Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, "uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago".
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

A portavoz de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa mostrou a súa satisfacción por un acordo “que volve mostrar que os tres grupos de esquerdas da Corporación Municipal temos altura de miras e antepoñemos os intereses de Santiago a calquera outra consideración”. María Rozas incidiu na vontade de diálogo e na capacidade de chegar a acordos en prol do interese común “porque esta é a esencia da democracia, e temos que reivindicala fronte a un Partido Popular que de maneira recurrente cuestiona a lexitimidade do Goberno bipartito”.

A concelleira de CA explicou que o acordo de orzamentos “permitirá seguir impulsando políticas públicas progresistas e transformadoras, seguindo o mandato das urnas”. Tamén garanten, dixo, avances en cuestións como a igualdade de oportunidades, a diversificación económica, o emprego, a mobilidade sostible, os dereitos sociais, a vivenda, ou os servizos públicos de calidade. María Rozas mostrouse convencida de que os orzamentos serán “unha ferramenta eficaz para lograr un Santiago mellor”, da mesma maneira que os presupostos de 2024 permitiron avanzar cara unha Compostela máis social, con medidas concretas como o reforzo do contrato do Servizo de Axuda no Fogar ou o incremento das bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares.

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Municipal Socialista asegurou que o acordo vai “máis aló de números e cifras” supoñendo, na práctica, unha “folla de ruta a seguir para este 2025” con prioridades claras como a vivenda, o reforzo de persoal en determinados servizos -como Policía Local ou Bombeiros-, melloras nos equipamentos públicos da cidade así como accións para “abordar o desafío da saúde mental” . Para Gonzalo Muíños, alcanzar este acordo co goberno local supón demostrar “unha vez máis” que “temos palabra e que estamos comprometidos con Compostela”.

“Só podemos manifestar a nosa satisfacción por poder demostrar hoxe que a política serve para mellorar a vida das persoas” defendeu o edil socialista que reivindicou a capacidade de chegar a acordos “en tempos de bronca política e crispación”: “é o responsable, o útil e, ademais, o noso traballo como representantes cidadáns que somos”.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, destacou que este acordo é froito dun diálogo intenso e remarcou a vontade do Goberno e de todos os grupos que o subscriben por chegar a un acordo, poñendo por riba de calquera cuestión as necesidades da veciñanza de Santiago de Compostela, como xa aconteceu para acadar os orzamentos deste 2024. A alcaldesa subliñou, así mesmo, a importancia de contar por segundo ano consecutivo cun proxecto de orzamentos que permita ter unha folla de ruta para avanzar neste 2025 e seguir dando pasos cara adiante na mellora dos servizos de calidade, que é o que máis lle interesa á  veciñanza compostelá.

“Trátase dun orzamento enfocado ás necesidades reais de Compostela, ambicioso mais equilibrado e na liña de modernizar esta Administración, de facela máis eficaz e de prestar servizos de calidade”, sentenciou Goretti Sanmartín, quen destacou os cinco eixes nos que pivotan os orzamentos: o social, a vivenda, a mellora do espazo público e das infraestruturas; un cuarto eixe de equipamentos e o quinto de sustentabilidade ambiental.  “Eixos que teñen que ver con retos de futuro a medio prazo, que é o que guía os orzamentos”, incidiu.

Os orzamentos municipais, que se achegan aos 146 milóns de euros, continuarán nas vindeiras semanas o correspondente procedemento de tramitación administrativa para seren finalmente aprobados no Pleno municipal.

María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos
Novas
relacionadas

Os grupos do Compostela Aberta, BNG e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo