O Pleno da Corporación evidencia o atraso do Goberno do PSOE na licitación dos grandes contratos

Aprobadas tres proposicións, unha de cada grupo da oposición, que reclaman axilizar os procedementos de adxudicación, previo diálogo tanto coas formacións políticas como co persoal dos servizos afectados
  • Aprobada a proposición de Compostela Aberta para instar ao Goberno a reservar unha porcentaxe das licitacións públicas para Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social
  • A Corporación apoia tamén as mocións de CA para a elaboración dun Plan de Xuventude, a introdución de novas exencións fiscais, e o recoñecemento da música ao vivo como parte da singularidade cultural de Santiago

O Pleno da Corporación deixou en evidencia os atrasos que acumula o Goberno do PSOE na licitación dos grandes contratos pendentes, que lle afectan a servizos tan importantes como o do transporte urbano, a recollida do lixo e a limpeza viaria, e a xestión dos centros socioculturais. Foi a través das proposicións presentadas polos tres grupos da oposición, que quedaron aprobadas coa abstención dos socialistas. A portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, afeoulle ao Goberno “que siga buscando escusas e culpando a outros da súa incapacidade para sacar adiante os procedementos de adxudicación, mesmo despois de ter presumido dun Plan de Contratación millonario que ía axudar á recuperación económica de Santiago tras a crise da Covid-19”.

Os tres grupos da oposición, Compostela Aberta, PP e BNG, levaban ao Pleno de decembro cadansúa proposición para instar ao Goberno a iniciar de maneira urxente a licitación dos contratos de transporte urbano, recollida do lixo e xestión dos centros socioculturais, e a iniciar un proceso de diálogo sobre os pregos tanto cos grupos políticos como co persoal das concesionarias. Marta Lois lembrou na sesión que “o alcalde presentou en xuño, xa en plena pandemia, un Plan de Contratación no que se incluían estes contratos, e co compromiso de licitalos antes de que rematara o ano”. No caso do servizo do lixo, lembrou a portavoz de CA, “o compromiso do Goberno era o de iniciar a licitación en xullo, pero seis meses despois nada sabemos dese procedemento”. Ante as escusas esgrimidas pola concelleira responsable de Contratación, Lois lembrou que “durante o pasado mandato o PSOE reiterou continuamente o mantra de que Compostela Aberta non sabía xestionar, pero 18 meses despois da súa chegada ao Goberno non son quen de sacar adiante eses contratos, e se non saben xestionar non é o problema de CA, pero sí é o problema da veciñanza de Santiago”.

As proposicións ao respecto dos atrasos na licitación dos contratos quedaron aprobadas cos votos de CA, PP e BNG, mentres que o PSOE abstívose nas tres votacións. No Pleno interviu Gabriel Mugico, en representación dos traballadores das concesionarias, que reclamou un maior diálogo co persoal para mantelo informado dos procesos de licitación e das cuestións que neles lles afectan. Os traballadores e traballadoras dos servizos de transporte e recollida do lixo volveron concentrarse ás portas do Pazo de Raxoi coincidindo co inicio do Pleno, como xa fixeron nas dúas sesións celebradas con anterioridade.

Reserva de contratos para Centros Especiais de Emprego

O Pleno da Corporación tamén aprobou a proposición de Compostela Aberta para instar ao Goberno a reservar unha porcentaxe mínima do 7 por cento das súas licitacións para Centros Especiais de Emprego, dándolle cumprimento á Lei de Contratos do Sector Público. A proposición foi defendida por Marta Lois, que lamentou que o Goberno do PSOE “obviara esta obriga na licitación do servizo de mantemento de parques e xardíns, na que optou porque a empresa concesionaria subcontrate unha mínima parte do servizo a Centros Especiais de Emprego”. A voceira de CA lembrou tamén que a Lei de Contratos “pretende favorecer as licitacións por lotes, pero o Goberno do PSOE tampouco parece ter vontade de cumprir este apartado, segundo se desprende do Plan de Contratación presentado para 2020”. A proposición de CA contou co apoio do BNG, mentres que PSOE e PP abstivéronse na votación.

Ademais das proposicións, no Pleno de decembro quedaron aprobadas todas as mocións presentadas polo grupo municipal de Compostela Aberta. Así, BNG e PP apoiaron a proposta defendida por Branca Novoneyra para instar ao Goberno a desenvolver un Plan Municipal de Xuventude, que implique a todos os departamentos municipais e que conte con suficiente orzamento. Tamén obtivo luz verde da Corporación a moción para instar á Xunta a recoñecer a música ao vivo como unha parte fundamental da singularidade cultural de Santiago, e a adoptar medidas para permitir que se celebren concertos nos establecementos de hostalería con todas as garantías xurídicas. Neste caso, o PSOE apoiou a proposta, ao igual que o BNG, mentres que o Partido Popular abstívose.

Co apoio de BNG e PP, e outra vez coa abstención do PSOE, quedou aprobada a moción defendida pola concelleira María Rozas para introducir nas ordenanzas fiscais novas exencións para as persoas e empresas máis damnificadas pola crise da Covid, á que se incorporou unha emenda do grupo nacionalista. Na proposta inclúense exencións nas taxas de saneamento e subministro de auga para empresas e autónomos, así como a devolución do importe cobrado pola taxa de recollida do lixo, relativa á tarifa fixa. María Rozas lembrou que foron moitos os concellos que suspenderon íntegramente o cobro desta taxa, e non só da tarifa variable como fixo Santiago, e instou ao Goberno do PSOE a “non caer no erro de que xa fixo todo o que podía facer polos sectores máis perxudicados pola crise e as restricións derivadas da pandemia”.

Por último, o Pleno aprobou a moción de Compostela Aberta ao respecto da Lei de Reactivación Económica de Galicia, neste caso co apoio de PSOE e BNG e co voto en contra do PP. Na súa intervención, Xan Duro lembrou que esta normativa “afectarános tamén en Santiago, porque permitirá que se ddesenvolvan con máis facilidade proxectos agresivos para o medio ambiente e o territorio, proxectos como o da mina de Miramontes ou o do fallido vertedoiro de Corexo”.

Novas
relacionadas

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas preséntalle ao Club Financiero de Santiago as propostas de CA en materia de reindustrialización

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía comprometeu a creación dunha Oficina de captación e retención de empresas “que facilite a burocracia aos empresarios e emprendedores”

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo