O GRUPO DE TRABALLO DE ECONOMÍA E FACENDA CREA UNHA FOLLA DE RUTA PARA ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS E TRANSPARENTES
- Compostela Aberta aposta por orzamentos participativos nos que a cidadanía priorice ingresos e investimentos
- O principio de transparencia rexerá a relación co grupo de goberno e coa veciñanza.
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2015.- Na xuntanza mantida polo grupo de traballo de Economía e Facenda de Compostela Aberta, que contou coa presenza da concelleira María Rozas, fixáronse as principais liñas que marcarán o camiño a seguir en cuestións tan relevantes coma a posta en marcha duns orzamentos participativos, tanto no capítulo de ingresos coma no de investimentos.
De cara a garantir a capacidade do Concello para investir en políticas sociais, ambientais, culturais ou noutras iniciativas que as veciñas e os veciños demanden, deseñaranse modificacións impositivas que non repercutan negativamente nas arcas municipais.
Outra das apostas en materia de economía e facenda é a procura dunha fiscalidade xusta e redistributiva, coas modificacións que sexan pertinentes nas diferentes ordenanzas fiscais de cara a acadala. O principio de transparencia gobernará a metodoloxía do grupo de traballo así como as súas relacións coa responsable da área no concello, María Rozas. Nese mesmo senso estudarase se o o portal Observatorio Urbano, albergado na web do concello, é ou non unha ferramenta válida para facer reais unhas finanzas transparentes para a cidadanía compostelá.
O traballo organizarase a partir de agora en tres subcomisións específicas abertas á participación e a colaboración da cidadanía: a de Orzamentos participativos, a de Ordenanzas fiscais e a do Observatorio económico e fiscal.