Feijóo e Bugallo posando para os medios.

 

Este luns o alcalde Bugallo e o presidente Feijóo tiveron un encontro que foi efusivamente saudado polos medios locais, como se estiveramos diante dalgún tipo de restauración dalgún tipo de orde perdida. O noso portavoz, Martiño Noriega, explicaba nun fío de Twitter as claves da xuntanza, na que, semella, non houbo novidades, salvo a sintonía:

Compre lembrar que durante o mandato pasado o alcalde Martiño Noriega tivo tres reunións co presidente Feijóo -en marzo do 2016, marzo do 2017 e novembro do 2018– que sempre discorreron coa maior cordialidade e nas que se reflectiu unha colaboración institucional que valeu para pór en marcha a grande parte dos proxectos onte falados.

Mais cordialidade non significa submisión, que foi o que se percibiu na reunión de onte, o Concello de Santiago ten que ter unha axenda propia e o alcalde de Santiago debe de ir aos encontros co presidente do goberno galego con propostas propias, non se pode dedicar só a chupar roda. E onte, semello que o alcalde Bugallo foi máis a colocarse para a foto que a levar propostas concretas, unha foto na que aparece Bugallo como representante desa vella garda do PSOE que se entende perfectamente co PP tanto no Concello como na Xunta.

Desde Compostela Aberta, lamentamos esa imaxe de submisión de Bugallo pero saudamos positivamente que se manteñan as liñas de traballo iniciadas xa co goberno de CA entre o 2015-19, aínda que como acontece sempre coa Xunta con máis demora da desexada. Por exemplo, a residencia da terceira idade nas Fontiñas que foi acordada na segunda reunión con Martiño o 3 de marzo do 2017 e aínda está sen licitar ou o caso das políticas de reindustrialización, das que se fala moito mais das que a Xunta non fixo máis que dar voltas e perder tempo nos últimos dous anos e medio.

Xacobeo 2021 (2027, 2032…)

Na última reunión, de novembro de 2018, entre Martiño e Feijóo xa se acordara impulsar o papel do Consorcio e reforzar as achegas económicas a ese organismo, como vén sendo habitual antes de cada Ano Santo. O goberno de CA deu todos os pasos para conseguir que o Real Padroado se convoque antes de finais de 2021, despois de non ter celebrado ningunha xuntanza nos últimos 15 anos. E tamén froito do goberno de CA sonos proxectos conxuntos como a mellora e rexeneración das entradas dos Camiños de Santiago.

Xa en novembro de 2018 avisamos ao presidente da nosa preocupación diante da inacción da Comisión do Xacobeo, cunha responsable que cobra como unha conselleira mais da que descoñecemos o froito do seu traballo. Agora, semella que por fin se vai presentar, seica este mes, un Plan Estratéxico para Xacobeo 2021 á Comisión do Xacobeo. E sobre as declaracións de Bugallo sobre o futuro no que “Santiago será unha cidade limpa, acolledora e segura no ano 2021” tal vez haxa que lembrarlle que nosa xa é unha cidade limpa, acolledora e segura neste 2019. Parece que, a falta de ideas, Bugallo inventa problemas onde non os hai, e quere vendernos a limpeza das rúas e algún parking de bordo como grandes proxectos xacobeos.

Martiño Noriega asinando o acordo para a reindustrialización de Santiago, en xaneiro de 2017, coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel.

 

Política industrial

Do que si que nos sentimos orgullosos é de ter acompañado as demandas do tecido asociativo do Polígono do Tambre e doutros colectivos como a necesaria (re)industrialización a Xunta ten que pasar das palabras aos feitos que teñen sido poucos depois de terse asinado o acordo para a reindustrialización de Compostela en xaneiro de 2017.

A pesar de acción pasiva da Xunta froito deste acordo foron captación de proxectos como BioIncubatech, Spin_up ou DATAlife, que consolidan a aposta polos sectores da biotecnoloxía e a madeira, sectores escollidos porque a USC é punteira neles. Entendemos que o presidente Feijóo recoñece a pasividade da Xunta cando declara que “temos que recuperar o tempo perdido en canto a industrialización se refire”.

Alén do Xacobeo

A pesar de valorar positivamente a preparación conxunta do Ano Santo é evidente que Santiago é moito máis que o Xacobeo e por iso botamos en falta a falta de iniciativa de Bugallo diante do presidente da Xunta. Como se con ir a misa e cos anos santos se fosen solucionar todas cuestións pendentes que ten Compostela.

Na última reunión con Feijóo Martiño pasoulle ao presidente un listado de 30 temas de traballo conxunto que ían alén do Xacobeo, liñas de traballo en materia de financiamento, infraestruturas, equipamentos, políticas sociais, saúde, rural e medio ambiente, emprego e turismo, e administración pública. Froito deste traballo de Compostela Aberta son practicamente todos os temas tratados onte na reunión como a licitación no último trimestre deste ano da residencia da terceira idade, de 120 prazas, a insuficiente proposta de reforma e ampliación do centro de saúde de Conxo -é necesario un centro novo e moderno que de cobertura ao barrio e toda zona sur da cidade-, as reformas dos colexios de Lamas de Abade ou Politécnico, e a próxima rehabilitación do CEIP Raiña Fabiola, a execución da intermodal ou o mantemento do compromiso de financiamento da Xunta coa nova EDAR da Silvouta

Ainda así, botamos en falta moitas cousas das propostas de CA e das 30 liñas de traballo  que propuxemos en Novembro de 2018. Algunhas ausencias son moi preocupantes como: a cidade da raqueta, o novo aparcadoiro do CHUS, o feche do vertedoiro de Miramontes, o parque comarcal de bombeiros, a casa de acollida para mulleres, o incremento de achegas pola capitalidade, ou a coordenación aeroportuaria, entre outros.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies