Responsabilidade con Santiago

“Para CA, o responsable cos veciños era estar no goberno e aportar estabilidade”

Entrevista a María Rozas, concellería de Dereitos e Servizos Sociais e primeira tenente de alcaldesa

María Rozas (Santiago, 1981) vén de asumir a concellería de Dereitos e Servizos Sociais logo do pacto de goberno BNG-CA que lle deu a primeira tenencia de alcaldía. Satisfeita con esa delegación —no goberno de Noriega levara a facenda municipal—, a líder de Compostela Aberta é consciente do esforzo negociador que ten por diante un goberno tan minoritario (8 edís). Pero dialogar «vai no noso ADN», di.

—Configuraron vostedes unha coalición con relativa celeridade. Partían de moitos posicionamentos comúns?

—Si. A rapidez coa que fomos capaces de chegar a acordo é porque partimos de liñas comúns de propostas e de modelo de cidade e iso facilitou chegar a entendemento de forma rápida. Tamén é certo que fixemos un esforzo para que ese acordo fose canto antes, entendendo que Santiago precisaba ter un goberno o máis amplo posible e o antes posible e que por CA iso non ía quedar.

—E, á parte da confluencia programática, hai sintonía persoal? É importante en calquera equipo, e máis nunha coalición

—Hai. Funcionamos como un goberno único, de forma conxunta, transversal e cunha interlocución directa entre alcaldesa e primeira tenente de alcaldía

—Haina de momento, non? Sempre poden aparecer friccións.

—De momento, e faremos todo o posible para que sexa así. E se aparece algunha fricción estou segura de que teremos a capacidade para resolvela sen problema.

—Comentou Sanmartín o discurso de investidura con vostede?

—Non, pero tampouco tería que facelo. E o seu discurso de toma de posesión e correspóndelle a ela o que considere oportuno, pero sentinme moi identificada nese discurso e tamén emocionada nalgunhas partes del.

—Houbo liñas vermellas nesa negociación?

—Creo que en negociacións deste calibre non se deben poñer liñas vermellas. Houbo opinións, propostas, co obxectivo de tentar chegar a un punto común, porque CA sempre entendeu que o responsable cos veciños e veciñas era que CA entrara no goberno e deramos eses dous concelleiros para unha maior estabilidade de goberno. Tamén entendiamos que ese goberno tiña que ser máis amplo. Finalmente non o foi, pero nós actuamos con responsabilidade e o que puxemos na mesa en todo o momento foron cuestións nas que podía haber diferenzas, pero co obxectivo de atoparmos un espazo común.

—O PP cuestiona a gobernabilidade polo tamaño do goberno.

—Dende o PP cuestiónano todo. E dende o primeiro momento, dende o mesmo momento en que tomou posesión a alcaldesa. En Santiago temos un exemplo claro de goberno con maioría absoluta que foi un auténtico fracaso, o do PP, ese goberno de tres alcaldes. Entón, as maiorías absolutas non son unha demostración de que o goberno vai funcionar ben. E temos exemplos en diferentes lugares de gobernos en minoría que funcionaron e acabaron consolidándose. Creo que temos un goberno preparado, que, por suposto, ogallá fose máis amplo, porque isto obriga a dedicar máis tempo, un maior esforzo para chegar a acordos.

—Pese á coincidencia no modelo de cidade, houbo temas nos que se diferenciaron claramente, como o da auga. Vostedes queren municipalizala. O Bloque tiña unha posición máis aberta. Que di o acordo programático sobre iso?

—O acordo programático aínda non é público. Dixemos que o iriamos detallando nas próximas semanas. Está pendente agora duns matices e cando chegue o momento o faremos público (…) Entendo que se intenten buscar as diferenzas, pero son máis os puntos en común, e teremos capacidade para chegar a acordos nos principais retos que ten Santiago, por diante das diferenzas. Pero tampouco quero invisibilizar que calquera cuestión plenaria vai ter que chegar a acordos e que iso vai esixir un esforzo importante. E aí tamén espero que o PSOE, tal e como dixo publicamente, faga unha oposición construtiva.

—Outro tanto pasaba coa Casa da Xuventude. O BNG quería tirala, CA, mantela. A que carta aposta o goberno?

—Primeiro, apostamos por aclarar ese convenio da Deputación e o Concello asumido a pouco tempo da campaña electoral, con pouca transparencia e que hipoteca o futuro da casa por 25 anos. E visto iso, tomaremos decisións. Se non aclaramos a situación do convenio non se pode tomar a decisión de cal vai ser o futuro da casa.

—Á marxe diso si se pode aclarar xa se a queren tirar ou non.

—Dende CA sempre defendemos, e aí coincidimos co BNG, que calquera decisión ten que ser participada e consensuada, e máis agora que somos goberno de 8. Calquera decisión será consensuada e participada cos diferentes colectivos e veciños. Pero aquí o primeiro é aclarar e reconducir ese convenio.

– Se nalgún proxecto si coincidían BNG e CA antes de coaligarse era na operación Peleteiro. Agora son eles os que deben aportar solucións, pero precisan o apoio do PSOE ou do PP. Esa foi unha das cuestións nas que os socialistas viron un claro bloqueo da esquerda e do PP no seu mandato.

Agora si que aprema unha solución, porque a propiedade xa pediu licenza para desenvolver o proxecto que ninguén quere, pero o único que pode agora mesmo?

—A alcaldesa xa dixo que intentaría negociar coa Sareb para buscar opcións para que fose unha parcela pública e CA seguirá defendendo que a proposta que saia teña o máximo consenso posible. Iso é posible e haberá que continuar explorando a situación. Tamén é certo que agora aprema máis que nunca e é unha decisión que ten que tomarse canto antes. O solar non pode agardar máis.

—Canto tempo se dan para agardar unha resposta, porque se non terán que negociar coa propiedade?

—Sempre dixemos que un dos principais retos que hai que asumir canto antes é o do soar do Peleteiro e será unha das prioridades. Como goberno sempre defenderemos que sexa unha proposta que teña o consenso veciñal, que é posible. E aprema. Hai que buscar unha solución para xa.

—En dous mandatos perderon vostedes o 80 % da súa representación. Ven neste goberno a oportunidade para recompoñerse?

—Creo que é unha oportunidade para continuar con iniciativas iniciadas, para demostrar que sabemos xestionar e que temos propostas de cidade beneficiosas. E certo que perdemos parte importante da representación do 2015 e non se pode facer só unha lectura a nivel local. Todos eses movementos que xurdiron no 2015 con moita forza foron evolucionando cara a outro rol, pero CA é unha forza consolidade e temos moi claro o que queremos facer.

*Entrevista publicada orixinalmente na Voz de Galicia e reproducida polo seu interese. Pode consultala íntegra no seguinte enlace.

Documentación
relacionada
Novas
relacionadas

Os grupos do Compostela Aberta, BNG e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo