, o Concello deberá apostar por un alumeado público máis eficiente, substituíndo as instalacións que non o sexan; renovar progresivamente o parque móbil municipal introducindo vehículos híbridos e eléctricos; monitorizar a calidade do aire e impulsar unha ordenanza de verquidos industriais; e desenvolver unha nova política de xsetión de residuos, apostando pola compostaxe. Por último, a declaración institucional recolle a necesidade de naturalizar os parques da cidade e de eliminar de xeito progresivo os eucaliptos e outras especies invasoras e de cooperar coa cidadanía nesta materia, a través do Consello Municipal de Medio Ambiente e doutros programas de sensibilización como a Tropa Verde ou o “Descarboniza! Que non é pouco…”, que foron desenvolvidos no pasado mandato.

PODES CONSULTAR AQUÍ A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOBRE A CANTEIRA DE MIRAMONTES

PODES CONSULTAR AQUÍ A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOBRE A EMERXENCIA CLIMÁTICA

Novas
relacionadas

María Rozas: “Os remanentes de 2022 son a última demostración de que Bugallo é un alcalde incapaz”

A portavoz de Compostela Aberta cualifica de “escandaloso que o Goberno peche o ano con 24 millóns de euros sen gastar e 14 millóns de gastos pendentes”

Marta Lois: “O Goberno non pode permitir que sigan pechados máis de 40 postos da Praza de Abastos”

Compostela Aberta propón a convocatoria dun concurso, acompañado dunha liña específica de axudas, para darlle un uso aos espazos desocupados do mercado, priorizando proxectos de economía social e que permitan a inserción laboral de persoas desempregadas de longa duración

María Rozas: “Bugallo cambiou un centro para persoas sen fogar por un edificio de despachos poñendo en risco un millón de euros de fondos europeos”

Compostela Aberta pedirá explicacións no Pleno sobre o modelo do Centro de Inclusión “do que a concelleira de Políticas Sociais non informou ás entidades sociais que traballan en Santiago”

Jorge Duarte: “Hai consenso político e técnico sobre cal é o mellor proxecto para Castrón Douro, e só Bugallo leva a contraria”

Na comisión asesora de hoxe, quedou sobre a mesa a modificación do proxecto da II fase de Castrón Douro por falta de apoios, e Compostela Aberta demandará no Pleno que se manteña o acordado no pasado mandato coa veciñanza

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo